UA-55725853-1

11 de abr. de 2014

As zocas e o mariñeiro (1)

Na memoria de todos os mariñeiros, na dos que están e na dos que xa non están, especialmente na dos que son e foron, nun momento ou noutro, mariñeiros no Mar de Marín.


A vida do mariñeiro é unha vida fodida. Tan fodida como pode ser outra vida, diredes vos, pois non porque en realidade hai que sumarlle traballar cando os demais dormen, andar sempre mollado e pasar un frío que non cho quita do corpo nin a máis forte caña do pais nin o máis quente café, a salitre que che come todo o corpo e ese cheiro a peixe interminable… e como non, ademais, non saber nunca se un vai chegar a casa cada vez que o barco sae ao mar. Por que si ademais de ser mariñeiro, o es nun barco pesqueiro, un deses pequenos, case a casca dunha noz, entón, compañeiro, podes ter claro que aínda estás máis fodido do que xa podías estar.

Xa o di a cantiga… “Para ser bo mariñeiro, tres condicións hai que tere, coñecer o mar e os barcos e non ter medo a morrere”. Porque ser mariñeiro non é como ser tripulante dun cargueiro deses como os da Arklow ou nun cruceiro de pasaxeiros, non. Eses non son mariñeiros máis que de nome, porque xa me contarás a min que fan eses, quitando de pasar algunha garda máis fría que outra. Nin sequera os que andan nas gameliñas esas que andan á cabotaxe, que parecen unha canoa con ponte, ou os mariñeiros daqueles vellos cargueiros rusos, eses barcos desproporcionados que caían a anacos e que xa fai tempo que non se mira ningún.

Non, os mariñeiros de verdade son os que traballan pescando, os que teñen que estar na cuberta tirando das cordas, recollendo os aparellos, as nasas, sacando os peixes do enmallado, os que teñen que iscar os anzois do curricán, os que marchan na auxiliar para pechar o cerco, ou incluso os que baixan á bodega conxelada a separar o peixe, metelo nas caixas, tapalo co xeo… Mariñeiros son os que andan por cubertas ridículas sempre co medo no corpo de que un golpe de mar os reclame para non volver xamais. Xa o di a canción… “Capitán calquera o é, pilotos son os carneiros, quen sofre e fai os traballos, son os probes mariñeiros”.

Vos conto todo isto para que entendades ben a historia que vos vou contar, para que non vos quededes só co que vos conto, para que vexades o que hai máis alá e poidades mirarvos no sitio deses homes que traballan, de verdade, no mar.

Fai unhas semanas fun a un local do Berbés a tomar uns viños. Non sei si coñecedes o Turista, esa taberna medio esborrallada do Berbés que che poñen pescadiño frito, sempre do día, o que pillan na lonxa. Cantos viños teño tomado nela despois de mareas interminables, cantas cantigas teño botado no turista cos compañeiros!

É o que ten non traballar, por que eu por sorte xubilei fai un par de anos, que un non ten presa para marchar… se hai viño e parola as pernas non se me volven tolas por coller o camiño da casa e con elas, eu tampouco. Ben sabe miña muller desa teima: ela tamén sabe ben que como haxa cantareiros e foliada, ben, así aínda é peor… que non hai cousa máis bonita que o cantar aquelas vellas cancións que se cantaban antes polos bares. E ben certo é que a min, como bo mariñeiro, non se me da nada mal o cantar.

Pois cadrou que ese día estaba eu tomando uns viños e apareceron uns rapaces de alí, do Casco Vello, pediron unhas cervexas e puxéronse a cantar, e mentres estaba eu a miralos, cas súas cantigas, tocando tamén a pandeireta, unha tras outra, e mirando como un par de parellas lles botaban un baile así polo miúdo que moito sitio tampouco vos había, pensei no bonito que era ver aquilo, aqueles mozos novos pasándoo ben con cousas que antes eran de vellos. Pensei… a vida é para gozala cando se pode que para sufrir, sufrimentos temos a mans cheas.

E cavilando nesas cousas, cantando tamén con eles ou simplemente escoitándoos o tempo foise pasando porque como vos dixen antes, se hai viño, parola e cantares, non hai quen me faga marchar.

E foi entón cando aconteceu que entraron tres mozos, unha muller e dous homes, vestidos con roupa tradicional e que eran o grupo máis peculiar que mirara na miña vida. E non o era pola roupa de cotío que levaban, non. Nin polas zamancas que levaban algúns deles ou polas zocas con polainas que levaba o outro. Nin polos puchos dos homes, nin polo pano da muller… non, o peculiar do trío era que un deles, o que levaba o traxe máis rechamante, un traxe de pano amarelo e as zocas con polainas ben axeitadiñas, era negro, negro ébano, negro como o chocolate puro máis puro, deses negros que cando rin mostran unha branca ringleira de dentes perfectos. Tan negro que era que non había dúbida de se ese home era galego ou non.

Como nese momento eu xa levaba uns cantos viños e, pasándome á sobremesa, xa empezara a probar o licor café local, en canto tiven a ocasión achegueime ao compañeiro do home en cuestión e empecei a falar con el do traxe que levaba, e cando a cousa xa pintou ben, cando xa había unha certa confianza de homes bébedos, pregunteille polo seu amigo… o negro vestido de cotío, explicándolle que aínda que non tiña nada de raro, pois algo de raro si que tiña e que sentía unha curiosidade xigantesca, se cadra, axigantada polo alcol.

E non podedes imaxinar, amigos meus, o que me sorprendeu a resposta que me deu. Non o podedes imaxinar, porque, xa vos digo, eu, sendo mariñeiro como son, ben, mariñeiro xubilado pero mariñeiro no fondo, ben sei o que a ese rapaz se lle pasou pola cabeza, ben sei das bágoas que me caían polas fazulas mentres me estaban a contar aquela historia, e ben sei o que se sofre cando o teu barco afunde e todo o que está ao teu arredor móvese para abaixo e ti pensas que non vas dar posto o traxe salvavidas antes de que a auga reclame por completo a coroza de madeira que te mantén a flote.

Non vou saber eu o mal que se pasa cando se está aboiando na escuridade co puto traxe salvavidas autoinchable con asubío incorporado! Cando tratas de te relaxar, que nunca o fas, mentres intentas asumir que vas ser recollido pronto por un barco e que non existe ese frío brutal que che vai collendo o corpo enteiro pouco a pouco! Porque por moito que un queira pensar outra cousa, cando se está tirado no medio do mar, aínda tendo a sorte de poder mirar as estrelas, aínda ca mar tranquila, por moito que un saiba que vai ser rescatado, pouco a pouco, mentres o frío do mar che colle nas súas mans, vaiche tamén collendo a cabeza a idea de que non dan chegado, de que ninguén escoita o teu asubío, que nunca van chegar e che entra unha angustia que eu nunca coñecín outra igual.

