UA-55725853-1

28 de ago. de 2014

As Portas de Anubis

Creo que a cousa foi máis ou menos así, e si non foi, farei por inventala. Aínda estaba eu no Instituto cando entrou por primeira vez na miña casa a revista do Círculo de Lectores por man dun comercial que ofrecía, como oferta de entrada, mercar un libro e outro máis de agasallo. Daquela na miña casa tan só había un lector obsesivo, eu mesmo, e devoraba libros como quen devora unha ración de pementos de Padrón, porque aínda pasaría tempo antes de que entrasen na obsesión literaria os meus pais.

Así que chegou o comercial aquel (realmente creo que era aquela) e escollín os primeiros libros que se mercaron ao Círculo de Lectores na miña casa: Fundación, de Isaac Asimov, e Relato de un náufrago, de Gabriel García Márquez, en mestura de diferentes sabores. Ningún dos dous defraudoume, pero eu era, son e serei lector de Ciencia Ficción e por sorte naqueles tempos o Círculo publicaba de xeito regular cousas de Asimov e de outros autores do xénero.

Logo pasaron os anos, empezaron a ser poucos os títulos que foran do meu gusto, e xa sendo eu universitario, un día ca revista na man, decidín escoller un libro en particular, e se vos son sinceiro… pois non sei porque, porque o libro tiña un título bastante repelente que non evocaba nada en particular: As Portas de Anubis. E non ter escoitado falar do libro non axudaba, porque, por exemplo, eu sabía de Asimov, escoitara falar, de que era un dos grandes do xénero, pero dun tal Tim Powers, pois como que non sabía nada de nada.

Supoño que foi a miña intuición, ou algo que lin no comentario sobre o libro na revista, porque daquela non había internet para consultar si un libro pagaba a pena ou non. E acertei, vaia se acertei, porque automaticamente, xa dende as primeiras páxinas, aquel libriño entrou no meu panteón privado de marabillas literarias porque absorbeume literalmente ao Londres de principios do século XIX por un deses buratos no río do tempo, vestiume de levita, paseoume polas apestosas rúas cheas de bandas de pillos, mendigos e ladróns sacadas dalgunha novela de Charles Dickens, presentoume a Lord Byron, ao incrible e sorprendente Willian Ashbless e ao encantador e intelixente Jacky… fíxome escapar de magos adoradores dos antigos deuses exipcios…

Porque as Portas de Anubis é un libro de Ciencia Ficción Fantástica Histórica Aventura Thriller Policíaco e Terror Prestreampunk, cunha trama tan ben elaborada que non deixa fío solto, tan elegante que ten luz propia, e tan viva e complexa que se enreda só para logo desenredarse aos poucos, con doses precisas de respostas e desenlaces, como un puzle do que só temos a imaxe enteira ca última peza, que non deixa de sorprender con novos xiros do argumento, e que aínda así mantén un bo ritmo ata o desenlace final, un final aínda máis sorprendente e aberto xusto no momento no que un empezaba a dubidar que puidese haber unha última sorpresa.

E aínda ten máis cousas… viaxes no tempo, maxia tan ben descrita que parece real, feitos reais mesturados con feitos imaxinarios, lobisomes, monstros variados, deuses exipcios, clons, todo mesturado cunha naturalidade e unha mestría que ás veces un dubida se realmente o pasado non foi así. E que personaxes tan ben definidos, o mago exipcio Romani, o demoníaco paiaso Horrabin, o desafortunado Brendan Doyle, que é o protagonista do libro, o misterioso, xigantesco e esquivo poeta Willian Ashbless, o ladronzuelo Jacky e a súa obsesión por capturar a Cara de Perro Joe… e máis, moitos máis personaxes secundarios que fan desta unha exquisita novela chea de escuridade e luz, porque nunca pasou que, pasadas as doce horas da noite, non chegase o novo amencer.

Non quero destripar o argumento. Só contarei que o antigo culto dos deuses exipcios trata de recuperar a súa forza botando aos colonizadores ingleses, e para elo deciden, usando a súa poderosa e terrible maxia, traer de volta, ao Londres do século XIX, ao fai tempo esquecido deus Anibus… pero algo sae mal, Anubis segue esquecido nas mareas do tempo e as consecuencias dese erro… bueno… hai que ler o libro para saber cales son… Só vos digo unha cousa… non sería extraño escoitar a alguén asubiando Yesterdey en pleno Londres victoriano?


Las Puertas de Anubis, 5º edición
Tim Powers
Título original: The Anubis Gates
Editorial: Gilgamesh Ficción
Año publicación: 1983
Nº de páginas: 448 págs
Encuadernación: Tapa blanda
ISBN: 978–84–930663–9–0

Ningún comentario :

Publicar un comentario