UA-55725853-1

29 de ago. de 2014

Cambio

Hoxe pasoume unha cousa incrible e tan incrible que gustaríame poder compartilo con todos aqueles que ledes o meu blog porque hai certas cousas que é necesario compartir.

Hoxe foi un día malo. Estaba nervioso, moi nervioso, moito, intranquilo, case histérico, e pensaba que era por moitas cousas. Levo varios días durmindo moi pouco pero hoxe foi o peor. Onte non me acostei moi tarde pero como tantas veces que teño traballado de mañá… tardei en durmir. Eran as doce e media e empezaba a coller o soño. Pero logo de súpeto espertei a iso das catro da mañá, e ás catro e media decidín que non pagaba a pena seguir intentando coller o soño… así que levanteime despois de durmir tres horas para almorzar sabendo que me tocaba un día mooooi duro…

E fun traballar e foi chegar e o primeiro problema, a primeira preocupación, discusión cun compañeiro de traballo. Leva días e semanas picándome. Soltándome faltadas todo o rato. Insultándome. Buscando que me enfade e que salte. E hoxe logrouno. Discutimos, saltamos, comportámonos como búfalos… e eu marchei enfadado como un castrón para que a cousa aínda non acabara peor. Logo, máis calmo recapacitei e pedínlle desculpas polas palabras e polos insultos e negueille a palabra de por vida agás por traballo.

Agora, varias horas despois, gustaríame falar con el tranquilamente e o farei. Pero nese momento, nese momento estaba enfadado, durmido e enfadado. E foi pasando o día, pouco a pouco afundíndome máis nos nervios, dun xeito incontrolable, pensando… joder, que merda é todo, e aínda por riba non pasan as cousas que me gustaría que me gustase que pasasen, e non parei de sentirme fatal.

Foise achegando o final do día de traballo e o soño aumentaba moooito, varios cabezazos no volante do coche parado, e entón apareceron as paranoias, que se non tiña nada que ver cos meus compañeiros, que que facía nese traballo co que non tiña posibilidade algunha de facer nada interesante, que se quería adicarme a facer deseños pois que iso ía ser unha tolería, que non ía ser quen, e que tiña que atopar piso pero non ía atopar ninguén con quer compartilo e me estaba sentindo cada vez peor e todo dando voltas na cachola camiño de Vigo onde me atoparía nun piso que non me gusta no que me sinto tan só… que son un ansioso, un insistente, que son egoísta, que non comprendo...

E así machacando os miolos, pola ruta ata Pontevedra, xusto cando estaba subindo polo mega-merda-no de Curro… mirei ao meu medo, esas sensacións horribles, á cara, e decateime xustamente diso, de que son moi insistente, é dicir, como me dixo a miña terapeuta, que son controlador, como certo home do que saiu medio eu… e entón decateime que levo semanas e meses loitando contra iso, pero máis nestes últimos días, contra o feito de que son controlador e que agora que recoñezo ese medo, agora que me enfrento a elo e trato de controlalo e que xa non son TAN controlador, teño… MONO!!!! TEÑO MONO DE CONTROL!!! E claro, por iso estou tan nervioso, tan alterable, tan todo…

E de súpeto… de súpeto… relaxeime, empecei a sorrir, case a chorar, e a enerxía que tiña por riba do estómago e que me facía sentirme tan mal empezou a subirme polo corpo, a recorrelo como ondas pracenteiras, case como un orgasmo, e un sorriso inmenso mandou ao carallo aquela cara de asco que portei todo o día de traballo… e despois de varios días de merda… joder… foi marabilloso!! E de súpeto toooodos os medos desapareceron, un tras un…

E me sentín tan ben que ata parecía que o sol locía máis claro, máis luminoso… máis alegre.

Revisión. Quixera engadir algo... a estas horas de case caer co soño... algo que lle dixen a unha boa amiga: supoño que o feito de sentir esa especie de mono quere dicir que estou a facer as cousas ben. Ao mellor non todo o ben que quixera, pero como xa teño dito... fágoo o mellor que podo.

Ningún comentario :

Publicar un comentario