As zocas e o mariñeiro (2)

8 de abr. de 2014

Na poleira non, no galiñeiro

Despois de unha brutal semana de vacacións da Reconquista, semana de festa en festa e tiro porque me toca, pasar o domingo de pateada era, para min, un plan máis que apetecible. O sábado pola noite pintaba serán tranquilo despois de concerto de Grupo da Morte pero o órdago á chica nunca vai ben e a noite plantoume un par de pitos que me deixaron cunha festa ben rachada. A cousa é que liouse o serán, e ao final, marchamos de Fozara rozando ás seis da madrugada, en plan "pechaseráns", que xa facía tempo. Si a iso lle sumamos unha noite de licor café e pandeireta no Eicho de Dar Queridiña, outra noite similar no Galo do Vento despois de foliada... e os catro días da REC (si, dixen catro... eu che maldigho Santiago Veloso)... ben... erguerse para comer tranquilamente macarróns con grelos mentras miro o último e terriblemente bo capítulo de Breaking Bad, e logo ir camiñar non era precisamente un mal plan...

Paseo Galiñeiro 060414 012b

Sobretodo si un podía ter unha das mellores compañías posibles... a miña amiga Sara, cantareira ocasional, teatreira de corazón, performadora sustituta, esquiadora, corredora, e centos de cousas máis... unha delas, un sorriso e uns ollos que botan felicidade para todos lados.

Paseo Galiñeiro 060414 014b

E non o vou dicir de outro xeito... costou subir por aquelas costas, por aquelas pedras, custou moito para un corpo grande e vikingo como o meu... custou moito polas horas e horas de esmorga que leva acumuladas... pero, pero, pagou moito a pena. Non só pola compañía, que sempre se agradece, se non tamén polas vistas que hai no Galiñeiro, que non as pode haber mellores... e o que non o crea que mire as fotos se non lle apetece subir ata alá arriba.

Paseo Galiñeiro 060414 025c

Gabeando polas pedras como cabra montesa botei ben fóra os vapores acumulados desta semana trouleira que vou tardar en esquecer, e espero, en repetir, e tamén parte dos bichos que levan semanas a fozar na miña gorxa facendo do meu cantar un aquel digno de Paquirríns e Cía. E tanto botei que ao chegar ao penedo máis alto apuraba respiración axitada e insuficiente, pero iso non impediu que gozase dos amplos ollares do Val Miñor e Baiona, Monfero, Gondomar...

Paseo Galiñeiro 060414 027b

e do vello CUVI de pasadas experiencias e do gran Vigo de presentes vivires, non me impediu recoñecer as Cíes e as Ons case no horizonte, e no fondo, case no límite do ollar, Sálvora na entrada da miña ría de Arousa e apenas recoñocibles, a península do Grove a un lado e Corrubedo na punta, ao outro...

E tamén contraluces de nubes contrastadas en brancos e negros sobre ceos azuis e verdes luminosos, pasando pola carta de grises enteiriña, como se o ceo desa tarde quixera ter un balance de brancos exacto, un equilibrio de grises exquisito, un punto de negros irrepetible.

Paseo Galiñeiro 060414 029c

6 de abr. de 2014

O Principio da Indeterminación (VIII)

Hoxe Lucía, sorrindo, tiña pensado pasar toda a tarde na casa ordenando e limpando, e gardando e arquivando apuntes, dela e de Miguel, que despois de tantas cousa que pasaran o cuarto de estudar estaba cheo de papeis acá e acolá, pero fai boa tarde e decide que mellor xa o deixará para mañá que días como ese non hai tantos no ano e que hai que aproveitar despois de tanto traballo.

A Alameda está máis fermosa que nunca, chea de nenos correndo e xogando ó futbol, de vellos paseantes ou de mamás con carriños de bebés. E de estudantes. Párase no miradoiro, cantas veces sentou alí con Miguel, o difícil que é conseguir que estea baleiro, e mira á catedral, ao pazo de Raxoi e alí abaixo, á ventá da súa vella habitación. Que pequena que é. Luce o sol entre as follas dos plátanos de paseo e dos abetos, entre as dos castiñeiros, e pensa que non pode ser máis feliz, e pensa en Miguel, en que non podería ter atopado mellor home, no bo que é que está a traballar nun traballo que non lle gusta, que non o enche para poder seguir a vivir con ela. Pensa que será boa idea baixar ata o seu traballo para esperalo á saída, que hoxe sairá antes, ás oito, e darlle así unha boa sorpresa, seguro que el se alegrará.

Pero é cedo e para a tomar un café no Cibeles, estase ben, tan ben que de súpeto mira a hora no móbil e dáse de conta que é tarde que xa son as oito e cuarto e que como non apure xa non colle a Miguel. Paga rápido, sae correndo cara a porta de arriba do Carrefour, seguro que aínda está dentro, e tropeza de narices con el, que sae nese momento… Miguel, que a mira sorprendido… apenas di hola, e de súpeto detrás del unha voz de muller que di,

“Cariño, xa estou lista, espero que non te fixera esperar moito.”

E Luca que mira a unha muller que tamén a mira a ela sorprendida e que lle colle do brazo a Miguel, sorprendido Miguel, que lle da un bico nos beizos,

“Hola, quen é Miguel?”

E Luca entende e bota a correr e polo camiño non se decata de que dende o momento en que se deu a volta comezou a chorar e que vai tardar moito en parar.

 

Ramón xa pechou o local e está a chamar á súa muller, hoxe vou tardar, teño moito que falar con Luca, que non te preocupes. Lucía pon un anaco de madeira novo no lume. Coñeceu á muller de Mon fai unha hora, que guapa que era, e que ben se a miraba a ela con el, boa parella fan. E que confianza teñen. Xa fai tempo que remataron a botella de licor café e Moncho trae outra. Hai moito do que falar. Moitas cousas que arranxar. Parece que se moveran moito dende fai sete anos pero todo segue aí no mesmo sitio.

“Luca, e dis que el levaba saíndo ca rapaza esa dende facía un mes?”
“Si, traballaba con el: ás dúas semanas de entrar no Carrefour coñeceuna e unha semana despois xa estaba con ela. Cando cheguei a casa era como si estivera fóra de min e seguín a recoller as cousas do estudo e atopei no medio duns apuntes del cartas dela… mira ti que parvada, nos tempos que corren, que todo se fai por móbil e ela escribíalle cartas de namourada a el. Nese momento foi como saír a flote estando a piques de afogar e todo fíxose real para min… agarrei unha maleta, metín cousas del dentro, o resto en caixas, e deixeillo na porta.”
“E el non fixo nada?”
“Si tratou de falar comigo dúas veces pero eu non lle fixen caso. Moncho, foi como si de súpeto me pechasen cun muro de cemento, entendes? Eu pasaba o día chorando metida na casa e nin me decataba. Estiben dous días chorando sen parar e sen comer.”
“El viu a falar comigo varias veces e eu trataba de falar contigo, e cando marchaches empezoume a contar un montón de historias e eu… ben, ti sabes o que eu sentía por ti, non? Discutimos, mandeino á merda e xa non volvemos a tratar igual. Quedabamos de cando en vez pero xa non éramos bos amigos. Descubrimos demasiado tarde que eras ti a que nos facía levarnos ben.”

