UA-55725853-1

2 de abr. de 2014

O Principio da Indeterminación (VII)

“Moncho, este café de pota que fas está de medo… sabes? Botábao de menos alá nos USA.”
“Faino a muller e logo o deixamos quentando nun aparato que temos aí. A xente gústalle moito. Unha copa?”
“Como non. Deches atopado ó mellor licor café?”
“Je, non sei, miro en moitos sitios, pero este é o mellor de todos polo de agora. Mércollo a un tipiño de Redondela. Ben, e non botaches nada máis en falta? Ou a alguén?”
“Si, sabes que si, sabes que botei en falta á miña familia e… boteiche en falta a ti… e a…”
“E a Miguel. Luca, vouche dicir unha cousa, porque seguramente é o momento. Fai sete anos que non nos vemos nin que falamos e dende entón pasaron moitas cousas e agora o único que podo facer é alegrarme de te ter de volta e de poder falar contigo como se nunca tivera pasado este tempo. Pero cando marchaches, daquela maneira, sen dicir nada a ninguén, eu, anoxeime moito contigo.”
“Si, dinme de conta, nunca contestaches a ningunha das miñas cartas.”
“Xa o sei, pero que queres que fixera. Eu… ti eras a miña mellor amiga e eu non puiden nin preguntarte o que pasara, non puiden darte consolo… So puiden falar con Miguel e saber da verdade meses despois polas túas cartas…”
“Síntoo moito Moncho, pero é que ti non podes entender como me sentín eu. Foi como estar chea de lixo e todo o que levaba no meu interior dende facía meses, necesitaba fuxir… mira, unha mañá levanteime, pasaran dous días, despois de estar chorando toda a noite e todo o día anterior e o anterior, e chegoume como si fora unha revelación: tiña que arranxar aquilo eu soa, non podía apoiarme en ninguén porque doutro xeito, nalgún momento do meu futuro volvería a cometer o mesmo erro e caería aínda máis baixo. Logo, como se fora, non sei, como caído do ceo, chamáronme do decanato e ofrecéronme a beca de doutorado no MIT, en Masachussets, e non o pensei dúas veces. Non sabes como me custou marchar sen me despedir de ti, sen te dar unha explicación, non o sabes… por iso tardei tanto en te escriber… dábame vergoña…”
“Luca… non sabes… ogallá puidera terte axudado daquela…”
“Mon, eu quedara quieta e necesitaba moverme.”

Lucía e Ramón non din nada. Calan. Míranse como dous vellos amigos que xa non se lembraban o un do outro e que de súpeto se recoñecen entre eles e a si mesmos nos ollos do outro. E abrázanse, e mentres o fan Luca estoupa e chora, chora as lágrimas que fai sete anos non chorou no ombreiro de Ramón e lembra, por fin lembra como foi todo…

 

Luca volvía a ser feliz. Como si os malos meses pasados foran auga que nunca correu, como se fora un mal soño deses dos que un esperta convencido que sucederon. Na súa cabeciña xa non quedaba espazo para as discusións con Miguel e para as choreiras con Ramón, o paciente Ramón que sempre lle daba consolo. Xa non tiña sitio para as veces que Miguel a menosprezara ou para as veces que se empeñaba en saír el só alegando o principio de independencia das parellas que tanto lle gustaba alegar. Xa non lembraba aqueles pequenos indicios que lle facían pensar que ela era a primeira na vida de Miguel pero non a única. So tiña sitio para a súa graduación. Por fin terminara a carreira e sentíase feliz de novo.

O certo fóra que aqueles últimos oito meses dende que Miguel se licenciara, non foran nada ben entre eles, e o motivo foi que pouco a pouco el cambiou. Contento quedara cando lle deron o título (ben, o resgardo que aínda hoxe non o ten) pero logo lle foi cambiando o ánimo pouco a pouco: non quedara máis remedio que dar por válida aquela famosa frase de “el quixera cambiar o mundo e o mundo cambiouno a el”. O problema fora que se fixera demasiadas expectativas, e cando as expectativas non se cumplen…

Non paraba de buscar traballo e non o atopaba e xa estaba canso de non ter experiencia, volva cando a teña, estaremos encantados de darlle traballo, ou de que o mirasen mal polas súas rastas e os seus piercings, que el tiña que ser fiel os seus principios e era tan boa persoa con eles como sen eles. E logo empezou a mirar por outro lado que as saídas laborais da súa carreira non eran como para facer festa e nada, oposicións non había e co expediente tan pobre que tiña nin pensar en preparalo doutorado.

Así que entre unha cousa e outra foise amargando e cada vez pelexaba máis ca pobre da Lucía que non tiña a culpa pero que non facía máis que lle rompela cabeza con aquilo de que tiña que se adaptar ao mercado laboral e que si o que pedían os empresarios eran xente cun aspecto determinado pois que el tería que cortalas rastas e sacalos piercing e vestir de traxe e logo que si non atopaba nada do seu que buscara en outro lado que de algo tiña que vivir.

A medida que pasaban os días as rifas ían en aumento ata que un día tiveron unha tan grande que ao día seguinte Miguel, pola mañá cedo, marchou a perruquería, cortou o pelo, mercou algo de roupa, e comezou a buscar polas ETT´s, nos anuncios no periódico, nos anuncios dos supermercados. Dous días máis tarde Miguel estaba a traballar no Carrefour do centro de Santiago, o da rúa do Salvador, en quendas de sete horas, unha semana de mañá e outra de tarde, de luns a sábado, que cando traballaba polas tardes nunca chegaba a casa antes das once da noite canso como un animaliño.

Empezou a saír el só, e empezou a comer fóra e a durmir fóra e Lucía empezou a desconfiar e as discusións foron en aumento, e Miguel, que xa nada lle importaba, cada día que pasaba estaba máis descontento ca súa vida. Así, a súa relación colleu velocidade, como unha carrilana de cubo de lixo pola costa da rúa das Camelias e nada parecía impedir que fora a esnaquizar en mil anacos, ata que chegou o día, tres meses máis tarde, no que Lucía se graduou e nese momento parouse o tempo e o contador do velocímetro e de repente todo volveu a ser como antes.

Xa o dixen. Lucía volvía a ser feliz e Miguel volvía a ter boa cara e xa non lle importaba o traballo porque estaba a vivir ca muller máis marabillosa do mundo.

O Principio da Indeterminación (VI) O Principio da Indeterminación (VIII)

Ningún comentario :

Publicar un comentario