UA-55725853-1
Amosando publicacións coa etiqueta Salamanca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Salamanca. Amosar todas as publicacións

4 de dec. de 2012

Panorámica da Praza Maior de Salamanca.

Documento sin título

De noite a Praza Maior de Salamanca, escapando da calor do día charro, é un fervor de xente: os que aproveitan o solpor e as primeiras hores da noite para relaxarse un rato e grupos de rapaces para os que comeza o día. En calquer caso... un marabilloso lugar xa sen o agobio dos grupos de turistas, ata que escoitas que en algunha terraza... grupos de tunos desplegan as súas habilidades para un entregado público e entón morre a maxia do momento.

Viaxe Salamana Málaga 2012 359 pan arranx

Contacontos en Salamanca

Contabavos nunha entrada anterior que o patio da Casa das Cunchas transmutouse aqueles días que andivemos por Salamanca nun reino dos monstros e das fadas, no campo do pozo máxico, no mundo dos contos e das historias polo ciclo “Contando cuentos”. Era martes e resultou que o mércores o conto sería representado por Maria João Trindade y Sylvian Peker que contarían o conto “O que os zapatos levaron”. Que sorpresa… dous contacontos portugueses en plena castela… non o dubidamos… e alí estivemos o mércores, ás nove horas e media…

María e Sylvian, home francés cun excelente portugués,  leváronnos de viaxe polo pequeno e descoñecido mundo dos zapatos con catro deliciosas historias… unha interesante disertación sobre bioloxía dos zapatos, a misteriosa histoira da penla de anxo, o desgarrador relato da actriz e o seu amante e por ultimo, o sinxelo conto do home e o retrato… máxico... e ao final, decatámonos de que eran xa as once e media e pasaramos un agradable serán escoitando contos en portugués no medio de Castela.

2 de dec. de 2012

Salamanca 3

Salamanca é cidade de pedra e de tanta pedra que hai, ten dúas catedrais... unha do século XV, de estilo románico e gótico, a vella, e outra, a nova, rematada no século XVIII, de estilo gótico tardío e barroco, que teñen unha peculiaridade.

Os salmantinos decidiron construír unha nova pero sen tirar a vella, máis pequena e oscura, para poder manter o culto, pero cando remataron a nova... a vella non foi tirada e así agora, en Salamanca, hai dúas catedrais, unha do lado da outra. Pódese dicir que comparten parede… e realmente comparten torre, a da vella, máis alta e totalmente reforzada despois de que casi a botara abaixo o terrible terremoto de Lisboa de 1755.

E como sempre… dende o alto míranse as cousas mellor… e as visitas polos tellados de Salamanca son un espectáculo, todo un espectáculo.

Salamanca ten dúas catedrais pegada unha á outra, con centos de figuriñas de animais e persoas, e miles de vidrieiras de cores, e por si fora pouco, no outro extremo do casco vello, unha igrexa de pranta redonda… un sitio especial, encantador, silencioso… un sitio que nos deixou ca boca aberta do especial que era.

1 de dec. de 2012

Salamanca 2

A viaxe da que vos estou a falar deixounos un gran feixe de bos recordos, bos momentos e unha boa chea de fotos en Salamanca.

A pequena cidade universitaria castelá é unha xoia da arquitectura, das casas, dos edificios, das igrexas, prazas, rúas, e tamén da xente, do ambiente, das terrazas e dos bares.

E é por iso que a vista das alturas dende as torres da basílica da Universidade Pontificia, subindo pola súa escaleira ao ceo, é un luxo polo que paga a pena pagar 3 euros incluso á Igrexa Católica e Apostólica.

Salamanca é para ser ollada dende as súas rúas, dende dentro, pero tamén dende o alto, dende as torres, preto das campás que marcan o ritmo diario dos veciños, dos propios e dos alleos, dos ateos e dos crentes, dos estudantes e dos que xa só miran. As alturas dan a tranquilidade de ollar, sentíndote outro, aos turistas que pasan abraiados ca súa mirada ao alto e as cámaras na man.

E como non as floridas e saturadas esculturas das paredes exteriores da Catedral Nova, co seu astronauta, o seu lince... e o seu? Que foi antes, o ovo ou a galiña? A escultura ou o monstro cinematográfico? Pode ser que o diseñador dos gremlins pasara por Salamanca antes de facer os seus primeiros bocetos? Ou acaso un escultor un tanto friki decidiu omenaxear á que consideraba a súa película favorita?

29 de nov. de 2012

Salamanca 1

A viaxe da que vos falaba antonte non rematou en Verín. Seguiu polos montes orientais de Ourense ata as chairas castelás camiño de Salamanca...

Lupe e eu tiñamos claro que queriamos chegar a Málaga pero non tiñamos presa... así que habendo tempo, que máis tiña parar dous ou tres días en Salamanca?

Eu xa a coñecía... daquela maneira… Con 13 anos paráramos unha mañá de maio cunha excursión do colexio camiño de Madrid, pero só quedaron na miña lembranza unha caveira con ra e unha parede chea de cunchas.

En certo modo os dous eramos primerizos de Salamanca.

E con esa sensación do novo deixámonos levar polas rúas do seu casco vello… pensando que Santiago era a máis fermosa cidade universitaria de España pero que Salamanca… ben, que Salamanca tiña algo… a súa Praza Maior engalanda de terrazas e soportais ateigados de xentes que se movían ao ritmo do sol cual cadrado reloxio de area, escapando da calor castelá do atardecer; ou a Casa das Cunchas, agora biblioteca e ao mesmo tempo obra de arte viva, que aqueles días transmutouo seu patio interior vixiado por pétreas gárgolas e inútil pozo, no reino dos monstros e das fadas, no campo do pozo máxico, no mundo dos contos e das historias.

As cegoñas raiñas de chimeneas, tellados e campanarios como vixias nun mar de terra; ou incluso os seus museos, ata os máis modernos de chamativas vidrieiras “art deco” que parecen competir cas vívas cores do solpor que os mozos e mozas charros de nacemento e de adopción van gozar, unhas veces, a miradores para namorados, como se foran Calixtos e Melibeas do século XXI, e outras a vellas pontes romanas afeitas aos encontros amorosos pero tamén aos culinarios (que llo digan aos morcegos que pasan os días nos seus arcos) e dende as que ben se pode empezar un agradable paseo nocturno pola vella Salamanca.