UA-55725853-1

28 de set. de 2012

Galeón

Non sei moi ben porque, supoño que pola forma e porque antes navegaban a vela, pero na Galiza hai unhas embarcacións que servían para a cabotaxe de mercadorías pola costa que se lles chamaba galeóns.

Nos últimos anos é fácil mirar algún deles restaurado e volvendo a navegar como a principios de século. Por exemplo O Galeón de Abelleira, en Muros, ou o dos Rompetimóns no Carril, e así ata 8 na actualidade. Os galeóns eran barcos relativamente grandes (o de Abelleira ten 12 m. de eslora) e non era raro, fai 100 anos, ollalos polas rías co seu foque, trinquete e cagrexa ao aire. Tiñan moita manga, popa redonda e fasquía na proa.

Pero o tempo da vela pasou e pouco a pouco foron desaparecendo os panos ao vento das rías, e no seu canto apareceu o fume dos motores diesel. Moitos galeóns seguiron traballando igual que sempre impulsados polo negro gasoil, pero non todos: algúns quedaron simplemente como cascaróns baleiros que eran usados de flotadores para as bateas de mexilón e outros foron abandoados nas praias e nos portos á lenta podedumbre.

Nas nosas costas aínda quedan sítios onde atopar moitos deses vellos osos medio soterrados na area, como no Carreirón na Illa de Arousa, onde do cascarón dun galeón abandoado, as cadernas en certo modo lembran ás costelas do cadaver dun animal a medio comer.

Aínda conserva o corpo do motor, cas tripas ao aire, o cigüeñal tan oxidado que só unha milagre faría que poidese volver a xirar de novo.

O tempo fixo que as pezas que antaño transmitían a forza á helice co seu rápido xirar agora parezan feitas de madeira similares a fósiles que o mar non cansa de lamber dúas veces ao día.

Agora, apenas un podrido recordo do que foran antaño, os restos do galeón só agardan a que pase o tempo, día tras día, marea tras marea. Ben pouco lles importa a choiva que cae sobre eles ou os raios dourados do solpor.

Ninsequera soñan cos tempos nos que, lixeiros, recorrían a ría, dende A Illa ata O Grove, e tamén por Riveira e Rianxo e por Carril… Agora son outros os afortunados, novos barcos de vela que xa non levan mercadorías nin traballos, senon pracer, relax, descanso.

Porque estes son tempos diferentes nos que xa pouco importan os pequenos galeóns de madeira… Agora as mercadorías van en grandes barcos de ferro ou se cadra incluso polo aire, correndo, sempre correndo… que máis ten un pequeno e vello barco de madeira?

Pode ser que non importe moito pero se miramos para o ceo para ollar as nubes, as estrelas ou mesmo a lúa, é porque temos os nosos soños, e eses soños están cheos de lembranzas e romanticismo, de cousas vellas, de morriña, de tempos pasados, de barcos abandoados na area...

27 de set. de 2012

25 de Setembro

Seica 10 millóns de españois (de 40 e tantos millóns) votaron ao PP e iso lexitimiza a Mariano Rajoy e ao seu governo para governarnos a todos como se só governase para eses 10 millóns. Tamén parece ser que 11 millóns de votantes abstivéronse de votar (habería que lle sumar os votos en branco e os votos nulos)... como di o meu amigo E. Recio... por coherencia, Rajoy debería dimitir, porque si el, falando para unha valeira asamblea da ONU, apoiouse na "maioría silenciosa" que queda na casa e que traballa e non se manifesta, entón, segundo iso, el, que realmente só conta co apoio dunha cuarta parte da poboación española, debería dimitir XA.

A cousa é que os españois, por moito que nos poñamos, non temos a propiedade conmutativa nin a da ubicuidade, e polo tanto, como singulares que somos, só podemos estar nun sitio, aínda cando desexáramos estar en outro. Moitísimos españois desexarían ter estado estes días en Neptuno, e aínda que non estiveron de corpo estiveron físicamente. Estes días estanse a manifestar en Neptuno e arredores moitos cidadáns, aos que habería que sumar todos aqueles que desexarían estar alí con eles.

Claro que por desgraza moitos españois pasan de todo e fronte a crise só pensan en calar e en resistir como se poda... pero iso non quere dicir que acepten e apoien ao noso marabilloso governo, porque eu xa non escoito voces que o defendan. Non quero votar as contas da leiteira, pero o día que todos estes esperten, realmente vaise ver na rúa que o povo español está ata os collóns deste governo e destas solucións á crise.