 

Miguel está parado. Non se pode mover. Como si morrera. Está esperto pero sente que está a durmir nun pesadelo.

Nunca pensou que estivera facendo mal algún. Nas súas ensoñacións mirábase un día contándolle a Luca que xa non a quería, que coñecera a outra persoa ou simplemente non contándolle nada (ollos que non ben, corazón que non sinte), non tiña por qué facelo que ela nada sabía, e ela entenderíao e todos serían felices. Noutras víase o resto da súa vida cas dúas mulleres a un tempo, sen problemas, cada unha nunha parcela da súa vida, sen interferir na outra, felices tamén os tres. Pero aquela tarde deuse de conta que nalgún momento do último mes perdera a perspectiva das cousas e que deixara de ser consciente do que facía. Aquela tarde deuse de conta de que recuperou esa consciencia da súa vida de golpe, na porta do seu traballo e decatouse tamén do moito que quería a Luca e do dano que lle acababa de facer. Quería morrer pero agora xa era demasiado tarde: xa pasara o tempo dos arranxos e das tiritas. Agora chegara o tempo da desesperación, da tristura da alma que perdeu un anaco de si mesma, dos choros… dos arrepentimentos, e dos perdóns que nunca serían concedidos.

Miguel movíase rápido tan rápido que un día descubriu que non sabía onde estaba. Que se perdera a si mesmo polo camiño e que perdera a Luca tamén: nunca máis habería de atopala.

 

“Moncho, pódoche facer unha pregunta?”
“Dime.”
“Qué foi del?”
“Marchou para Madrid e parece ser que alí traballa para unha inmobiliaria. Fai un par de meses viu por Santiago a facer uns negocios e parou a tomar algo aquí. Saímos e agarrouse unha boa. Agora toma guisquis con xeo e dálle á coca que non veas. Non sei, creo que anda moi ben de cartos pero polo que lle entendín debe de andar leado con algún político. Xa sabes, merdas desas das constructoras.”
“Sabes si casou ou si ten parella? Si é feliz?”
“Luca!... Vale, cóntoche. Parece ser que casou pero polo que soltou cando xa estaba borracho aquel día e polo que vin, a pobre da muller debe de ter máis cornos que eu chourizos colgados do teito. Non sei Luca, non debe ser moi feliz.”

Silencio.

“Non dis nada nena.”
“Non, estaba a pensar. Pensaba no día que empezamos a saír. Cando cho contei. Falabamos do principio de incertidumbre…”
“Si, lémbrome, pensei que… da igual, dime.”
“Mira como son as cousas. Ti querías ser unha persoa rica e famosa, das que destacan entre as demais. Ás veces incluso eras demasiado ambicioso. Pero iso non era máis que o que se vía por fora que eu che coñecía ben e sabía como eras realmente por dentro. Ti querías moverte, saír da Galiza e ser famoso fóra dela e o final quedaches no sitio, e estás ben, centrado, tes unha boa vida. E Miguel que era todo o contrario, tan solidario, tan nacionalista, que deiquí non se movía, mira ti como acabou despois de todo este tempo. Marchou. Moveuse e agora non sabe onde está, anda perdido, afundido. Como as partículas das que falamos aquel día. Móvense e non sabes onde están e se están paradas non sabes cómo se moven.”
“E ti Luca?”
“Eu sempre estiven aquí, quieta, escoitando, o voso núcleo.”

FIN

O Principio da Indeterminación (VII)

4 de abr. de 2014

Dez anos

Pasan os anos e un non pode deixar de botar a vista atrás... de ollar o camiño recorrido, mirar o que ten feito, o bo e o malo. Este mes fago dez anos traballando no porto, aínda podo lembrar aquel primeiro día de traballo, e creo que iso merece escribir sobre elo e sobre o que teño feito neste tempo.

Aquel día non foi moi diferente ao de hoxe... tamén chovía. Lembro ir dar roldas con Fran, facer un xiro estúpido nunha parte ridícula do peirao, lembro que el me contou como as pombas comían o grao de millo húmido pola choiva e que lle medraba no estómago e logo facíaas rebentar dende dentro (en dez anos non vin nada diso) e logo lembro pasar o resto da mañá co Xefe de Servizo, o Sr. Prieto Barbeito, que me tivo varias horas nunha esquina dun peirao, baixo a choiva, despois de que amarrase un barco, falándome de como se debían facer as cousas, de como era todo no porto, da súa vida de capitán de navío... lembro que eu non sabía moi ben que facer, nin uniforme tiña aquel primeiro día. Lembro que me caeu moi ben, a pesares de que naquel momento pensaba que aquel home que non paraba de falar parecíase, ca súa barba branca impecable, máis a un avó contando batallas aos seus netos que a un Xefe de Servizos Portuarios. Pareceume un home digno de confianza e, certamente, aínda que eu sei que cometeu moitos erros nos case seis anos que traballei con el, non me enganei.

Ese foi o primeiro día de traballo... logo viñeron máis mañás de ir a traballar durmindo pouco (non son home de deitarme cedo), ensinarlle a un compañeiro que un pode aprender a facer o no da garabata mirando en internet, broncas e máis broncas, risas, parrafadas, tardes interminables ao sol, noites aburridas baixo as estrelas... roubos e accidentes, turcos que non querían volver a embarcar no seu barco e que, chorando como nenos, só pensaban en volver á súa terra... chourizos da merenda, mariñeiros borrachos que saen de festa co uniforme e que logo resulta que son o cociñeiro polo que levan esperando dúas horas no barco para que fagan o almorzo... tantas historias.

Pero esas son e serán historias do traballo. Logo están as outras que para min son máis importantes... Por exemplo, ao pouco tempo de entrar a traballar no porto, deixar á que foi, durante catro anos, miña moza de Pontevedra. Non hai moito que contar de iso pero o certo é que eu non a quería... facía tempo que deixara de querela. Ese día cambiou a miña vida.

