UA-55725853-1

9 de feb. de 2012

Arte moderna

Sabedes aquel chiste que di… “Qué es el arte? El arte es morirte de frío…”?  Cando o di o comisario do patético “Museo Coconut” é algo máis que un chiste porque antes o arte era aprender e dominar unhas técnicas e usalas para expresar o que miraban os ollos do artista, para entender o mundo dende os sentimentos.

Pero, se a arte é unha ecuación un tacto inexacta, un tanto levada polo azar, hoxe en día… a esa ecuación parece faltarlle un termo, e é por iso que un vai a unha exposición de arte na Igrexa da Universidade, en Santiago, entre a Praza de Mazarelos e a Facultade de Historia, e sae abraiado, con cara de parvo.

Saes abraiado porque pregúntaste por que é arte unha chaqueta cuberta de cera e colgada dun “galán de noite”, porque, digo eu, é fermoso, pero fermoso do mesmo xeito que o é unha cova chea de estalactitas e de estalagmitas, pero quitando iso… que expresa esa chaqueta? que representa? O paso do tempo?

Ou por exemplo dous maniquís, un adulto e un neno, forrados con chapa soldada e o neno collido polo pescozo cunha cadea como se fora un can. Segundo pon na etiqueta da obra (que por outro lado ten o seu traballo),  é unha alegoría doo maltrato dos nenos… Esta peza é fermosa en certo modo, pero… é arte?

Ou unha morea de tesoiras, unhas de perruqueiro, outras de costureira, penduradas de finos fíos de tanza, formando dalgún xeito unha espiral. Unha ameaza creo que se chamaba a peza. Non deixaba de ter unha certa beleza aínda que a min resultoume máis interesante o xogo que facía ca figura do santo.

A mostra tiña algunha peza máis que resultaba interesante, como varias fotografías moi ben feitas, unha chaqueta e garabata de xigante feitos con arame ou unha tremenda escultura de madeira que mesturaba o estilo de debuxo de Castelao e o estilo escultórico de Asorey (esa si que podía considerarse arte!). Pero a miña reflexión na porta foi que as pezas eran creativas, orixinais e espectaculares como aquel que logra nadar atravesando o Estreito de Xibraltar, fermosas como unha posta de sol, pero que non lograban expresar idea algunha, que un saía pensando, “que orixinal, unha chaqueta de catro metros feita con arame” pero que non había nada máis.

Ningún comentario :

Publicar un comentario