UA-55725853-1

2 de abr. de 2014

O principio da Indeterminación (III)

Parte 2. Cantidade de movemento.

Lucía sabe que vai chegar tarde e nótaselle que está preocupada. Non, non se trata realmente de preocupación, trátase de medo, pero non dese medo irracional como o que temos de nenos porque sabemos que algo agóchase debaixo da nosa cama e non somos quen de nos mover, que sabemos que si botásemos unha ollada había desaparecer, tal é o poder da nosa imaxinación e da nosa mirada de nenos. Non é ese medo. É o medo chamado angustia. É o medo que nos enche o corpo porque nos imaxinamos o perdidos e o mal que nos imos atopar se non se cumpren as nosas expectativas.

Ben certo é que os homes son os únicos animais que sofren e angústianse imaxinando unha situación desagradable… A quen non lle ten pasado? Non vou dar aprobado ese exame, imaxinas, e os nervios toman o teu corpo e andas como asustado, énchete algo feo e noxento, e entón ti estudas máis, ou lle pisas o acelerador porque non tes ganas de chegar tarde outra vez a esa cita, non cambiarás nunca, que sempre me tes esperando, xa estou acostumada… pero un día…

Lucía vai chegar tarde e hoxe ten medo. Porque leva sete anos fora da súa terra entregada a súa tese. Porque sabe que de non marchar hoxe non o fará nunca máis. Porque sabe que foi feliz estes anos, pero que quere outra cousa, quizais unha vida que recorda do seu pasado, unha vida que algunha vez viviu, que quixera recuperala. E que ten morriña da súa familia, da súa terra… dos seus amigos.

Lucía vai chegar tarde e ten medo, porque fai xa sete anos que marchou e está asustada pola volta, polo que deixou atrás, porque a terra, a familia, os amigos que mandou á merda xa fai tanto tempo vanllo votar en cara. Ou ela pensa así. Ten medo de que lle pregunten porque marchou.

Lucía, Luca, tamén tiña medo cando marchou, moveuse para fuxir e agora, despois de tantos anos, agora que atopou un camiño, agora que se atopou a si mesma… agora que por fin descubriu quen é, que confía no que é, que é decidida e que sabe que non lle asusta máis a vida, agora descobre que o voltar asústaa.

Pero tamén ten medo do que deixa. Como fai sete anos. “Éche gracioso” pensa, “a vida é como unha onda sinusoidal”. “As cousas repítense cunha certa periodicidade. Daquela, cando marchei para acó, estaba asustadísima, polo que deixaba, polo que non coñecía, polo futuro, e agora, agora vólvese a dar o mesmo conto. Daquela tocoume vivir o seno, o val da onda, e agora, despois de pasar a cresta, un ciclo despois, volvo a atoparme no mesmo sitio, no val de novo.”

Lembranzas, sempre as lembranzas, pensa, que os homes somos os nosos recordos, que o que non lembra o que lle aconteceu non é nada, somentes unha pálida sombra de si mesmo, e por iso véñenlle as lembranzas, no taxi, camiño do aeroporto.

Ela nunca saíra da terra, que só coñecía ese anaquiño do mundo. Xa o dicía o libro de xeografía: Galicia é o territorio xeográfico limitado polo norte polo mar Cantábrico, polo oeste polo océano Atlántico e polo sur polo río Miño, o pai Miño, e que limita polo leste co Principado de Asturias e as provincias de León e Zamora, e polo sur con Portugal.

Para ela nunca existiran nin Asturias, nin León, nin Zamora, só apenas Portugal. Fora algún que outro mércores a feira de Valença cos seus pais, a mercar toallas, e a dar unha volta pola fortaleza, que bonita que era, sempre quería subirse as murallas e ollar o río Miño pensando que era unha princesa, pero só era un desexo que logo non cumpría, que nena máis obediente. Tamén ten ido á Vilanova da Cerveira, os sábados, o máis lonxe que chegara fora a Caminha, onde o pai mercaba viño verde ou ben Mateus Rossé ou Porto Ferreira. Eses días de moito andar eran días nos que se comía arroz con frango ou bacallau no forno. Logo na casa, miraba as botellas e lembrábase da fortaleza. Canto tempo vai aló…

Pero á fin, despois de voar de Santiago a Madrid, vai pasando por riba da súa terra e non a recoñece, cruza por riba do mar de Arousa e de repente xa non está na Galiza, na terra nai, xa pouco vaise vendo, alá embaixo, as illas Cíes, que bonitas, canto lle gustara aquela vez que fóra de excursión cuns amigos, no verán, un ano que aprobara todas en Santiago… e pensa na curvatura da terra e no cabronazo do Colón, se non fora por el podería ver sempre as Cíes, cando desaparecen da súa vista.

Síntese unha personaxe rosaliana e quixera lembrarse daquela poesía, ou era unha canción de Amancio Prada?, non importa que a ela nunca lle chamaron esas cousas, ela sempre foi de M80 e non lle sae a letra, só a música, que lle gustaba a súa nai, a naiciña que queda alá atrás naquela curva do mundo, tarareaa pero só faille sentirse máis morriñenta, máis afundida na súa singularidade. Non ve nada, a luz non sae dela, e chora, chora polo que quedou atrás e polo que virá.

Lembra, cando chegou aló, a Massachusetts, tan perdidiña, apenas un pouco de inglés conseguía falar, que mal o pasou os primeiros días, non coñecía a ninguén, todo distinto, canto fixera o ridículo. E logo chegara o coñecemento ese que todos ou casetodos os humanos temos dentro de nos, ou se cadra é algo que está en cada un pero que uns o saben e outros non, ese coñecemento de que todo pasa e que a situación mala non é eterna, se cadra tampouco a boa, e todo empezou a encaixar, xa non dicía “time” por “weather” cando falaba do bo tempo que facía eses días, xa empezaba a pasar desapercibida, xa era un máis. Tranquilizouse.

Por aqueles días sucedéralle algo realmente estraño, algo que a marcara máis que o resto dos seus sete anos nos USA, un suceso que a levou ó camiño onde se atopa agora. Meses máis tarde, dándose de conta un día de que se movera, de que algo mudara nela, mirou cara atrás na súa vida e recoñeceu a orixe do seu cambio naquela data.