Eu sempre fun da música tradicional, sempre pero a miña relación con esa muller afastoume pouco a pouco dela. Deixei de ir aos ensaios de Malveiras, deixei de ir ás festas, de tocar, de cantar, de bailar. A ela non lle gustaba nada… de feito con ela fun á miña primeira Estalotada, no Pampín, non aguantamos nin dez minutos nela. Foi deixalo con esa rapaza e igualiño que cando soltamos un péndulo, volvín ao meu sitio. Durante ano e medio non parei de ir ás foliadas, a algún serán, ás Estalotadas, a todo canto había… ás veces marchaba para Santiago e quedaba alí dous ou tres días. Non tiña parada. Era como se quixera recuperar todo o que deixara de vivir nos catro anos anteriores, como se quixera limparme de tantas noites de discoteca e pachangada pontevedresa a golpe de pandeireta e licor café…

Logo, como o péndulo que volve ao outro lado recorrendo o seu camiño na procura do equilibrio, pasei por nove meses afastado da música tradicional, engaiolado por muller tola con dous fillos. Tan só nove meses, pero terribles, horribles, de pesadelo. Nada bo quedaron deles.

E o péndulo segue a moverse, vai para o lado contrario de novo, volven á miña vida os seráns, e as foliadas, e a músicas, as gaitas, os bailes… e aparece unha muller marabillosa chamada Guadalupe… Nese momento pareceu que o péndulo empezaba a parar, que xa atopara o equilibrio. Sete anos pasaron así, pero as inseguridades fixeron que se movese de novo, e aquela relación, por momentos fermosísima, acabouse e chegaron os choros, os erros imperdoables, tratar de cruzar un deserto infernal cheo de espellismos, as desesperacións e as obsesións. Canto dano che fixen Lupiña, canto, e canto o sinto. Non hai confesionarios dabondo na Cristiandade para o meu perdón. Como quen non quere a cousa xa pasou un ano, porque o desenlace horrible desa parte da miña vida comezou a cristalizar fai xusto un ano, na Reconquista do 2013.

Non sei, non me considero supersticioso. Son case máis empírico que outra cousa aínda que como bo galego, quen sabe se haberá ou non meigas… pero o certo é que de haber un ano malo na miña vida este tiña que ser o ano 13 do século 21. Non podía ser de outro xeito. Foi como unha pequena morte, en certo modo morrín, e agora toca renacer polo que podería dicirse que este é o ano 0 da miña vida. Todo vai por ciclos, dez anos pasaron traballando no porto… e, despois desta miña morte en vida, virán outros dez que empezan hoxe cun pequeno renacemento, porque en realidade, non pode haber vida sen morte. Ata nun mesmo.

O ano pasado foi un ano de crisis… pero tamén de Crisis… e de Bego, e de Xela, e de Edu, e de Alba… e algunha xente máis a que irei incluíndo nesa lista de persoas marabillosas do 2014, xente que a pesares do pouco que os coñezo quero moito. Quen ten presa por coñecelos? Teño dez anos por diante antes da seguinte paixón, morte e resurrección. Xente que de non ter recorrido o camiño que recorrín nunca tería coñecido. Ou si, pero non sería o mesmo.

Así que miro atrás, ata aquel 2004, e logo máis atrás, a 1994 e incluso antes, e miro fotos daqueles tempos e penso, joder, son eu ese rapaz tan guapo, tan ben feito, tan alegre? Como podía ser eu ese rapaz? Canto tempo perdín cas miñas inseguridades que me facían ser feo e horrible só aos meus ollos? Ben… sabedes cal é a resposta? Que grazas a esas persoas que mencionei antes, e a outras, como a Ton, a Patri, a Bárbara, a Olga, a Santi, a Raquel, a Marcos, e Miguel (e os museros), e a Sandra, e aos amigos da panda e algúns máis que fun atopando polo camiño, grazas a eles, os meus corenta anos non foron tempo perdido.

O Principio da Indeterminación (VI)

Moncho está na porta da súa tenda, da súa taberniña e síntese feliz. Feliz de ter coñecido a Ana, feliz de terlle feito caso cando lle propuxo a idea de montar algo entre os dous, de probar sorte cun negocio, algo deles, ben en realidade é do banco, que ningún dos dous tiña un can e había que pedir un crédito, algo pequeno e familiar. Feliz de ter casado con ela e feliz de que houberan tido unha filla, a súa filliña, o seu ceo, a súa Alma, Almiña, que bonitiña que era, que tranquiliña, que só tiña uns meses pero parecía xa tan adulta tan sería, que todo o quería saber, que as veces tiña cara de querer contarlles algo, pero logo decatábase de que aínda non sabía falar e pechaba os beizos con forza como dicindo que había que aguantarse que xa o contaría cando aprendera, que non se ía esquecer.

Moncho mira a xente pasar, aos estudantes, ás mulleres que están dando un paseo, aos turistas, hoxe non lle entrou ninguén aínda na tenda, pero é cedo, son as cinco da tarde, e a súa xente, dende que abriu a taberna, veñen a partires das sete, sempre cheo ata as doce da noite, e pola mañá, que é cando fai as ventas na tenda, e ao medio día para tomalas tapas. Mira, xa están a abrir os do Iacobus… e de súpeto, esa muller que pasa… como se parece a Luca, pero que un montón, non é Luca? Non pode ser que anda polas Américas, pero… parécese tanto, non sabe que facer, será, non será… merda si que é, corre, e chámaa, Luca, Luca…

“Si?... Moncho, es ti? Moncho! Moncho! E ti por aquí? Cánto tempo! Moncho! Non sabes… non sabes canto…!”
“Luca, Luca, qué tal estás? Dáme un bico, veña.”

Abrázanse. Míranse pero xa con efecto desenfocado polas bágoas que arrasan os ollos dos dous. O cerebro non da creto, pero o corazón xa sabe, xa ten coñecemento e desbórdao ca alegría. Abrázanse.

 

A tenda é ampla, toda de pedra, por dentro parece unha desas casas antigas sen arranxar as paredes, como se fai agora cos pubs e os bares, é a moda, volveuse ás cousas sinxelas, vellas, e qué pode haber máis vello que a pedra sen arranxar? A Luca recórdalle a algún local no que ten estado, como As Crechas. E no fondo, tamén a pedra nu, está a parte da tasca. Como as tabernas das aldeas de antes, agora xa case que non quedan, nas que tanto tomabas un botellín ou un viño como mercabas azucre ou leite. O seu tío Manolo tiña unha alá na aldea. Lucía lembra como lle gustaba de pequena axudarlle á súa tía cas clientas nos días nos que non tiña clase, sobre todo ós sábados pola tarde que era cando viñan uns amigos da cidade, que botaban alí catro ou cinco horas e falaban e falaban cos seus tíos, xogaban ás cartas, e logo facían compra e sempre levaban unha bola de pan ben quentiña, que a traían acabada de facer ás nove da noite, co seu piruco, e logo che duraba case unha semana. Xa non hai pan dese. Eses amigos ás veces traían ós seus netos cos que xogaba a que ela era a tendeira e eles facían a compra, e logo un deles, o maior, que era moi rico casaba con ela e marchaban a vivir á cidade. Ese era o que lle gustaba a ela. Lembra que sempre quería comerse o piruco recendo a pan quente e que lle dicía se quería un anaco.

