UA-55725853-1

10 de dec. de 2012

Ronda

Escapando do brutal humanismo da costa decidimos pasar unha daquelas tardes en Ronda.

Un pouco de historia. Fai moitísimos anos aos meus pais e uns amigos deles deulles por ir de vacacións a Marbella. Daquela xa era un centro de turisteo “pijo” e “snob”, pero non ao nivel de hoxe en día: agora a costa está literalmente tomada por “resorts”, urbanizacións de luxo, hoteis e discotecas “supervip”, e outras tonterías similares… daquela, estou falando de 1981, Jaime de Mora y Aragón ou Gunilla von Bismarck eran os reis da Costa Dourada e aínda era unha cidade relativamente pequena… hoxe un non sabe onde empeza Marbella e termina Fuengirola.

Lembro daqueles días a interminable viaxe dende Galiza no coche dos meus pais, un Seat 127, que fixemos en dous días e lembro que fixemos a mesma ruta que nos este ano: baixar pola Ruta da Prata pasando por Sevilla pero daquela o GPS era analóxico, un mapa en papel máis ou menos detallado que por CPU tiña a mente do que trataba de interpretalo e non sei moi ben porque pero o camiño a Marbella levounos pola Serranía de Ronda, seica esperabamos atopar algún Curro Jiménez que nos salvara das gadoupas do gobernador.

Para min aquela parte da viaxe foi interminable de tantas voltas que deu a estrada por aqueles montes… penso que chegamos a perdernos… por se fora pouco lembro que a estrada que baixa para Marbella estaba sendo ampliada e teño gravado a ferro na miña memoria as imaxes daquelas interminables caídas que parecían chegar mesmo ata o Mediterráneo… o medo a non dar saído nunca daqueles montes de Ronda transformouse no medo a aquela estrada perigosísima franqueada de cantís polos que parecía inevitable caer.

Por iso para min, máis especialmente que ningún outra parte desta viaxe, volver a Ronda foi unha especie de ritual máxico. Claro que a miña memoria de neno de 8 anos non gravara imaxes dabondo de Ronda como para arruinarme a sorpresa.

Porque gran parte do municipio de Ronda está situado nunha chaira chamada a Depresión de Ronda e no medio desa chaira hai unha meseta rochosa sobre a que se atopa Ronda, e que divídese en dúas pola fina folla do río Guadalevín divide, o famoso “Tajo de Ronda”… un profundo canón que corta Ronda illando a parte vella da cidade e que deixa abraiado a todo visitante. Ademais Ronda, remata abruptamente por un dos seus costados nun cantil que fai que a cidade achéguese á natureza ofrecendo unhas vistas pasmantes… a limitación natural da extensión urbanística sumado á presenza do “Tajo” fan de Ronda un lugar moi especial cheo dunha fermosura que non deixa indiferente.

Para nos a visita a Ronda foi unha tarde inolvidable… empezou como un plan para afastarnos da noxenta costa malagueña e rematou sendo un longo paseo ata o pé da ponte que cura a ferida que fende Ronda. Logo dun solpor como poucos, mentres subíamos de novo á cidade, só podiamos pensar no triste que era volver a Benalmádena.

Ningún comentario :

Publicar un comentario