Fora un 12 de Outubro, que a alguén lle dera na residencia onde vivía, na que a única hispana era ela, por celebrar a festa da hispanidade. O certo e que ela pronto decatouse de que aquel non era o ambiente ao que ela estaba acostumada, e pronto soubo que nun futuro próximo pediría un cambio de residencia ou buscaría un piso para compartir ou para ela soa no campus, que ben o sabía, agora era unha boa adiviña. Naquela residencia ela tiña un cuartucho que polo tamaño lle recordaba ó da rúa Galeras en Santiago, pero nada máis, polo resto eran o sol e a lúa, ata tiña calefacción central e dúas ventás (e non era frío, non) polas que descubrira a fermosura outonal das árbores, que alí non tiñan piñeiros nin menos eucaliptos, só frondosas árbores caducifolias, que chegado o tempo vestíanse con follas de todas as gamas das cores dende o verde ao pardo, a cor da caída, pasando polo vermello e o amarelo.

E tamén tiña uns compañeiros que pasaban os días pensando en cal sería a seguinte festa, xa lle perdera a conta das que levaban feitas nos case que dous anos que levaba alí, uns compañeiros ós que case sempre conseguía esquivar.

“Mirade, hoxe é que teño a regra, xa sabedes.”
“Grazas por invitarme á festa, pero xusto mañá teño que ir falar co meu titor.”
“Non podo, síntoo moito – i´m sorry, que vou pasar dous días de seminarios e necesito descansar.”
“É que este frío vaime matar, máis me fode a min que xa levo case tres semanas co catarro…”

E eses compañeiros non pensaban en renderse e tentábana unha e outra vez. Cómo non ía ser así, que ela era a única rapaza hispana que miraran na súa vida, e iso que ela parecía tan caucásica como a que máis, e logo estaba ese estraño acento cantareiro que ela tiña, que os volvía tolos a todos e a algunha que outra tamén:

“Xa me diredes o pouco que se parece o meu acento galego ó da xente de México, pero nada, que esta xente non se entera”, contáballe ós seus pais cando falaban por teléfono unha vez ao mes.

Un día unha das súas amigas contoulle o da festa da Hispanidade, que a facían por ela. Ían disfrazarse con traxes típicos españois e a facer sangría, e traerían música flamenca e que tiña que ir que se non lles parecería mal. Ela, que seguía a ser a rapaza sinxela e atenta que sempre fora así, dixo que si, sen darlle importancia o do flamenco, nin a nada diso, que decidira que o ía pasar ben, tan contenta que estaba por aquela festa.

Farolillos e guirnaldas, luces de festa, traxes típicos sevillanos ou cordobeses, un rapaz vestido de toureiro e unha cabeza de touro, fino e sangría, e “Los del Río” soando dende algures nun aparato de música, mesturábanse con xente falando en inglés e soltando polo medio algún que outro “olé” con goma de mascar entre os dentes.

“Creo que xa bebín demasiada sangría, Luca vou parar.”
“Si, xa miro, Lizzy, xa empezas a falar castelán...”

Nunca pasara unha festa igual. Ela, Lucía, o centro de atención dos homes que non a deixaban nin a sol nin a sombra, que se apresuraban por ver quen era o primeiro, e das mulleres, non de todas, mortas de ciumes, que eses eran seus homes.

E de súpeto sucedeu. Acercóuselle un rapaz sen disfrace, a ela xa non lle importaba, que xa bebera bastante sangría e todo lle parecía ben, todo era alegre, e que non era ela, era outra, xa lle botara o ollo a un… Empezaron a falar en castelán, el falaba de carallo, que estivera pasando unha boa tempada en España e gustáralle moito.

“E de que parte de España es?”
“Non vas a saber, da igual.”
“Que va, que recorrín toda España dun extremo ó outro, seguro que sei”
“Bueno, pois eu veño da Galiza…”
“Da Galiza! Oh!, eu estiven alí, fixen o camiño de Santiago e namoreime daquilo… é a parte de España que máis me gusta, moi bos costumes, tradicións, a máxia…”
“Ah, si? Olé – e ela sen recoñecerse a si mesma, medio bébeda, díxolle- meu toureiro guapo!”

De súpeto mirouna, e súa cara mudou, tiña unha expresión que ela non soubo definir, como si ela fora el e sentise vergoña, de si mesma, que cousas pensaba, debería deixar de beber, que a sangría levaba moito azucre e subíase moito:

“Non o entendo, non sentes vergoña por deixar que te trate así toda esta xente? Para eles por ser española xa tes que ser andaluza e a ti impórtate ben pouco. Deberías dicirlles fachendosa, que esta non é a túa cultura, que en España conviven diferentes pobos e que un deles, o teu, ten unha cultura tan rica ou máis que a do sur. Non o entendo, téñovos envexa ós galegos polo que tendes e ti…”

Non rematou de falar. Deixou de mirala e marchou, e Luca non soubo que dicir.

O Principio da Indeterminación (II) O Principio da Indeterminación (IV)

O Principio da Indeterminación (II)

Miguel. Altruista, alegre, loitador, xeneroso, comprometido… Movíase e moito, e de tanto que se movía o seu ser sempre quedaba agochado pola incertidumbre, no principio da incertidumbre, e no seu final. Miguel-me-gustan-todas-me-gustan-todas-en-general-pero-las-rubias-pero-las-rubias-me-gustan-mas, que nunca lle decía que non a unha moza, mozas desas que correndo lle decían a el que si, o Breogán das rastas que tocaba na súa guitarra a Zeca Afonso e a Silvio Rodriguez, que as sabía todas, loiro el cas súas rastas e a súa barbiña sempre ben arraxanda. Miguel, que nunca tiña repouso, hoxe ti e mañá aquela…

Que o de ser altruísta, loitador, xeneroso... a súa guitarra e as súas rastas non era máis que pose, máis que outra máscara, porque nunca se podía saber quen era el. Así se movía Miguel, rápido, de unha rapaza a outra... a semana pasada era unha loira menudita que coñeceu no Imsomnia, a anterior unha rapaza morena que estuda historia, e a anterior unha de medicina e outra de farmacia. Nunca pararse en ningunha, apenas dous ou tres encontros, como moito unha semana e logo a por outra, que moitos peixes hai na auga. E tamén en Santiago...

 

Onte pola noite foi a tomar unhas birriñas cos seus amigos, cos seus grandes amigos, os mellores, que so lle pedían a súa comprensión e nada máis. A Luca e o Ramón. El sempre animoso, fantasioso, tan cheo de espectativas, tan ambicioso, sempre tan falador, que boas conversas, que boas rifas, tan pouco comprometido con todo menos con si mesmo, nunca lle decía que non a outra copa de licor café, a outra muller na súa cama. Ela sempre aberta, faladora, intelixente, pero sempre distante. Por qué non se comportaba como o resto das mozas que el coñecía? Por qué non se volvera toliña por el? Qué tiña distinto que tanto o atraía?