A tenda de Moncho ata tiña un fogar no que penduraba unha pota. O fogar no inverno acendíase todos os días e a pota, ben, estaba alí para adornar, non se usaba dende facía máis de 50 anos, que fora da aboa.

No lado do ultramarinos, penduraban do teito, en aparente desorde, chourizos, xamóns, lacóns, salchichóns, botelos, “lomos embuchados.” Estalactitas formadas pola suor de sangue dos porcos. E como non, estantes e máis estantes, expositores, cheos de queixos, marmelos, patés, conservas de mexillóns en aceite de oliva e de ameixas ao natural “Malveiras”, latas de ortigas e de algas “Lou” (e de ourizo), e mexillóns tigre ao baleiro, e empanadas, e toneis cheos de café en gran e de feixóns e garabanzos. Pementos do “piquillo” e espárragos. Ovos de casa. Grelos e pementos de Padrón (xa era o seu tempo). Latas con variedades coñecidas e descoñecidas de tes. E do outro lado, viños e máis viños, albariños, ribeiros, mencías, godellos… e como non licores, de herbas, branca, de mel, licor café, con cereixas, licor de oruxo… diríase que aquela era a casa dun larpeiro. Ata vendía pan de Cea.

Un entraba no local e chegábanlle todos eses cheiros de golpe, quedaba abraiado e logo dun momento de indecisión comezaba a deleitarse ca vista de cada un deses produtos e co seu cheiro propio. Serían, as dese local, degustacións ou tapas só de cheiros exquisitos e de ollares fabulosos?.

Logo un pasaba á taberna co seu fogar e as súas mesas de madeira e o recordo deixado atrás como un eco, unha pegada, resistía a marchar.

Aquel era outro mundo, igual de caótico pero distinto. Nas paredes podíanse mirar estantes cun par de radios antigas, ferros de vapor, lámpadas de carburo. Andeis cheos de libros que calquera podía ler segundo lle apetecese ou ben levar a casa, bookcrossing que lle chamaban o asunto: modernidade e tradición atopaban un oco nos recunchos das paredes do local de Moncho. E fotos de escenas do pasado, unha regata en Carril, un mariñeiro da armada inglesa sacándose unha foto cuns paisaniños, unha foto da festa dos Caneiros en Betanzos, imaxes de Santiago de fai 60 anos… Un non paraba de ir dun lado a outro e sempre atopaba algo que lle chamaba a atención: a xente que entraba por primeira vez, pasaba o rato ca cabeza xirada, mirando dun lado ó outro, abraiados, como curuxas indo de tapas e empoladas nun carballo. E tamén habían pezas antigas, como rodas de carros, xuntas de bois, forcadas, todas esas cousas vellas que daquela non tiñan máis valor que o que lles daba o seu uso, e que agora, nos nosos días son cousas “in”, son pezas de museo, mentras esquecemos con demasiada frecuencia o necesarias que eran esas cousas non fai tanto tempo e o traballo que daba telas e usalas. Algún instrumento, un par de requintas, dúas ou tres trompas, un punteiro que lle deixara un amigo, vellas pandeiretas completaban o mostrario.

Nun lado tiña un par de armarios entre recordos máis pequenos e fotos de amigos e xente coñecida do local, todos eles sempre con cara de ledicia, máis o Moncho cando aparecía, cun puntiño de morriña. Os armarios enchíanse de xerras de cervexa, botellas de licores decoradas, catadores de viño, reloxos vellos, un exemplar da “Teoría da física avanzada das partículas”, un par de pipas, unha máquina de facer pitillos…, a lista era inmensa.

E como non, unha bodega cunha boa selección de viños e cun refrixerador cheo a partes iguais de cervexa de importación e copas frías e de botellas de licor café…

O local de Moncho era polo tanto un local para os sentidos, a grande feira dos sentidos da rúa Azabachería.

 

Ese día Moncho prendera o fogar, que era abril pero levaba unha semana facendo un frío que un pensaba que quedaran atascados en xaneiro. Alí sentadiña cun café de pota nas mans estábase ben a gusto, daban ganas de non saír de alí na vida. Dende o seu recuncho ao carón do fogar observaba a Moncho atender a uns clientes. Apenas tivera en toda a tarde, pero non levaban unha hora falando e empezaron a chegar en grupos e nun suspiro tiña a tenda chea. Mellor así que ela aínda non asimilara tanta información, tanta cousa nova.

Cando saíra pola tarde a dar un paseo pola zona vella como fixera nos cinco días que levaba en Santiago, non pensaba en atopar a Ramón nin moito menos. Era algo que conscientemente estaba a deixar para máis adiante. “Agora non é o momento” e retrasaba a busca do seu vello amigo. Pero como son as cousas, ou o destino, nunca crera moito nel, ou se cadra o azar, dáballe igual se deus xogaba ou non os dados, e aquela tarde por fin se decidira a achegarse a San Pedro e indo de volta subiu dende a Porta do Camiño ata a praza de Cervantes e cando ía subindo entráronlle ganas de tomar un café e como estaba preto ou lle cadraba de camiño decidiu pasar polas Crechas. E alí, xusto antes de apartarse do Camiño para meterse na rúa de Sampaio de Antealtares, estaba Ramón. Só facía unha hora que se atoparan, e xa sabía media vida do seu vello amigo. Que casara, que tivera unha nena, que collera o negocio este… Mira, xa rematou, agora parece que non ven ninguén máis.

 

Moncho achégase a ela cunha botella de licor café e unhas copas. Teñen moito que falar pero iso non quita que non poidan celebrar o reencontro do mellor xeito posible. El ten moitas cousas que contar pero tamén tenlle moito que preguntar.

O Principio da Indeterminación (V) O Principio da Indeterminación (VII)

3 de abr. de 2014

O Principio da Indeterminación (V)

Ramón era feliz. Afixérase a vivir ao seu xeito, sen pretensións, facendo o que lle petaba e cando lle petaba. Ben, ou a lo menos, cando a muller e a filla lle deixaban. El sempre facía bromas con iso de que a súa dona e a filla o tiñan dominado pero todos os seus amigos sabían que era só iso, unha broma, que morría polas súas nenas e elas por el, nunca miraran ninguén tan compenetrado ca muller e ca filla, que case non parecía que estiveran casados do ben que se lles miraba, dicía con retranca un dos amigos.

Ramón volvera para Santiago facía 5 anos. Fai dous collera unha tenda especializada en alimentos de groumet e produtos da terra e a cousa estaba a funcionar ben. Ata montara unha pequena taberna con tapas. Sabedes cal era o produto que máis lle pedía a xente? O licor café, que llo mercaba a un señor de Redondela. Servíao sempre en copas ben frías, o licor sempre metido no conxelador, espesiño, case se mastigaba, e raro era o cliente que tomaba unha copa e levaba unha botella desas de medio litro, decorada que logo quedaba de adorno ou para meterlle augardente caseiro.