E é por iso que eu quero mostrar o meu apoio a todos eses cidadáns que levan varios días de protesta e de pau tras pau (dado por bestas que por moito que o diga o seu carné laboral non son axentes da autoridade ao servizo do estado, son unicamente mercenarios) expoñendo públicamente que eu, como moitos outros millóns de españois non fun a Neptuno pero tampouco son desa falsa maioría silenciosa... eu son desa maioría que berra BASTA XA!!!, Rajoy e seu governo dimisión!!! NON AOS RECORTES!!! QUE SE RECORTEN ELES!!! e como non... OUTRA SAÍDA A CRISE É POSIBLE!!!

25 de set. de 2012

Serpes e outros bichos en Vigozoo

Ela tiña un plan…

Nunca lle gustara comer monos, sempre cheos de pelos que logo custaba moitísimo botar fóra, pero devecía por comer un daqueles outros que eran calvos e saboreaba en soños a deliciosa carne baixo a lisiña pel branca. Moitas veces intentara cazar un, pero non lle era fácil, non rubían polas árbores, nin comían as súas froitas e ademais a ela non lle gustaba nada arrastrarse polo chan, sempre arriscándose a ser pisada, prefería moverse de póla en póla e atacar dende arriba, silenciosa, inesperada.

Que exquisita tiña que ser aquela carne, arelaba ela, e tan grande facíase o seu desexo que ía perdendo o interese polas súas presas favoritas, como os pequenos esquíos ou os delicados ovos dos papagaios, ata que un día, non sen medo, achegouse ao límite do bosque, alí onde había unha pequena lagoa, e dende unha das árbores que abaneaba as súas pólas sobre as tranquilas augas, esperou.

Xa facía algún tempo que descubrira que aqueles monos sen pelo viñan á lagoa a limpar o seu corpo e acordou que debían encontrar aqueles traballos moi pracenteiros porque raro era que non atopase a algún bañándose, e cando aquel día apareceu unha femia tan tenra como a ela lle parecía que debera estar un mono sen pelo para ser o seu bocado, deixouse caer na auga preto dela e empezou a berrar que afogaba, que alguén a axudase, mentres retorcía o seu corpo cheo de escamas como quen non sabía nadar. A mona calva, sorprendida nun principio, sacou a serpe da auga porque por aqueles tempos os homes aínda non aprenderan a ter medo das serpes.

“Mona sen pelo, xa que me axudaches a saír da auga onde tería afogado irremediablemente voute contar un segredo: nos as serpes vivimos centos de anos porque comemos as froitas dunha árbore agochada no medio do bosque. Como agradecemento voute levar ata esa árbore e así ti e os teus poderedes vivir para sempre neste paraíso”.

Non tardaron en chegar á árbore, á maceira. A mona sen pelo axudou á serpe a colgarse dunha póla, colleu unha mazá e mordeuna. Sorprendeuse, nunca antes probara algo tan suculento, tan fresco, era como comer auga doce nunha fonte. E mentres ela gozaba da mazá a serpe aproveitou e atrapouna cos seus aneis dos que nunca ninguén lograba soltarse.

“Estúpida mona calva, caíches na miña trampa e agora, despois de matarte co meu veleno, voute comer. Pero non entristezas porque de seguro que nunca comín un mono tan exquisito coma ti”.

“Serpe, está claro que es o animal máis teimudo e intelixente posto que tendíchesme unha boa trampa e ademais tamén es moi forte porque non hai xeito de que eu, débil como son, logre soltarme do teu abrazo – falou a humana – pero, non te decatas de que si me deixas ceibe e lle levo mazás aos meus compañeiros na aldea, eles virán a coller máis e así no canto de comer un só de nos poderás comer todos os que ti queiras?”

E a serpe, que se cría máis lista que a humana, pensou que tiña razón e soltouna ca promesa de que pronto traería a outros humanos.

Aquela muller tamén tiña o seu soño segredo. Cada noite soñaba que mataba ao seu home, unha besta ca que esposara facía un ano e que batía nela dende que saía o sol ata a que caía, día tras día, e que a tiña practicamente como unha daquelas escravas, prisioneiras de outras tribos. Ela soñaba que morría nunha pelexa ou nunha partida de caza. Ela soñaba con esmagarlle a cabeza cunha pedra ou con axudalo a ter algún accidente… e cando soñaba iso tamén soñaba con marchar logo co seu verdadeiro home, o segundo fillo do xefe, marchar para non volver.