Onte a noite, quedaron os tres, tomaron unhas cervexas e chegada a hora Moncho dixo que marchaba a casa que estaba canso que aínda lle quedaba unha boa andada ata Conxo, que hoxe non tiña o corpo para baixar a casa de Luca, mentras outra voz, esa que nunca a escoitan os demais, dicíalle ao oído ao bo de Moncho que marchara, que a ver si desta volta, quedando soa, Luca , decidíase a atacarlle ó Miguel. Que canto llo agradecería ela. E esa voz ao mesmo tempo mataba a outra, máis silenciosa, que dicía... el faralle dano e logo ela correrá aos teus brazos, xa o verás.

"Adeus Ramón, un biquiño, até mañá as dez, non te esquenzas de me traer os apuntes."
"Adeus Moncho... non te me perdas polo camiño, unha aperga compadre... -e xa cando Moncho desaparecía por unha volta da rúa- Luca, veña que che acompaño a túa casa, que non son horas de andar por Galeras a soas."
"Mira... eu non teño soño Miguel... facíame andar... deixa que che acompañe un rato..."

Miguel que sabía que a enfermidade da aboa non estaba tratando ben a Luca non protestou e así aquela noite, a diferencia de outras tantas o camiño deles dous, o que sempre remataba en Galeras, quixo rematar en San Pedro. Ao contrario xusto do de Santiago que ven de aló arriba de San Marcos, do Monte do Gozo, cantas parellas gozarían nos barracóns, tantos días de Camiño e por fin unha habitación para eles sós, que vai por San Pedro... e logo, pasando pola Porta do Camiño e pola Praza de Cervantes ata a Praza do Obradoiro pasando pola Azabachería, remata no Obradoiro, o Camiño que esquiva sempre, sempre, a Casa das Crechas...

Pero eles levaban o seu propio camiño, o que vai, tanto lles gusta pasar por alí de noite, pola Quintana de mortos primeiro e logo a de vivos. E que non esquiva nunca, nunca á Casa das Crechas.

"Ti que dis se lle tomamos unha aquí, miramos a foliada un rato, que escoitase unha boa festa, e logo marchamos para casa?"
"Non sei, non sei… bueno veña, unha rápida"

Onte a noite, as Crechas eran a festa. Os gaiteiros, o violín de Quim, as pandeiretas, o tambor, o acordeón de Xan, Davide co seu cantar, as palmas… a calor, a calor que leva dun licor café con xeo a outro e cando te das conta, Luca fita o ollar de Miguel, que recoñece a mirada, e vai achegando a súa face, lentamente, lentemente, aínda con dúbidas, á de Lucía, e, ó fin, dalle un bico nos beizos.

Onte a noite, os minutos non existiron nin para Miguel nin para Luca e o camiño a San Pedro, xusto onde está o cruceiro (o bar e o de pedra), deixou de existir. Un paso, a porta das Crechas. Outro paso, a porta da casa de Miguel, San Pedro. Onte a noite, a noite foi eterna para Lucía mentras Ramón marchaba só, como sempre para a súa casa.

 

Ramón sempre foi un apoucado. Os rapaces do seu pobo o tiñan como un rapaz ó que molestar, a diana das súas inseguridades. El vivía na súa casa encollido en si mesmo. Como apenas tivo amigos cos que xogar aprendeu a imaxinar a vivir noutros lugares da súa imaxinación e empezou a ler todo aquelo que caía nas súas mans. Ramón o reservado, o neno raro. Ó cumplilos dezaoito marchou á universidade e de súpeto moveuse. Mudou. Deixou de ser o que era.

Ramón na universidade. Cando chegou a Santiago seguía a ser Ramón o reservado pero rápido comprendeu que alí todo era distinto. Ninguén o coñecía. Podía ser quen quixera el. Por outro lado a xente que empezaba a coñecer tratabao doutro xeito, pero el aínda esperaba que fosen como os seus vellos compañeiros do pobo. Pouco a pouco deixou de ser reservado e desconfiado e volveuse aberto, seguro de si mesmo, ambicioso.

O primeiro día de clase coñeceu a Lucía. Non fixeron migas inmediatamente. El case tíñalle medo e ela tan fermosa, tan feliz. Como lle ía facer caso a el? Haberían de pasar dous anos: os dous sentíanse demasiado asustados, demasiado afundidos no seu mundo, pero a el, aquela rapaza de mirada forte que sentara ó seu carón aquel primeiro día de clase, quedoulle gravada no peito como un ferro de marcar.

Cantas veces tratou de falarlle abertamente, de ter folgos para invitala a tomar un café!

De festa a festa, de examen a examen, pasaron os dous anos. As veces falaban en clase, ou incluso chegaban a intercambiar algunhas palabras nos descansos ou ó rematar a xornada, pero nada máis que eran pequenos intercambios teóricos sobre a clase que viñan de recibir ou ben o típico “qué tal levas o exame?”, “deixasme os teus apuntes?.”

Ese ano, tocoulles xuntos no grupo de prácticas e alí, entre proba e proba, no medio dos aparellos de medición descubriron que tamén podían falar de máis cousas. E logo non? Os dous viñan de pobos pequenos e rápido empezaron a falar de animais, de tardes ó carón da cociña de ferro, de castañas asadas…

Máis rápido que o que lles costara descubrirse fixéronse inseparables. Antes dun momento das súas vidas son dúas partículas cada unha polo seu lado e un segundo despois dese momento quedan tan fortemente unidos que pensan que sempre foi así.

Pero, que pasou co sentimento que el agochaba por ela? Seguiu alí dentro, que ben que se está agochadiño que non pasamos nin frío nin calor, non se sofre alí adentro. Ramón era feliz só porque eles dous eran bos amigos: estaba convencido de que ela só sería a súa amiga. Que pouca cousa se veía el para ela. Que pouco se quería no fondo, por máis que fora ambicioso, por máis que mirase alto e que pensase que el era o mellor físico, o que había chegar máis alto que ninguén estaba condenado a fracasar e el non o sabía. Moverase para seguir no mesmo sitio.

 

"Así que… por fín se decidiu…"
"Pois si, non sabes o feliz que son…"
"Alégrome por ti Luca…"
"Pois Moncho, non pareces moi contento…"
"Pois si que o estou, non te creas. Si, si que me alegro e moito, xa sabes que Miguel caeme moi ben."
"Mira, para celebrarlo invítote a comer na casa…"
"Non, non podo… quedei cos meus compañeiros… para ir comer á residencia."
"Veña, vente comer…"
"Non grazas Luca…"
"Monchiño, anda, que teño moitas cousas que che contar."
"QUE NON LUCA, QUE NON."
"Eh, bueno, vale, olvidao, vémoños mañá na clase… queres que quedemos pola tarde para tomar un café?"
"Non, hoxe teño moito que estudar… eh… Luca…"
"Dime Moncho!"
"Non… nada… ata mañá."