Pero a súa vida dende que sacara a licenciatura non sempre fóra así.

 

Cando coñeceu á súa muller estaba máis que farto de traballar de calquera cousa, traballara de todo un pouco, nun bar na zona vella, nunha cafetería no ensanche, no Alcampo de Fontiñas, facendo enquisas, como paiaso nun parque infantil, camareiro, repartidor. Parecía mentira que fixera unha carreira das máis teóricas e que o final a vida lle levase a polo camiño que a ela lle petase. Ás veces sentírase como si tivera sido esculpido durante sete anos para que logo viñera un grupo de rapaces a cubrilo de grafitis. Dende o fin da carreira fora como si se movera continuamente sen ter nin puta idea de onde estaba.

Cando coñeceu á súa muller levaba un tempo cunha boa depresión. Nada lle apetecía. Ía a traballar porque tiña que pagalo piso de alugueiro no que vivía e comer que non ía morrer de fame, pero pouco lle faltaba para se encerrar no seu piso, o coelliño medoñento no seu furado na terra cas orellas caídas a taparlle a cara… “Corre coelliño corre, fai un tobo e esquece o sol”. El, no seu fondo sabía que a depresión aquela pasaría, antes ou despois, que xa pasara antes por elo, que bo é ter experiencia e lembrar o teu pasado, pensaba el. A outra vez fora cando Miguel e Luca desapareceran da súa vida, xa fai uns anos, merda, por qué se acordaría de eles agora, tanto que os botaba de menos, agora entráballe a moqueira, as gañas de chorar…

Cando coñeceu á súa muller, Moncho pechara sobre si mesmo e estaba case a piques de se pechar para sempre. O día aquel que se lembrou dos seus vellos compañeiros de cando estudaba, decidiu que tiña que facer algo, que non podía seguir así. Tiña que se parar e mirar por onde andaba, e decidiu que esa tarde chamaría o seu colega e que irían de festa por Santiago adiante. Que carallo… unha boa chea de licor café e xa vería el como desaparecían as penas.

E tanto que mata as penas!. Boa era a que levaban Moncho e o colega de bar en bar, de taberna en taberna, os dous tenores, os alegres da rúa Ourense, os do licor café nas Crechas e os do bailoteo a ritmo de funky no Insomnia, e vai o colega, que non se podía estar parado, e vótalle un ollo a un grupo de nenas todas elas bailando tamén como tolas, que un vai ó Insomnia a desmelenarse, non pode ser doutro xeito, é o ambiente que hai alí dentro que che envolve e ti non tes ganas pero de súpeto ves que bailas tanto como o que máis. O colega empeza a falar con elas, especialmente con unha delas, que fermosa que é, pero Moncho que é máis tímido non se atreve e queda a un lado, non fala, só mira, el quere pero non é capaz e pasa o tempo, está a facer o ridículo, vai a barra, colle un par de birras e volve e dálle unha ó colega e el preséntalle a unha rapaza, un par de bicos, encantada, eu tamén, e comezan a falar, o amigo que xa vai por outra do grupo, meu deus non pasan nin dez minutos e xa lle está a facer unha exploración bucal, sería por iso polo que fixo odontoloxía?. E el que segue a falar, agora falan de libros, que os dous lles encantan e séntense cómodos, non paran de citar os favoritos de cadanseu, falan e falan e falan, xa non escoitan a música, e van quedando afastados do resto, e Moncho que sabe que ten que probar, que ten que ver si se deixa bicar, e achégase e proba… e xa está, bícanse e tócanse, e os minutos seguen a pasar e non se decatan.

“Ei, perdón, parade un momento… mira, nos imos o Tarasca, vides ou quedades?”
“Qué facemos? Vamos, non?”
“Veña”

No Tarasca nada cambia, eles ao seu, bicos e bicos, e as mans que non sabe onde acaban de cada volta, e logo que marchan ao Ruta e alí peor que é escuro, moi escuro e perden o medo, que ninguén os mira, cada un ca súa borracheira, cada un cas súas tolerías, e eles que seguen a se bicar como se a boca do outro fora a fin do mundo e a se tocar máis aínda, xa en lugares ocultos, como nos libera a paixón, como é estar peneque, mirar as cousas polas gafas de cristal de botella de cervexa.

Chega o fin da noite, o comezo do día, e despídense, Moncho sabe que ela lle gusta e que a ela lle gusta el, por qué van a foder isto cunha noite de cama, así mellor, el pídelle o teléfono e dálle o seu. Espera até o martes e chámaa e quedan, van o Paraíso Perdido, falan e falan e logo á Casa das Crechas e de súpeto Moncho pásalle o brazo polos ombreiros e bícaa de novo e abrázanse. Logo acompáñaa a súa casa e no portal vólvense a bicar e deciden quedar para o venres, ela vai saír cas amigas pero pódense ver nalgures, no Insomnia, vale, como o outro día.

O venres chega, atópanse no Insomnia e ademais de se bicar, falan e falan e bailan. Ela lévao á súa casa e pasan o resto da noite e da mañá a foder e a durmir, e a foder de novo. Moncho, que sempre tivo aquela espiniña de peixe cravada no seu corazón descóbrese á hora de comer namourado daquela rapaza.

A súa vida cambia, agora xa sabe onde está, xa ten unha referencia. Agora xa non lle importa tanto o resto, xa atopará antes ou despois un traballo bo. Podería preparar oposicións ou algo así pero agora non ten gañas de se pechar a estudar como un tolo, se o tivera feito cando rematou a carreira…

O Principio da Indeterminación (IV) O Principio da Indeterminación (VI)

2 de abr. de 2014

O Principio da Indeterminación (IV)

Non volveu a atopar a aquel rapaz, ao mellor marchara para Galicia. Os días pasaban, e os meses, primeiro foran as clases de doutorado, logo chegara a revisión bibliográfica e finalmente, a investigación. Fixo amigos, votou mozo e perdeuno, e volveu votar mozo e volveuno a perder e fixo máis amigos, descubriu que estaba mellor soa con algunha relación esporádica e tivo vida, entrelazando perfectamente as súas relacións persoais e o traballo de investigación.

Noutra ocasión un dos seus amigos presentoulle a unha persoa. O tipo caeulle mal nada máis miralo. Desas persoas que é coma se tiveran un cheiro raro, desagradable, pastoso, que as coñeces e quéreste afastar delas. Unha desas persoas prepotentes que desexan controlar a toda persoa que lle rodea, que pensa que é irresistible…

“Oh, española, ti es española, fantástico! Coñezo moi ben España. He estado alí un montón de veces…, coñezo a paella, os toros, o flamenco! Olé, Olé!”
“Ti es parvo. Para nada coñeces ben España. Hai alí máis cousas que Andalucía e o flamenco. Eu sonche galega. Sabes onde está Galiza?. Non o sabes, non tes nin puta idea, mona, así que mira o mapa e aprende algo e déixame en paz. Como me fode a xente que pensa que en España todos somos andaluces.”

