UA-55725853-1

3 de abr. de 2014

O Principio da Indeterminación (V)

Ramón era feliz. Afixérase a vivir ao seu xeito, sen pretensións, facendo o que lle petaba e cando lle petaba. Ben, ou a lo menos, cando a muller e a filla lle deixaban. El sempre facía bromas con iso de que a súa dona e a filla o tiñan dominado pero todos os seus amigos sabían que era só iso, unha broma, que morría polas súas nenas e elas por el, nunca miraran ninguén tan compenetrado ca muller e ca filla, que case non parecía que estiveran casados do ben que se lles miraba, dicía con retranca un dos amigos.

Ramón volvera para Santiago facía 5 anos. Fai dous collera unha tenda especializada en alimentos de groumet e produtos da terra e a cousa estaba a funcionar ben. Ata montara unha pequena taberna con tapas. Sabedes cal era o produto que máis lle pedía a xente? O licor café, que llo mercaba a un señor de Redondela. Servíao sempre en copas ben frías, o licor sempre metido no conxelador, espesiño, case se mastigaba, e raro era o cliente que tomaba unha copa e levaba unha botella desas de medio litro, decorada que logo quedaba de adorno ou para meterlle augardente caseiro.

Pero a súa vida dende que sacara a licenciatura non sempre fóra así.

 

Cando coñeceu á súa muller estaba máis que farto de traballar de calquera cousa, traballara de todo un pouco, nun bar na zona vella, nunha cafetería no ensanche, no Alcampo de Fontiñas, facendo enquisas, como paiaso nun parque infantil, camareiro, repartidor. Parecía mentira que fixera unha carreira das máis teóricas e que o final a vida lle levase a polo camiño que a ela lle petase. Ás veces sentírase como si tivera sido esculpido durante sete anos para que logo viñera un grupo de rapaces a cubrilo de grafitis. Dende o fin da carreira fora como si se movera continuamente sen ter nin puta idea de onde estaba.

Cando coñeceu á súa muller levaba un tempo cunha boa depresión. Nada lle apetecía. Ía a traballar porque tiña que pagalo piso de alugueiro no que vivía e comer que non ía morrer de fame, pero pouco lle faltaba para se encerrar no seu piso, o coelliño medoñento no seu furado na terra cas orellas caídas a taparlle a cara… “Corre coelliño corre, fai un tobo e esquece o sol”. El, no seu fondo sabía que a depresión aquela pasaría, antes ou despois, que xa pasara antes por elo, que bo é ter experiencia e lembrar o teu pasado, pensaba el. A outra vez fora cando Miguel e Luca desapareceran da súa vida, xa fai uns anos, merda, por qué se acordaría de eles agora, tanto que os botaba de menos, agora entráballe a moqueira, as gañas de chorar…

Cando coñeceu á súa muller, Moncho pechara sobre si mesmo e estaba case a piques de se pechar para sempre. O día aquel que se lembrou dos seus vellos compañeiros de cando estudaba, decidiu que tiña que facer algo, que non podía seguir así. Tiña que se parar e mirar por onde andaba, e decidiu que esa tarde chamaría o seu colega e que irían de festa por Santiago adiante. Que carallo… unha boa chea de licor café e xa vería el como desaparecían as penas.

E tanto que mata as penas!. Boa era a que levaban Moncho e o colega de bar en bar, de taberna en taberna, os dous tenores, os alegres da rúa Ourense, os do licor café nas Crechas e os do bailoteo a ritmo de funky no Insomnia, e vai o colega, que non se podía estar parado, e vótalle un ollo a un grupo de nenas todas elas bailando tamén como tolas, que un vai ó Insomnia a desmelenarse, non pode ser doutro xeito, é o ambiente que hai alí dentro que che envolve e ti non tes ganas pero de súpeto ves que bailas tanto como o que máis. O colega empeza a falar con elas, especialmente con unha delas, que fermosa que é, pero Moncho que é máis tímido non se atreve e queda a un lado, non fala, só mira, el quere pero non é capaz e pasa o tempo, está a facer o ridículo, vai a barra, colle un par de birras e volve e dálle unha ó colega e el preséntalle a unha rapaza, un par de bicos, encantada, eu tamén, e comezan a falar, o amigo que xa vai por outra do grupo, meu deus non pasan nin dez minutos e xa lle está a facer unha exploración bucal, sería por iso polo que fixo odontoloxía?. E el que segue a falar, agora falan de libros, que os dous lles encantan e séntense cómodos, non paran de citar os favoritos de cadanseu, falan e falan e falan, xa non escoitan a música, e van quedando afastados do resto, e Moncho que sabe que ten que probar, que ten que ver si se deixa bicar, e achégase e proba… e xa está, bícanse e tócanse, e os minutos seguen a pasar e non se decatan.

“Ei, perdón, parade un momento… mira, nos imos o Tarasca, vides ou quedades?”
“Qué facemos? Vamos, non?”
“Veña”

No Tarasca nada cambia, eles ao seu, bicos e bicos, e as mans que non sabe onde acaban de cada volta, e logo que marchan ao Ruta e alí peor que é escuro, moi escuro e perden o medo, que ninguén os mira, cada un ca súa borracheira, cada un cas súas tolerías, e eles que seguen a se bicar como se a boca do outro fora a fin do mundo e a se tocar máis aínda, xa en lugares ocultos, como nos libera a paixón, como é estar peneque, mirar as cousas polas gafas de cristal de botella de cervexa.

Chega o fin da noite, o comezo do día, e despídense, Moncho sabe que ela lle gusta e que a ela lle gusta el, por qué van a foder isto cunha noite de cama, así mellor, el pídelle o teléfono e dálle o seu. Espera até o martes e chámaa e quedan, van o Paraíso Perdido, falan e falan e logo á Casa das Crechas e de súpeto Moncho pásalle o brazo polos ombreiros e bícaa de novo e abrázanse. Logo acompáñaa a súa casa e no portal vólvense a bicar e deciden quedar para o venres, ela vai saír cas amigas pero pódense ver nalgures, no Insomnia, vale, como o outro día.

O venres chega, atópanse no Insomnia e ademais de se bicar, falan e falan e bailan. Ela lévao á súa casa e pasan o resto da noite e da mañá a foder e a durmir, e a foder de novo. Moncho, que sempre tivo aquela espiniña de peixe cravada no seu corazón descóbrese á hora de comer namourado daquela rapaza.

A súa vida cambia, agora xa sabe onde está, xa ten unha referencia. Agora xa non lle importa tanto o resto, xa atopará antes ou despois un traballo bo. Podería preparar oposicións ou algo así pero agora non ten gañas de se pechar a estudar como un tolo, se o tivera feito cando rematou a carreira…

O Principio da Indeterminación (IV) O Principio da Indeterminación (VI)

Ningún comentario :

Publicar un comentario