O Principio da Indeterminación (I) O Principio da Indeterminación (III)

1 de abr. de 2014

O Principio da Indeterminación (I)

Fai uns anos... cando empecei iso de ter Blog, deume por escribir, e un día, lembro moi ben cando foi, saíume un conto, un conto longo ou unha historia curta, que despois de arranxar un montón de veces quedou como unha historia bastante boa e bastante fermosa. Hoxe volvo a revisala porque xa non son o mesmo que aquel homiño de fai seis anos, xa empecei a moverme pero sei de onde veño. Daquela tamén me movía pero non sabía a miña orixe... quen era. Hoxe estou a descubrir que... sei escribir e esta é a historia que, ata o momento, máis me ten impresionado. Hoxe estou a decatarme de que non é mala e, ao releela, que me encanta. E quixera compartila con vos. Espero vos guste. A min me encanta, ponme os pelos de punta e faime sentir cousas que fai tempo que non sentía, porque, en certo modo neles tres, en cada un deles, hai algo de min.


Principio de indeterminación de Heisenberg: non poden determinarse, simultaneamente e con precisión arbitraria, certos pares de variables físicas, como por exemplo a posición e o momento lineal dun obxecto dado. Canta maior certeza se busca en determina-la posición dunha partícula, menos coñécese a súa cantidade de movemento lineal (Werner Heisenberg, 1927).”

Os homes somos as partículas subatómicas que forman o seu propio universo. Atraémonos e odiámonos, estamos a dar voltas, xuntámonos en íntimas fusións, separámonos soltando tal enerxía que rompe o noso mundo e as veces fuximos e non sabemos a onde ir.

E de todas esas partículas que son os homes, que se agrupan, que andas soas, que son todas distintas, había unha vez tres que se xuntaron e que se separaron e que daban voltas ao redor de si mesmas.

Tres partículas, tres átomos, unha muller e dous homes. Lucía, Ramón, Miguel.

 

Parte 1. Posición.

Lucía sabe que vai chegar tarde a clase e non está preocupada igual que non lle molesta a choiva que cae e que asemella pouca cousa, apenas uns átomos translúcidos de auga que che deixan mollado ata os osos, ou igual que hoxe non lle amola ter que cruzar o campus enteiro sen un agocho... sempre pensou no desalentador que é ter que chegar ao fin do mundo, ao Finisterre do campus... unha pagana peregriñaxe diaria ás ciencias físicas... hoxe non. Hoxe nada lle importa, nin sequera a frase de burla ca que a recibirá o Sr. Profesor de física cuántica cando apareza pola porta da clase case media hora tarde.

Hoxe nada lle importa, hoxe que non desfixo a cama no anano cuartucho do piso que comparte con Carmen e con Ana, ese vello e esborrallado piso polo que pagan case 600 euros, que mellor estaban as tres na corte das vacas da casa dos seus pais.

Hoxe nada lle importa, hoxe que si que desfixo a cama de outra persoa, un rapaz que a atraeu, como se atraen os polos dos imáns, inevitablemente, sen dúbida, dende o día que o mirou por primeira vez cas súas rastas e o seu palestino, aquel día que ela, se cadra por culpa do destino, foi a unha festa á que non tiña gañas de ir, que entrou naquela habitación chea de xente medio bébeda e saíu dela tamén ela bébeda de Miguel…

Lembranzas, lembranzas daquel día, como o vai esquecer... nunca! Ela nunca che foi alguén de saír de festa. A ela sempre lle gustou máis tomarse un cafeliño nas Crechas ou no Paraíso Perdido, que lle quedaban preto da casa, con Ramón ou cas compañeiras, e logo a casa a estudar, que andar por aí de carallada e poñerse cega de alcol como fai tanta xente agora. É o que ten facer ciencias físicas. Pobre dela se lle gustase a festa, a ver si era quen de saca-la carreira a ano por curso... Amais que ela nunca foi unha rapaza moi de ir con mozo e iso que non era fea, non... mira que non había compañeiros que devecían por saír con ela, e ela que non, que os estudos era o que importaba. Guapa era, e moito, pero non lle tiraba iso de arranxarse polas noites e saia pouco, non bebía e nunca pensou en ter mozo.

“Ja” dicía, “nin que estivese estropeada para me ter que arranxar.”

O que sempre lle prestou foi estudar que xa llo dicía a súa nai, “Mira pra nos, Lucía, nunca tivemos nada máis que traballo, os animais, a granxa e traballar, e agora temos cartos, pero nada máis, e queremos que ti estudes, que sexas o que nos nunca puidemos ser, que teñas un futuro, un bo traballo, miña Luquiña” e a aboa, na súa cadeira preto da cociña, miraba para ela como se lles dixera a veciños imaxinarios “esa é a miña neta.”

Pero ese día que tanto lembra tiña a tristura no corpo. Quen sabe. Ao mellor fora a enfermidade da aboa alá na aldea ou que xa remataran os exames ou seica foran as dúas cousas... quen o sabe? O certo é que as compañeiras metéronselle todas naquel recunchiño do piso, a súa habitación que de pequena era parecía un armario especialmente grande e apenas tiña unha pequena ventá (pero que era como catro, que dende ela tiña vista da Alameda, paraíso de vista), e que non a deixaban soa, que se viñera con elas de festa, que vas facer na casa, darlle máis voltas á cachucha esa túa, enmorriñarte toda.

“Mira guapiña, si te quedas aí acabarás la carrera y serás una gran doctora en física de lo que sea, pero nunca saberás que es un puto día de festa racahada.”

Aínda non pasara nin media hora e xa estaban as tres no Abella co primeiro corto na man.

“E sempre che poñen a mesma tapa? As patacas e o xamón?”
“Luca, mira que es parva, que non é xamón... Saberás moito de vectores e cousas desas pero de andar por aí non tes nin puta.”
“No te preocupes que hoy te desvirgamos nosotras en la noche santiaguesa!”

Un par de tabernas máis alá e, non o pode esquecer, á festa para celebrar os 30 anos da estrea de O Gran Dictador en España na asociación aquela, como era... a Gentalha, que era o lugar da festa, as dúas compis xa medio peneques e ela que non sabía ben o que facía, un par de cortos tomara, que pouco lle faltou na porta para dar a volta para casa.

“Como vas voltar ti soa, que non sabes o que haberá polo camiño.”
“Pero si é baixar polo campus sur, métome por Pelamios e case que xa cheguei.”
“Que non parva, que ti te quedas aquí, con nos.”
“Anda!, e ti falando en galego? Como che deu por aí?”
“E que aquí na asociación esta todos fálanche en galego...”
“Pailana, seguro que é por un tío...”

… e alí estaba el.

