UA-55725853-1

10 de xuño de 2012

Intervención, intervención

Xa están aquí os homes de negro e por moito que pareza... non veñen do exterior, xa estaban aquí, son os nosos ilustrados dirixentes, e, que vos enteredes, non oen, non ven nin din nada. E traen, como o mítico pan dos recén nacidos, baixo apestoso sobaco, unha intervención.

Non vos enganedes, non é como as intervencións de Ted Mosby e compañía. Nooon... esta, por moito que lle chamen liña de crédito á banca, desexada polo presi que quede claro, é un rescate brutal que van a pagar os que peor o estamos pasando nesta crise, os cidadáns normais, os curritos, os traballadores normais e correntes. Rajoy, o home que escapa de nominalismos, é dicir, que non quere dicir ás cousas polo seu nome verdadeiro, é un pobre iluso que tapa ollos, orellas e boca, e que, negando como nega a realidade, case podería afirmarse que ten unha patoloxía pola que outros xa estarían pechados en Conxo ou no Rebullón.

Como alguén pode presentar como un trunfo que se den 100.000 millóns de euros á banca para salvala, mentres pechan hospitais e as aulas satúranse de alumnos, mentres recórtanse ós fondos á investigación e os traballadores deste país apretan máis e máis o cinto? Que tipo de persoa pode presentar todo isto como unha victoria persoal e ningún dos múltiples responsables desta situación responden ca súa liberdade e o seu patrimonio ante a xustiza e o pobo?

Eu volo vou dicir... só unha persoa que se presenta como un leon pero que non é máis que un esquío, unha persoa que só é quen de dar a cara cando se lle presiona e non cando debe, unha persoa que nesta situación é incapaz de mostrar un pequeno sinal de humildade cos cidadáns aos que representa porque non renuncia a un partido de futbol en Polonia...

Falabamos mal de Zapatero... eu agora digo eu... máis vale malo coñecido que Rajoy por coñecer.

Ningún comentario :

Publicar un comentario