Así que aquela tarde, despois de ter probado a mazá, marchou xunto a besta aquela e contoulle o segredo e el obrigouna, unhas veces con patadas e outras simplemente tirando dela, a que o levase á maceira porque ademais de ser un bruto era un egoísta que soñaba que chegaba a selo xefe da tribo.

E xa baixo a árbore, a muller ofreceulle unha mazá e mentres ollaba como o home trababa nela, tamén ollou como a serpe, descolgándose silenciosa dunha póla, trababa, á súa vez, no colo do home unha chanchada mortal.

E o resto da historia xa a sabedes, porque Eva, que aquel día perdeu á súa inocencia e ao sue marido, encheu o seu saco cunhas cantas daquelas mazás, prometeulle á serpe voltar ao día seguinte con máis monos calvos, e marchou daquel bosque para non volver, camiñando e sorrindo, ao carón do seu Adán.

21 de set. de 2012

Linces, osos, gamos, macacos e panteiras en Vigozoo

Lince no zoo de Vigo é unha oportunidade de ollar a un dos grandes gatos máis fermosos que existen, de ollalos ca calma que ofrece o seu confinamento. Como non coidar un ser vivo tan fermoso en todos os seus aspectos?

Algo parecido pasa cos osos pardos, ca parella de Vigozoo, pero co engadido de que eu non me atrevería a pararme a tirarlle fotos a un destes enormes mamíferos se atopara a un no medio dun monte.

Penso que esta imaxe demostra claramente o terrible que pode ser atopar a un destes ceibos… Un detalliño… os meus gatos, cando lles rascas o lombo ou a tripa e gústalles e empezan a ronronear tamén estiran a cabeza e dobran dese xeito as mans… claro que cunha destas gadoupas podería perder a miña cabeza e cas de Moqui simplemente gañaría unha rabuñada.

Bastante máis delicados son os gamos, os machos cas súas cornamentas e as femias cos seus gamiños que inevitablemente moitos chaman bamby… canto mal ten feito Disney…

Cousas dos zoos… gamos e panteiras negras a dous pasos sen ter medo uns dos outros… cousas dos zoos…

Tamén os macacos terían andarían bastante asustados de estar ceibas as panteiras. En cambio pasan o tempo tranquilamente en calquera esquina, ollando a ría ou simplemente como se ven nas augas do estanque.

Abrirían así a boca de saber que alí ao lado, a dous pasos como quen dí hai unha panteira ou un tigre?

20 de set. de 2012

Aves en Vigozoo

Patos, patos, grullas, avestruces e pavos reais, son algunhas das aves que un pode atopar se vai de visita ao zoo de Vigo. Non pode un esperar moito máis porque, estando moito mellor que fai uns anos, non é máis que un pobre zoo que non ten moito que ofrecer, e porque non deixa de ser un zoo, un espazo con animais engaiolados.

Patos 01

Pero o caso é que xa estando no zoo pois hai que aproveitar e tratar de tirar unhas boas fotos porque certamente faise complicado fotografar animais, así, dese xeito, no seu medio natural.

Patos 02

Observades o detalle das prumas? Ese nivel de detalle non o tería logrado de fotografar os patos nun estanque… ou esa pata iluminada co anel?

Patos 03

Patos, gansos… ou ocas… que non son quen de diferencialas.

Patos 04

Observades o delicado prumón, a forza e dureza do peteiro, e a oscura produndidade do ollo?

Patos 05

Tanto as ocas como os patos non teñen gaiola, tan só valado que lles impide sair, porque xa non poden voar, fai tempo que lles quitamos esa posibilidade, capadas, outro xeito de engaiolamento.

Patos 06

Estas son moito máis grandes… avestruces, tampouco voan pero non porque se lles impida voar, porque perderon a posibilidade fai motísimos anos. Elas prefiren correr…

Avestruces 01

Para as avestruces o espazo si que parece limitado, e por iso pregúntome que suporá para elas este espazo tan pequeno, lonxe das chairas africanas…

Avestruces 02

Avestruz 03 E estas dúas grullas… fermosas e delicadas… completamente engaioladas, pero aínda así fermosas. Grulla damisela chámanse.

Grulla 01

Non desexarían espazos libres, lagoas, aire, ceo? Non soñarán con todo iso?

Grullas 02

Grullas 03

E por último os pavos reais, un macho… Pavo cristatus, cas súas marabillosas prumas, que por moito que pensemos, non son as da cola, son prumas do lombo.

Pavo 01

Antes os pavos andaban libremente polo xardín do zoo pero agora están tamén engaiolados como os demáis paxaros.

Pavo 02

Non é unha mágoa tanta beleza entre reixas?

Pavo 03