Abríronse portas con todas as posibilidades. Orbitais de Schrödinger na súa vida. Bailar, un bico, foder na súa casa, o home da túa vida ou só un rollo dun día. Falar toda a noite, ver amencer, bos amigos ou “que a min ter parella non che me vai” ou “é que me caes ben e nada máis”…

“Mira Luca, preséntoche a Miguel, un amigo da asociación.”
“Miguel, Luca. Luca, Miguel.”
“Hola, encantado. Que bonito nome, Luca, como a canción de Suzzanne Vega, Luka. My name is Luka…”
“Ah, non sei, non a coñezo. Sempre fun Luca dende pequena, non sei…”

Cantas veces falou e falou así cun home? De súpeto amencía, con ese frío que non o hai igual en todo o día e estaban a xantar no Galicia e logo el acompañábaa a súa casa. Ela estaba descolocada, toda a súa carreira facendo ese camiño noutro sentido: quería ir para o norte e camiñaba ó sur.

“Veña un bico.”
“Un bico, chámote, vale, tomamos un café e rematamos a conversa esta.”
“Vale Miguel, un bico.”
“Oes… Luca… pero seguro que non queres que suba?”
“Que non parviño, que non, vai pa casa que é tarde”
“É cedo Luca, é cedo”
“Si, depende… aburiño”

Así foi, fixéronse amigos, pero... ela... de socate, no seu corazón, tiña algo... algo que alí non estaba antes... namorouse de Miguel.

 

“E agora que fago, entro, espero á seguinte hora... veña, que só pasan vinte minutos... adentro.”

“Home, Señorita Romero, non o podo crer, vostede chegando tarde... que lle aconteceu? que a miña clase non lle era o bastante interesante e decidiu tomalo con calma...?”

Si alí está Moncho, colleulle un sitio que a clase está chea, apresa que o mona ese aínda vai soltarlle algo máis.

“Hola Luca, e ti? Pasouche al...”
“Hola Mon e grazas polo sitio, que tal a clase? Deu moita materia?”
“Non, que dis, que leva toda a clase falando de Heisenberg e da súa vida, seica é importante. Pero dime, que che acont…?”
“Veña, cala, oh!, que non me entero.”

“Joder Luca, non sei como o fas, chegas tarde e entéraste de todo. A ver, entón o Principio de incertidumbre o que di é que non se poden precisar as medicións?.”
“Que non, que pesado”
“Como que non, Luca?”
“Ben, a ver, Heisenberg referíase ás partículas porque para elas a constante de Planck é moi grande. Na mecánica clásica, que trataba os corpos macromoleculares, como un coche ou ti e eu, non se manifesta porque a constante esa é moi pequena, vale?”
“Joder, que iso xa llo entendín ao Cuántico.”
“Agora pensa que un coche é unha partícula. Se ti queres calcular a velocidade dun coche ten que se mover, non? A velocidade é a variación do espazo no tempo, polo tanto podemos calcular con infinita exactitude a velocidade pero non a localización. E para poder calcular a situación o coche ten que estar inmóbil… Pensa no GPS. Se ti lle pides que che diga a posición, onde está o coche, non che vai dicir a posición exacta, vaiche dicir a de fai uns segundos, non? Ti usas o GPS e o coche estase a mover.”
“Ah carallo! Vale, xa o collín, a medición pode ser precisa pero non podes medir dúas cousas á vez: ou mides a lonxitude de onda ou mides a frecuencia, non?”
“Si, esas son as variables conxugadas. Creo que Hawking dixo unha vez que toda materia ten asociada unha lonxitude de onda.”
“Non, a idea foi de Louis-Victor de Broglie, pero quen a desenvolveu foi Einstein”
“Ah, si, certo. Mira Mon, non che parece que todos fóramos partículas? Ti, eu... Miguel.”
“Si, supoño que é certo, atraémonos e repelémonos, como se fóramos fotóns, ou átomos, fisionámonos, fusionámonos, cada un ten a súa luz propia… Miguel?... agora que me lembro: e logo, por qué chegaches tarde hoxe á clase, Luca? Non sería por culpa de...”
“Eh, non sei si contarte… non sei, dame vergoña.”
“Veña Luca, non sexas así, que ti sabes que podes confiar en min.”
“Ben, verás, Miguel e eu… Mira, cando ti marchaches para casa onte pola noite, Miguel dixo de me acompañar a casa como sempre, pero…”

Onte saíron os tres a tomar unhas birras, como fan dende ano e medio, dúas veces á semana. A vida de Lucía mudou moito nese tempo, quen llo ía dicir. Xa non estaba quieta, parada, xa se movía, con celeridade. Un día Miguel, o seu novo amigo, coñeceu a Ramón e deixaron de ser dous, xa foron tres. Os tres amigos, as tres esquinas dun triángulo, os tres puntos dun plano. As tres partículas subatómicas.

Ela nunca pensara que foran a caerse ben... tan distintos que eran, pero mesmo foi descubrir a súa afinidade polo licor café e as barreiras racharon. As partículas, sempre as partículas, opostas, unidas.

Os tres adoraban as conversas. Cunha botella, daba igual de que, mais se era licor café mellor. As conversas eran longas, e as veces duraban toda a noite. Non sempre, que estudar era o importante. Falaban do goberno, do quecemento da terra, da música, dos libros, da guerra en Irak…

Cantas noites ela quedaba xunto eles, muda, mentres estaban a falar do mundo e da súa salvación, ou de onde era o mellor licor café (se o de Ourense ou o do Salnés: nunca chegaron a un acordo pero a moitas cheas do negro licor, si) ou de tantas e tantas cousas, pero aínda estando os tres tan xuntos, so existía Miguel, que aos seus ollos mudara en monologuista. As súas palabras quedaban dentro dela e ardían como combustible desa calor que lle ía medrando polo fondo.

Ela bebía o aire del e el vivía sen ter coñecemento.

O Principio da Indeterminación (II)

27 de mar. de 2014

Fotos e choiva

Onte apetecíame pasear e tirar fotos e non enganei o día... Nubes altas con moitos contrastes de grises profundos e brancos case transparentes, ocos por onde escapar expectaculares raios de sol e algo de vento.

Empezou o paseo fotográfico prometendo algo de sol, calorciño e moita luz dourada no solpor. Xente sentada aproveitando os raios sen pararse a pensar que rápido podía vir un chaparrón frío como a neve. Eu tampouco o pensaba, de feito debía ser moi simpático mirarme no medio da praia, cámara nunha man, paraugas na outra, tratando de tirar fotos e ao mesmo tempo tratando de taparme da choiva e do vento.