Non quería contestarlle así, pero saíulle da alma.

Nese momento chegoulle o coñecemento de que ela volvera a moverse, que sentíase cada vez máis apegada á Galiza e máis morriñenta, e sentíase máis completa, con máis confianza en si mesma, máis forte. Sentíase estraña. Era feliz alí, coa súa vida, estaba integrada, pero agora tiña un baleiro no seu interior. Cando lle aparecera? Non, non foi de súpeto, agora dábase de conta de que xa levaba tempo alí, pero non o mirara antes, non se decatara. Por qué aparecera? Ela nunca se sentira así, ben, si, collera tristura por ter marchado e por deixar a súa terra atrás, pero aquilo era distinto. Era algo máis, era o desexo de sentirse de algures, de pertencer a unha terra, de ter e de votar raiceiras.

Así foi que por primeira vez, tivo o desexo de voltar á súa terra.

Terminou a fase investigadora e comezou a difícil etapa de ter que redactala tese, de facer encaixar todo aquel material, de darlle unha forma determinada… de lela e de defendela ante un tribunal, que medo lle daba iso de falar diante do tribunal, e os meses pasaron sen decatarse que non tiña tempo para nada máis que para o traballo, case non miraba aos amigos e xa nada quería saber de festas ou ligues. Claro que o esforzo pagou a pena. Doctora Honoris Causa. Lucía no cumio.

Co doutoramento chegáronlle as ofertas de traballo, de empresas privadas, para a universidade, grandes liñas de investigación que a levarían a ser famosa, feliz e rica; e chegoulle de novo aquel sentimento que lograra esquecer naqueles meses de tolos, tanto fixera, e chegoulle moito máis forte.

Mira que o pensou. Deulle voltas e voltas e deixou de durmir. Votou días enteiros metida na casa sen saír nin para dar un paseo e os amigos empezaron a se preocupar.

“Lucy, por fin decidiches saír!”
“Si, decidín, e penso que téñovos que dar unha noticia.”
“Decidiches volver á túa terra, non?”
“Si, así é. Síntoo moito e síntome moi triste por alonxarme de vos. Sodes os meus mellores amigos e non vos poderei esquecer xamais.”
“Non te amoles, eu polo menos, estou desexando coñecer España e a túa terra. Tanto que falaches dela! Ah! E facer o camiño de Santiago.”
“Entón cando veñas terás casa e faremos o camiño xuntas.”

 

Non tiña moito tempo. Aínda tiña que atopar o punto de embarque, facturar as maletas, pasar os controis e embarcar. Iso en moito menos dunha hora. Chegara a tempo máis o medo seguía aí. Viña de outro lado realmente. Mira que intentara iso de “Non coñecerei o medo. Afrontarei o meu medo. Deixarei que pase sobre min e atraveso de min.” pero nada, que non había maneira. Demasiado Jedy para ela.

Agora subir ao avión e esperar polo permiso de voo. De Boston a Chicago e a Madrid e a Santiago. Logo trece horas de viaxe: mira que inmenso é o océano Atlántico. Parece mentira, non é? pero o certo é que o outro, o Pacífico, é o dobre de grande. Canto durará unha viaxe dende Tokio ata L.A.? Cando chegue a casa e todo estea tranquilo mirarao na internet.

Xa dende o aire olla un barco no medio do océano. Vai para Europa. Qué é? Un pesqueiro? Non parece moi pequeno. Non, debe de ser un cargueiro. Si, si que é que leva contenedores na cuberta. Que pequeniño parece dende acá arriba. Logo en porto da máis impresión, seguro. Vaise lembrar de cando foi ver o mar por primeira vez, alá na Arousa, e pasaron por Vilagarcía e polo porto e chegaba un barco, que grande era: que pequeniña era ela daquela, inda agora o sería do lado daquel barco. A onde irá este? Ó mellor vai á Galiza, a Vigo, ou se cadra non, pero mira que sería casualidade que tamén fora para aló. Se puidese saber como se chama miraría a que porto foi…

Vota un sono, que a viaxe é longa e faixe case toda de noite, non se mira nada, se as luces se apagaran de todo seguro que as estrelas si. E por fin chegar á costa Española… hola Galiza, xa estou aquí, mira, en nada estou de volta, co corazón a lle querer saír do peito, que alegría mirar a súa terra de novo despois de tanto temo. Aterrar en Baraxas e logo outro avión, máis pequeno, e nunha hora de volta a Santiago.

Que nervios lle dan só de pensar en todo iso… no pouco que lle queda. Alá nos USA, antes de pasar por facturación volvéralle o medo, e sentíu tristura, chorou, polos amigos que quedaban, polo tempo que alí pasou… pero, mira como son as cousas, que foi pasar polo detector de metais- o reló, o móbil, o bolso, polo escáner por favor, leva algo máis enriba de metal, non?, pase, grazas- foi pasar o detector, e sucedeu como si o detector tamén fora unha peneira que retivese todo aquilo que a entristecía, so pasou a emoción e a alegría da volta. Un paso, tristura, nostalxia, outro paso, o detector, outro máis, alegría, emoción. Como si se botara a si mesma un feitizo para esquecer o pasado, só quedar co futuro, ca emoción do que está por vir.

Sae do aeroporto de Lavacolla, e ponse a cheirar. Si, Galiza chéiralle distinto, máis doce, máis a terra, a verde, máis a fogar. Lembra cando chegou aló, aos USA, fai sete anos, que o cheiro golpeouna, unha labazada en todo o nariz, que mal cheiraba, meu deus! Pero este… este traía ledicia e lembranzas gardadas de tempos vellos de nena na casa dos pais. Ata cheiraba un pouco a esterco e canto lle prestaba!

Buscou un taxi para baixar a Santiago. Tiña pensado botar alí uns días, aínda tiña medo por voltar a mirar ós seus pais, as súas miradas. E coller forzas. Desexaba pasear pola zona vella, necesitaba cousas antigas, edificios vellos de pedra, a catedral, igrexas, necesitaba tomar unhas tapas, canto estrañara o de tomar uns viños e un pinchiño, necesitaba pasear pola Alameda, ver a vella casa, achegarse á facultade, ver o Campus. Canto, canto o necesitaba. E necesitaba pasear por San Pedro ata o Cruceiro, seguiría alí o vello bar? E achegarse ata Santa Clara e dar unha voltiña polo parque de San Domingos de Bonaval, cantas horas tiradas e tirada con Miguel no antigo cemiterio, daquela xa non daba repouso ós mortos, só ós vivos. Ficarán nel os seus fantasmas enterrados? Tiña que probar. E tomaría un licor café na Casa das Crechas ou un café no Paraíso…

E logo si, logo collería o Castromil e deixaría que o camiño a levase de volta a aldea dos pais, ata alí, ata o val lle chegaban as ideas, o futuro, que xa miraría que facer despois, tiña tempo por diante. Ah!, non, esquecíase, tiña que atopar a Ramón, saber del. Pedirlle perdón.

