UA-55725853-1

4 de dec. de 2013

Liquidación

En Vilagarcía, de toda a vida, a lo menos da miña, a chegada do nadal non o marcaba o acendido das luces da rúa se non o belén do establecemento de mobles "Galerías Eduardo". En canto quitaban o papel que ocultaba como as figuriñas ían chegando paseniño dende recónditos lugares despois de peregrinaxe anual, a peregrinaxe tocáballe aos vilagarciáns cos seus nenos collidos da man, nenos, eu ben o sei, algún día fun un, que quedaban pámpanos mirando as figuriñas unha a unha sobre todo as que tiñan movemento, mirando as novas adquisicións, mirando como xiraba a roda do muiño, xogando a buscar como se levase gorro e bufanda de raias vermellas e brancas ao cagón do belén (normalmente estaba preto do río) e como, lentamente as figuras dos Reis, máis grandes que as outras, non sei por que, íanse achegando día tras día ao neno no seu cerne, mentras calculaban o lonxe que aínda estaban os Reis Magos do seu destino final como unha especie de conta atrás para a chegada do día de Reis e os desexados regalos...

Aínda agora segue a montarse o belén de Galerías Eduardo, cada ano máis grande... pero quen sabe se o ano que ven pasará igual que nos últimos 40 anos... porque o vello negocio de mobles está en liquidación por xubilación. Nada raro hai nelo... o mesmo pasa en toda España chea de negocios en liquidación que van pechando un tras un, non só os novos negocios de loitadores parados desesperados por tratar de gañarse a vida, tamén os vellos, os que acompañaron as nosas infancias e prácticamente as nosas vidas.

En Vilagarcía pecha este negocio por xubilación pero media vila está xa pechada por desesperación. Igual que no resto do país, igual que España enteira: Españistán está de liquidación... e con ela, e con todos eses negocios que pechan, cos novos... cos vellos... cos seus beléns e as súas luces, os soños dos seus donos... e tamén, como non, os nosos soños de nenos.

9 de out. de 2013

Esforzos

Tarde de domingo de outono abafante. Calor e sol. Fotografía e estatuas. O inmenso nadador da Praza da Estrela e o Emigrante da Estacion da Ría, dous sinónimos distintos da palabra esforzo. O esforzo de percorrer a ría a nado dun lado ao outro, tan só pola satisfación persoal de facelo, e o esforzo de deixar atrás a terra de nacemento, a ría, a familia para esforzarse en outra terra para gañar o pan. Que diferente é a vida cando un non ten que preocuparse pola comida...

8 de out. de 2013

De mámoas, petroglifos e arañeiras...

Non creo que poidese haber mellor día para facer esta máxica ruta que un día cheo dunha brétema que pintaba de maxia cada recuncho dun bosque tan cheo de tesouros. En calquer momento parecía que de entre os piñeiros difusos ía saír algún druida cas súas herbas para mirar máis alá, ou un guerreiro medio desfeito pola morte pero engalandado cas súas mellores armas, ou unha imaxinaria moura convertida en serpe, co seu caravel entre os dentes, buscando mozos aos que deixar pasar, ou non, a homes. Ata as arañeiras, cheas de orballo, parecían pequenas obras de arte e os petroglifos, indescibrables case sempre, parecían querer contar os seus segredos a todos os que tivesen orellas dispostas a escoitar.

9 de set. de 2013

Time will tell

Non é a primeira vez que poño este vídeo no meu blog. Xa o teño posto algunha vez máis pero aproveito que atopei unha versión completa en Youtube para poñelo de novo... é unha peza tocada por Wynton Marsalis e os Jazz Messenger de Art Blakey, composta por un ex membro da banda, Bobby Watson, e que nesta grabación no Bubba's Restaurant in Ft. Lauderdale, FL, participaron Bill Pierce como saxo tenor, Wynon Marsalis na trompeta, Branford Marsalis no saxo alto, Jimmy Williams no piano, Art Blakey na batería e un músico que aínda non sei quen é no baixo. Non sei cantas veces teño escoitado "Time Will Tell" e para ser sinceiro nunca canso del... sempre me produce un arrebato de emocións, sempre me emociona, me electriza... sempre.

Falo deste tema porque para min é algo marabilloso que expresa como o tempo arranxa todo, como o tempo pasa e todo cambia, e xa nada é igual... o tempo dirá, o tempo pasa, escápase, pero ten un efecto reparador... e así quero aproveitar para pedir disculpas a todos aqueles aos que teño feito dano e a todos aqueles aos que teño fallado... unha e outra vez... sodes tantos... por acción ou omisión... vos pido disculpas por non ser toda a boa persoa que debería ter sido... o tempo pasa e todo o arranxa... o tempo dirá o que nos espera, só o tempo o sabe.

5 de set. de 2013

Cabalos libres en cabo Udra

Xa van saíndo as fotos deste verán do meu forno... teño unha boa chea de fornadas... este verán deu para moitos fotos. Desta volta un domingo pola tarde de aburrimento no que ao meu amigo Marcos e eu nos deu por coller o coche e sen saber noi ben qué facer acabamos en Cabo Udra, un pequeno promontorio que parece inmenso e que domina de xeito impactante a costa hacia San Vicente cas Ons e Sálvora á vista, a ría de Pontevedra e a ría de Aldán flanqueada pola costa da Vela e o inevitable perfil das Cíes. E como non, a inmensidade do océano ao que verten os nosos mil ríos.