E ao final acabou ofrecendo frío e máis frío, un dos obxectivos lixeiramente salpicado polas gotas da choiva e unha carreiriña a un café que había preto e que recibe o peculiar nome de "Café da Alma"... recoñézoo, non foi a gran tarde de fotos con longo paseo agradable que eu esperaba... pero ao final saíron unhas poucas fotos moi intensas, ou polo menos a min mo parecen.

25 de mar. de 2014

Dresden

A sala de vistas é fría, decepcionante, catro paredes grises baixo un teito de placas grises e esborralladas que pouco a pouco van desaparecendo unha a unha, do que colgan catro fluorescentes grises, algún a medio caer, que tremen como se estivesen a dar o seu particular veredicto, alumeando cunha luz triste e irreal, facendo que todo pareza aínda máis vello e gris do que xa é.

Sobre o chan, típico terrazo de época sen ningún tipo de alegría, gastado e rallado ata volverse completamente mate, nove incómodos bancos de madeira, que se tiveran reclinatorio alguén podería pensar que foron roubados da capela do lado do xulgado. Preside todo unha vella mesa de contrachapado que nos últimos anos da Ditadura debeu ser o último grito en mesas para salas de vistas. Agora tan só é outro vello moble que tirar: xa fai tempo que a chapa vaise despegando dende abaixo e non é raro ver á secretaria golpear ca grampadora o canto metálico para poñelo de volta no seu sitio. Inútil esforzo.

Xusto detrás, contra a parede, unha bandeira da patria tan vella que non sería unha sorpresa que agochase escudo con aguia e xugo máis frechas. Ese feito podería ser desmentido, en teoría, polo retrato do Rei, posiblemente dos tempos nos que un Fraga xa democrático dábase a man cun Carrillo sen perruca, unha lámina a medio caer, descolorida e allada polo tempo.

Hoxe non é un día distinto aos demais. A sala parece completamente baleira a pesares da presenza dos actores do pequeno drama… o xuíz, a secretaria, o axente xudicial, o fiscal, a avogada da defensa… e como non o pobre do rapaz que espera a que caia o pano, sentado, cas mans esposadas, no primeiro dos bancos. Xusto detrás, non precisamente como anxo custodio, agarda expectante o Policía Nacional. Todos parecen grises, aburridos, non desexan estar alí, na fría e gris sala de vistas. Que foi antes? A eterna cara de abatemento e de rendición dos actores ou a decadencia do escenario e a falta de interese dos tramollistas?

O xuíz, o director da obra, olla impacientemente no reloxo que ten enriba da mesa, sempre o quita do pulso nada máis entrar na sala, os minutos, as horas e os días que lle queda ata a fin da súa propia condena. Non sabe que ao mellor a xubilación pode ser unha condena peor e que non hai nada máis malo que un director que non sabe dirixirse a si mesmo.

No papel principal, o fiscal, tamén desexa estar fora desta enfermiza sala: ninguén sabe como lle queiman no corpo os traxes, as garabatas, os zapatos de marca que sempre leva porque a el o que lle gusta e por unha perruca e lucir bata de cola, ou vestido de noite ou simplemente top con minisaia e medias a xogo. E levar sempre eses fermosos zapatos ca agulla máis longa e máis fina, e perrucas longas, “glamourosas”. Non, non lle gusta que lle chamen Priscilla… é simplemente Eva.

Que podemos dicir do secundario… non é de luxo, é dunha mediocridade absoluta. Nin para cereixa da a súa interpretación. Tras ter consumido metanfetamina foi pillado conducido pola estrada e disparando cunha pistola como un tolo, pobre carne de cárcere que acabará por ser devorado polos excesos dun xeito ou doutro. Onde quixera estar? Fóra de aquí seguro, ca certeza de non ter que ir ao cárcere, posiblemente, e conducindo o seu Golf como un tolo, o máis probable. O seu papel é o do miserable tipo que sempre acaba mal.

E da secretaria e o axente xudicial? Realmente son meros figurantes pero podemos contar que soñan cunha cama, ca mesma cama. A súa escena faise sen dobres. Ninguén sabe esa historia no xulgado pero mellor así porque está claro que despois de ano e medio de encontros furtivos ningún dos dous ten claro que vaia deixar á súa propia parella. Chégalles cos momentos improvisados no arquivo, no coche, nun hotel. Tamén é un figurante o axente da Nacional… pero a el dálle igual todo. Hoxe tocou vixiar a ese “pringao”, mañá ira a dar paus a unha “manifa”, pasado escoltará a algún político… tanto ten, mentres lle paguen. Apenas ten liñas o seu papel, tan só unha brevísima descrición: home sen interese algún, inculto, bárbaro…

E por fin a avogada da defensa, o papel principal estelar, unha rapaza que parece ter luz propia. A protagonista absoluta. O seu nome figura cas letras máis grandes na acta da sesión. É nova pero xa non tan nova. Unha cara interesante co pelo negro, curto, os beizos pintados cun discreto ton de vermello… e uns ollos azuis que de cando en vez iluminan a sala enteira: son segundos nos que parecen desaparecer os ocos no teito, nos que a luz vólvese cálida, a mesa se cadra gaña un certo estilo “vintage” e os bancos pasan por delicadas obras de ebanistaría… pero tan só é un momento, un suspiro, pasa o segundo e todo volve a ser como é en realidade, gris e mate.

Ela tampouco quere estar alí pero non sempre é así porque, do elenco enteiro, é a única que sempre ten un sorriso, unha alegría, a única que da cor á vella sala gris. Nembargantes hoxe leva toda a mañá a soñar esperta. A súa mente voa nun avión que cruza media Europa e aterra preto de Dresden, onde a espera un home marabilloso que fai meses que non ve, e entón imaxina o bico que lle vai dar, e logo o abrazo e non sabe cantos bicos máis. A súa mente xa pasea con el, polos verdes prados da beira do Elba, polas rúas do casco vello entre os antigos edificios que aínda están a recuperarse das pegadas da gran guerra, collida da súa man ou abrazada para non soltalo nunca. Despois de cruzar a ponte Augustus, paseando por entre as vellas pedras do Hofkirche, por entre o Semperoper, polos xardíns do Pazo Zwinger… E entón, como dende fai varios días, chega o seu soño favorito, porque logo, a súa mente pérdese nas sabas que tanto desexa empapar de suor e de ansias acumuladas de días e días de agardar por ese home que tanto quere e que tan pouco pode tocar, sentir, ollar. Entre as paredes dunha habitación da que non quixera saír máis.

