UA-55725853-1
Amosando publicacións coa etiqueta Microrrelato. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Microrrelato. Amosar todas as publicacións

19 de maio de 2015

Con cariño

Ás veces hai boas novas que a un lle apetece compartir. Non é por fachenda, ou si. En realidade é simplemente que cando as cousas saen ben, sinceiramente, tamén hai que compartilo. Fai mes e pico participei nun concurso de micorrelatos que organizou o EDLG da EOI de Pontevedra. Tratábase de escribir 150 palabras usando tres palabras escollidas ao azar no momento, e tan só en dúas horas. As palabras eran "pera", "equilibrio" e "cocción". Así que nada, fun ao concurso e o meu relato foi escollido o mellor de todos, algo do que me alegro moito. Non é polo premio, é pola cousa de que o que un escribe ten unha certa calidade. Que pode que un non chegue a ser un gran escritor, pero supoño que algo é algo, non?

E para que podades opinar... pois velaivai o meu relato...

Con cariño

Para facer as cousas con cariño ela ben sabe que hai que dar os pasos axeitados: empeza pelando cada pera con dozura. Córtaas en dúas metades simétricas, arríncalles o corazón sen remorsos, e de cada unha fai lascas como escamas dun peixe desmesurado.

Na pota bota auga fresca, as peras e, neste punto compre precisión, o azucre. Ten claro que ese é o equilibrio do pastel: pasarse pode matar o amargor das peras.

Con coidado pesa 250 grs e logo como nun descoido, acorda e engade 50 máis.

Toca agardar. A cocción ten que ir de vagariño co amor amarelo e azul do lume. Sen presas.

Mentres espera monta o molde: cóbreo de manteiga e sobre a manteiga a masa.

Cando só quedan 10 minutos engade o toque final: unhas pingas de matarratos, pero as xustas, que o cabrón debe morrer cheo pero sufrindo. Con cariño.