O Principio da Indeterminación (III) O Principio da Indeterminación (V)

O Principio da Indeterminación (VII)

“Moncho, este café de pota que fas está de medo… sabes? Botábao de menos alá nos USA.”
“Faino a muller e logo o deixamos quentando nun aparato que temos aí. A xente gústalle moito. Unha copa?”
“Como non. Deches atopado ó mellor licor café?”
“Je, non sei, miro en moitos sitios, pero este é o mellor de todos polo de agora. Mércollo a un tipiño de Redondela. Ben, e non botaches nada máis en falta? Ou a alguén?”
“Si, sabes que si, sabes que botei en falta á miña familia e… boteiche en falta a ti… e a…”
“E a Miguel. Luca, vouche dicir unha cousa, porque seguramente é o momento. Fai sete anos que non nos vemos nin que falamos e dende entón pasaron moitas cousas e agora o único que podo facer é alegrarme de te ter de volta e de poder falar contigo como se nunca tivera pasado este tempo. Pero cando marchaches, daquela maneira, sen dicir nada a ninguén, eu, anoxeime moito contigo.”
“Si, dinme de conta, nunca contestaches a ningunha das miñas cartas.”
“Xa o sei, pero que queres que fixera. Eu… ti eras a miña mellor amiga e eu non puiden nin preguntarte o que pasara, non puiden darte consolo… So puiden falar con Miguel e saber da verdade meses despois polas túas cartas…”
“Síntoo moito Moncho, pero é que ti non podes entender como me sentín eu. Foi como estar chea de lixo e todo o que levaba no meu interior dende facía meses, necesitaba fuxir… mira, unha mañá levanteime, pasaran dous días, despois de estar chorando toda a noite e todo o día anterior e o anterior, e chegoume como si fora unha revelación: tiña que arranxar aquilo eu soa, non podía apoiarme en ninguén porque doutro xeito, nalgún momento do meu futuro volvería a cometer o mesmo erro e caería aínda máis baixo. Logo, como se fora, non sei, como caído do ceo, chamáronme do decanato e ofrecéronme a beca de doutorado no MIT, en Masachussets, e non o pensei dúas veces. Non sabes como me custou marchar sen me despedir de ti, sen te dar unha explicación, non o sabes… por iso tardei tanto en te escriber… dábame vergoña…”
“Luca… non sabes… ogallá puidera terte axudado daquela…”
“Mon, eu quedara quieta e necesitaba moverme.”

Lucía e Ramón non din nada. Calan. Míranse como dous vellos amigos que xa non se lembraban o un do outro e que de súpeto se recoñecen entre eles e a si mesmos nos ollos do outro. E abrázanse, e mentres o fan Luca estoupa e chora, chora as lágrimas que fai sete anos non chorou no ombreiro de Ramón e lembra, por fin lembra como foi todo…

 

Luca volvía a ser feliz. Como si os malos meses pasados foran auga que nunca correu, como se fora un mal soño deses dos que un esperta convencido que sucederon. Na súa cabeciña xa non quedaba espazo para as discusións con Miguel e para as choreiras con Ramón, o paciente Ramón que sempre lle daba consolo. Xa non tiña sitio para as veces que Miguel a menosprezara ou para as veces que se empeñaba en saír el só alegando o principio de independencia das parellas que tanto lle gustaba alegar. Xa non lembraba aqueles pequenos indicios que lle facían pensar que ela era a primeira na vida de Miguel pero non a única. So tiña sitio para a súa graduación. Por fin terminara a carreira e sentíase feliz de novo.

O certo fóra que aqueles últimos oito meses dende que Miguel se licenciara, non foran nada ben entre eles, e o motivo foi que pouco a pouco el cambiou. Contento quedara cando lle deron o título (ben, o resgardo que aínda hoxe non o ten) pero logo lle foi cambiando o ánimo pouco a pouco: non quedara máis remedio que dar por válida aquela famosa frase de “el quixera cambiar o mundo e o mundo cambiouno a el”. O problema fora que se fixera demasiadas expectativas, e cando as expectativas non se cumplen…

Non paraba de buscar traballo e non o atopaba e xa estaba canso de non ter experiencia, volva cando a teña, estaremos encantados de darlle traballo, ou de que o mirasen mal polas súas rastas e os seus piercings, que el tiña que ser fiel os seus principios e era tan boa persoa con eles como sen eles. E logo empezou a mirar por outro lado que as saídas laborais da súa carreira non eran como para facer festa e nada, oposicións non había e co expediente tan pobre que tiña nin pensar en preparalo doutorado.

Así que entre unha cousa e outra foise amargando e cada vez pelexaba máis ca pobre da Lucía que non tiña a culpa pero que non facía máis que lle rompela cabeza con aquilo de que tiña que se adaptar ao mercado laboral e que si o que pedían os empresarios eran xente cun aspecto determinado pois que el tería que cortalas rastas e sacalos piercing e vestir de traxe e logo que si non atopaba nada do seu que buscara en outro lado que de algo tiña que vivir.

A medida que pasaban os días as rifas ían en aumento ata que un día tiveron unha tan grande que ao día seguinte Miguel, pola mañá cedo, marchou a perruquería, cortou o pelo, mercou algo de roupa, e comezou a buscar polas ETT´s, nos anuncios no periódico, nos anuncios dos supermercados. Dous días máis tarde Miguel estaba a traballar no Carrefour do centro de Santiago, o da rúa do Salvador, en quendas de sete horas, unha semana de mañá e outra de tarde, de luns a sábado, que cando traballaba polas tardes nunca chegaba a casa antes das once da noite canso como un animaliño.

Empezou a saír el só, e empezou a comer fóra e a durmir fóra e Lucía empezou a desconfiar e as discusións foron en aumento, e Miguel, que xa nada lle importaba, cada día que pasaba estaba máis descontento ca súa vida. Así, a súa relación colleu velocidade, como unha carrilana de cubo de lixo pola costa da rúa das Camelias e nada parecía impedir que fora a esnaquizar en mil anacos, ata que chegou o día, tres meses máis tarde, no que Lucía se graduou e nese momento parouse o tempo e o contador do velocímetro e de repente todo volveu a ser como antes.

Xa o dixen. Lucía volvía a ser feliz e Miguel volvía a ter boa cara e xa non lle importaba o traballo porque estaba a vivir ca muller máis marabillosa do mundo.

O Principio da Indeterminación (VI) O Principio da Indeterminación (VIII)