Dresden Augustusbrücke Altstadt 1900

A súa mente vaga perdida por Dresde, lonxe dun corpo que a espera sentado nunha perdida e gris sala de vistas, lonxe dos padecementos dos últimos meses e só volve, con desgana, cando un xuíz gris e aburrido repite por terceira vez, “Por favor señora Letrada, é a súa quenda” Ela volve nun suspiro e mira ao xuíz cun cálido sorriso nos beizos e un brillo a ceo azul nos ollos: “Desculpe Señoría… non me da chegado o venres para marchar a Alemaña a visitar ao meu marido…” e entón a sala de vistas xa non é tan gris, tan triste, e ao xuíz non lle importa tanto a próxima xubilación, ao fiscal xa non lle proe tanto o traxe, a secretaria e o axente míranse con paixón, o policía tamén sorrí e o reo… ben… pensa que ao mellor necesita cambiar un pouco a súa vida. E o guionista da obra, contento, da por finalizado o entreacto.

22 de mar. de 2014

Café con leite

Estou pensando que vou recuperar os vellos contos que escribín fai anos e os vou revisar... velaivai o primeiro...

Hoxe, casualmente pareime a tomar un café.

Non é que me fixese falta tomarme outro, ben, vale, si, si que o necesitaba, atopábame... como o diría, atafegado polas primeiras horas da tarde... porque, xa sabedes, son a que menos me gustan. Adoitas terminar de comer e sempre te preguntas que facer. Vale, primeiro hai que lavar os pratos e recoller a mesa, claro... que si, que o recoñezo, non sempre o fago. Adoito deixar que se xunten os do mediodía cos da cea. A eles gústalle, sabes? E ás veces cos do almorzo. Non vexas a festa que montan alí no pilón, pratos con culleres, os vasos e os coitelos, aquilo é demencial.

Como ía dicindo, que un a esas horas non sabe que facer e eu só durmo a sesta cando realmente me fai falta, cando caio co soño. Non, non, nunca quedei durmido encima do prato de comida..., non. E non me gusta ver documentais que me entón sí que durmo de verdade e nunca aproveitas a tarde. O que me gusta é tomarme un café.

E xa o tiña tomado en casa pero como che contaba, facíame falta. Ademais, o bar Bonsay é un sitio moi agradable, sempre hai conversa e a esa hora está tranquilo... Mercedes, a nai do dono, fai un biscoito con anís que non só atrae ás moscas... ademais por alí pasan as raparigas camiño da praia, e bo, ti non vexas como se poñen nestas datas...

O certo é que estaba alí tomando tamén un café un coñecido, bo, non sei como se chama, sabíao pero non me acordo e senteime ó seu carón. Ah, si, é Manuel. Un rapaz que traballa alí á beira nunha empresa do porto. Pedinme un cafeliño con leite, que só me é moi forte, e unha copiña de licor café, xa sabes para subir un pouco o ánimo, e ó mirar ao meu amigo decateime de que el estaba máis “atafegado polas primeiras horas da tarde” que eu.

Qué cara que tes- díxenlle.- Non hai ganas de ir traballar.

Respondeume que non, que estaba canso, e que aínda lle quedaban tres horas de oficina. Normalmente atópalo polo porto, controlando os barcos, xa sabes, pero hoxe tocáballe oficina, claro, xa, que non hai ningún barco atracado.

Pero o peor, vén despois,- díxome.- Teño xunta de veciños. E acendéuselle a cara.

Inviteino ao café, invitoume a outro, tomeime a miña negra auga da vida e nese momento, na tele empeza "Aquí non hai quen viva"... que casualidade, e empeza xusto cunha xunta de veciños...

E así, mentras saía do Bonsay andaba a pensar que xa non me atafega a tarde e que mañá volvería pasar por alí, que o licor café estaba moi bo e quen sabe, se me acordaba, lle preguntaría que tal a reunión e se algunha vella veciña súa, sen nada mellor que facer, pediu a dimisión do presidente... quen sabe, se cadra ata vivía con dúas vellas máis que pasaban o día rexoubando polo patio de luces.

21 de mar. de 2014

A estación indiferente

Entre as sombras do anden da esborrallada estación agóchase do rabioso sol das primeiras horas da tarde un home enfundado nun rectilíneo traxe do Corte Inglés. Leva garabata e camisa, todo en tons grises que destacan como un insulto contra as decadentes variedades de marróns, laranxas e amarelos do edificio, contra a enerxía da paleta de verdes do fondo que envolve á solitaria estación de pobo perdido. Nos pes do home, xunto o maletín, o po dos camiños fixo mates uns zapatos negros que pola mañá relucían con fachenda de betume fresco e nas mans, en funda de imitación de coiro branco, como un pequeno caderno, un móbil que reclama toda a súa atención.

Non é unha estación nova, brillante, aséptica, de centro comercial apegado con salas de cine baleiras e posto de venta de fundas de móbil ao carón das escaleiras mecánicas, nin desas que ven subir e baixar a moreas de viaxeiros indiferentes e cansos a ducias de trens ao día.

É unha desas vellas estacións aínda tocadas con madeira nas portas e ventás, tamén con madeira no tellado do anden que aguanta impasible o paso do tempo sobre oxidadas pezas de ferro que parecen ramas de vide, desas vellas estacións con paredes de pedra que lembran que nalgún momento foron pintadas con delicadas cores pastel, desas que teñen farois decimonónicos e reloxo e alto falantes que fai moito tempo que non andan, con eses bancos de listóns de madeiras que tan cómodos resultan para botar unha soneca mentres non chega o próximo tren. Desas estacións con chan de mármore, pulido polo paso do tempo, no que os escasos viaxeiros deixan ecos de pegadas eternas camiño do anden. Desas vellas estacións, silenciosas e frescas, que son como igrexas pagás levantadas para adorar a esquecidos deuses de ferro e vapor.

Unha estación perdida en ningures, xusto nese ningures que é un fermoso campo de centeo dourando ao sol do verán e abaneado pola lixeira brisa que de cando en vez daría un pequeno respiro aos atrevidos, de habelos, que non están na segura escuridade das súas sestas… Tamén refrescaría ao charramangueiro home do traxe gris, se por un intre esquecese de mover os dedos gordos pola pantalla do móbil e deixase a sombra do anden. Se cadra, entón decataríase do centeo amarelo, dos pes de millo aínda verdes, dos piñeiros insignes de pequenas follas esmeralda, da fresca carballeira do lado da estación que tantas foliadas terá visto nos seus tempos, do azul que o envolve todo como papel de agasallo e que de cando en vez cruzan pequenas nubes de algodón camiño dalgún lugar onde xuntarse todas para mollar afastados campos.

De que do outro lado das vías hai unha pequena horta cun espantallo. Ten chícharos e cebolas nun recuncho e tomates e pementos no outro. Do lado da horta, a afanada dona, lembrando que tamén hai que alimentar a alma, ten plantado flores de cores variadas. Tampouco iso chama a atención do home que aínda agarda indiferente polo seguinte tren ca mirada perdida no móbil.

Pasan as horas e con elas a calor do comezo da tarde. No camiño que leva á estación xa teñen pasados varios veciños, uns de paseo, outros con feixes de herba. Alguén deixou no prado que hai máis alá da horta, dúas cachenas, esas vacas pequenas de longos cornos, que agora pacen tranquilamente baixo a sombra dos piñeiros. Na horta, unha muller miúda traballa os regos cun legón mentres lle fai compañía un can de palleiro que descansa pacientemente na herba do lado do camiño. Xa se escoitan cantos de paxaros… as pegas xogan por riba do millo e no anden, preto dos pes do home moderno, peteiran no chan, sen medo algún, uns alegres pardais.

A sombra do anden comeza a recuar e o ceo, fai pouco pintado de azul enérxico, vai deixando paso aos dourados tons do serán. Cego aos laranxas, amarelos e vermellos segue a agardar polo tren o home co seu caro e impecable traxe gris e o seu aínda máis custoso móbil cheo de aplicacións, cores en pantalla superamoled HD, paxinas web, teclados “qwerty”, mensaxes instantáneas e cámara de 50 megapíxeles de resolución.

Por fin cae o sol e érguense as sombras que anuncian o luscofusco. Xa marcharon a muller e o can, e no prado un home turra da parella de vacas pequenas de grandes cornos. Os cantos dos paxaros comezan a mesturarse cos dos grilos. De súpeto calan, faise o silencio, soa unha alarma do móbil que libera ao home do meigallo que o ten preso. O home levántase do banco, nervioso, e olla para os lados. Case a carreira entra na estación en sombras e busca, ansioso, un enchufe. Atopa un pero non da corrente. Sae de novo e claramente alterado chama a todas as portas que atopa. Alí non hai ninguén… fai moitos anos que xa non hai interventores nesa estación perdida entre campos de centeo e millo á beira dunha carballeira. Fai moitos anos que homes de traxes escuros armados de caros móbiles de última xeración, alá, nalgunha cidade atopada ao final das infinitas vías do ferrocarril, decidiron que non pagaba a pena, que pronto deixarían de parar os trens nesa estación e que entón a esquecerían abandonada ao paso do tempo.

E mentres o home, case con bágoas nos ollos, rabea por cargar o ultramoderno móbil que só ten cinco minutos máis de vida virtual, no ceo que xa case virou ao negro, as estrelas empezan a aparecer acompañadas de Venus, vitoriosa e brillante, e polas vías, cubertas de herba, non parece que vaia pasar ningún tren.

15 de mar. de 2014

Rebelacións

Os convencementos non veñen só porque un o desexe. A comprensión non basta con collela e metela dentro dun mesmo, hai que asimilala, facela parte de un. Cantas veces vos ten pasado que vos queren ensinar algo e por máis que o entendes non es capaz de comprendelo, e polo tanto de repetilo? E de súpeto pasa algo… e é como se fose evidente, como se a escuridade fora disipada e ti pensas, como non o puiden entender antes?

Ese algo é asimilar as cousas. Eu lle chamo rumialas… unha canción que non sae, un toque de pandeireta, esfórzaste por entendelo, por repetilo e non hai xeito. Pero si o deixas repousar uns días…

Algo así pasoume estas dúas últimas semanas. Dous sábados diferentes, dúas revelacións distintas. Dous conceptos que coñecía, que entendía pero que non era quen de facer meus…

Un deles pola forza da labazada dunha das máis marabillosas persoas que teño coñecido nunca. O entendemento de que nada hai máis importante que ti mesmo. Tanto dá os erros que cometas, ti es o máis importante. Se es fiel a ti mesmo… nada é tan malo, porque a aceptación dun, cas súas virtudes e os seus defectos, leva inevitablemente ao recoñecemento dos erros e polo tanto a querer medrar e mellorar.

Eu levo toda a vida sentíndome unha merda cada vez que facía algo mal e o sábado pensei, por que? Si non é certo: fago moitas cousas moi ben e son unha persoa bastante boa e agradable. A revelación foi… nunca máis me vou a amargar por todo. Se fago algo mal vou tratar de solucionalo e se fago algo ben… vou tratar de disfrutalo.

O outro, hoxe, pola forza da felicidade de ter pasado un moi bo momento cunhas persoas como poucas. Despois de unha pequena noite de troula con eles (non tan pequena) decateime de que a gran teima da miña vida é importante pero non tanto. Eu levo toda a vida obsesionado con atopar parella, con esa cousa que lle chaman amor, con ter a esa persoa especial ao teu carón para compartir a vida con ela. Tan obsesionado que teño descoidado moitas cousas tan ou máis importantes para min.

Pero fai un intre, na cociña, mentres fregaba uns pratos, púxenme a pensar na noite de cantigas e cantazos, de cervexas e plásticos, de conversas e alegrías, e pensei eu: quen necesita realmente unha parella cando ten uns amigos marabillosos que te queren e te fan sentir, polo menos para eles, a persoa máis importante do mundo, sendo eles para ti, tamén, un pequeno grupo de “persoas máis importantes do mundo” (estou relativizando, non vos pensedes que me estou a volver fachendoso)? Eu xa non. Teño todo o que sempre desexei… sentirme querido, formar parte de algo, dun todo. Sinceiramente, empezo a pensar que a parella está algo sobrevalorada.

Por que ademais a min, ese principio brutal que dominaba a miña vida facía que me precipitase e que buscase onde non debía buscar e que o único resultado que conseguía era cometer erro tras erro. Aínda que a pesar de todo, teño sido moi feliz en algún momento da miña vida e hai unha relación que por riba do dano que teño feito, xustamente por iso, por non ser nos as persoas adecuadas para estar xuntas, desa relación sempre terei moi boa lembranza.

Vale, si, hai máis cousas e recoñezoo… algún día haberá alguén na miña vida que poderei dicir que é a miña parella, alguén que se diferencie dos outros por algo, por unha compenetración maís íntima, por unha confianza aínda maior, por formar unha unidade máis pequena e tamén máis forte. Tamén é necesaria, pero é que antes para min, era O MÁIS IMPORTANTE.

E logo está o sexo, claro… iso tamén é importante, e o di alguén que leva apartado desas deliciosas costas xa fai uns cantos meses. Iso si que se bota en falta, pero non é tanto a necesidade do orgasmo, do clímax, como a necesidade do contacto, de sentir outra pel que non sexa a túa. Esa marabillosa sensación de abandono. Quen podería vivir sen a marabillosa sensación de sentirse tan preto de outra persoa? Tan só un tolo ou alguén que odia a vida.

Resumindo, que moitas grazas amigos meus. Edu acaba de atopar o camiño de volta a casa. Acabo de coller o último tren e pronto estarei aí.