A vista é simplemente impactante, dun salvaxismo apenas manchado por un anaco de Vigo que se deixa ver ao fondo da ría de Aldán, por riba da praia de Vilariño, Marín a un lado e Sanxenxo e Portonovo ao outro, case manchas que non chegan para apreciar ese outro salvaxismo, o humano. Un exemplo da nosa insignificancia, ca distancia todo o noso faise ridículo. Pero non pasa o mesmo ca natureza, que é grandiosa a calquer escala. Rxemplos desa grandiosa fermosura, unha parella de cabalos que pacen apaciblemente diante dos nosos ollos ou os xogos de claros e sombras das nubes.

29 de ago. de 2013

Adeus muiños

Unhas fotos que levaba tempo querendo publicar dunha excursión do ano pasado aos muiños do Folón e do Picón. Para a lembranza das cousas fermosas que xa non están, que non existen. Non hai moito que dicir... agás... o fin de semana pasado quixen levar a uns amigos madrileños a patear a ruta, pero fixo bo tempo e os seus nenos pedían praia... xa nunca máis poderán gozar deste lugar.

E dicir tamén... desexo que a todos aqueles que contribuiron e que contribúen interesadamente ao lume que mata os nosos montes, lles prenda lume a súa casa e que queden sen nada... Karma, anda... bota unha manciña ou dúas!!!!

28 de ago. de 2013

San Roque ten morto... longa vida a San Roque

Sen falta, a cidadanía vilagarcián debe tomar unha decisión inevitable... é necesario cambiarlle o nome a nosa festa maior... xa non pode ser San Roque, nin a Festa da Auga, nin pode seguir a ser Festa de Interese Nacional. Non pode ser porque San Roque morreu baixo toneladas de lixo, de botellas rotas e valeiras, baixo litros e litros de alcol verquidos nas súas rúas que nin as augas que a refrescaron foron quen de levar. San Roque morreu, e con el a Festa da Auga... e a rei morto, rei posto... Viva o novo rei Megabotellón de Arousa Party!!

Hai que deixar paso á modernidade, aos novos tempos e nestes que veñen, de rapaces desalentados e desencantados co negro futuro que ven, beber ata reventar é tan importante como comer ou durmir todos os días... o alcol sustituíu á verde esperanza das posibilidades futuras, porque onde non hai posibilidades tampouco hai esperanza. É mellor beber e beber ata caer e durmir en calquer lado sen máis preocupación que a resaca que virá ao día seguinte ou se hai outra nova festa. Mellor que...? mellor que calquer cousa que veña porque de seguro que o que ven é unha verdadeira merda... Prince debería engadir unha nova frase ao seu mítico Times...

O peor é que realmente os novos da nosa sociededade tan só reflicten o que teñen diante: coidado co que dis, os nenos escoitan. Os rapaces adolescentes tamén. Temos unha sociedade despreocupada, que non se para a pensar nas consecuencias, dun individualismo demasiado xeralizado, e da que o primeiro desencantador é o noso governo. Neste caso o municipal. Vale, aceptamos que o macrobotellón no que se ten transformado a festa de San Roque en Vilagarcía é incontrolable, que só pode morrer por el mesmo... entón, que hai que facer? Colaborar con el... e nese sentido, si hai algo peor que o macrobotellón iso é a desidia municipal: cómo pode ser que ao día seguinte da superfesta aínda estivese sen recoller a maior parte da merda que deixou atrás? Esa mesma tarde limpáronse a rúa dos viños, as rúas polas que pasaría a procesión e a praia (daquela maneira)... e só ao día seguinte o resto... non podedes imaxinar o deprimente que era Vilagarcía cos paseos marítimos cheos de xente e cheos de merda. Tristísimo. E todo para que? Para que os locais de copas, os restaurantes, os bares fagan caixa? Cal é o custe real? Que custe ten a merda acumulada durante días? Tanto custa contratar á xente necesaria para deixar Vilagarcía completamente limpa a última hora da tarde? O problema é a xente pero tamén os políticos que non asumen as súas responsabilidades.

Se esta é a sociedade que eu teño contribuído a facer, eu cada vez teño menos gañas de vivir nela, rodeado de xente desencantada tola por atopar con que evadirse e chea de políticos incompetentes que non valen nin están preparados para os cargos que ocupan e que o único que fan e aproveitarse do medo e da indiferencia da xente. Canto lixo!!!

23 de xul. de 2013

Vijay Iyer Trio

Onte fun a Pontevedra ca intención de escoitar bo Jazz pero ao final non foi como eu esperaba... non escoitei bo Jazz... escoitei o mellor Jazz de actualidade. Sempre tiven a sensación, ou mellor dito sempre sentín a terrible decepción de non poder escoitar aos grandes do Jazz en directo, de que iso é algo dun pasado un pouco de conto... que ver a Miles Davis ou a John Coltrane só pode ser algo que che conten... onte desapareceu esa sensación sustituida por unha nova... a grandiosa sensación de que tras escoitar a Vijay Iyer serei eu o que eu conte, no futuro, que vin a un dos grandes unha noite do ano 2013 en Pontevedra. Agardo non sexa a única.

O certo é que levo unha extraña tempada de Jazz... tres tríos tres e os tres formados por piano, baixo e batería. O primeiro liderado polo batería, Ari Hoenig Trio. O segundo liderado polo baixo, un trío da terra, Quim García Trío. E o terceiro, este, liderado polo pianista. Non podo queixarme de ningún deles... pero o certo é que o pianista americano de ascendencia india gaña aos outros con diferencia... acompañado dun baixo como poucos, dos que saben facer sonar o baixo e que logra alternar con maestría as cordas pulsadas co arco, e dun batería que nada ten que envidiar ao virtuoso Ari Hoenig, Vijay Iyer é un pianista exquisito, que sabe apurar as notas do seu piano pero que non lle ten medo ao minimalismo, logrando aforrar notas sen perder interese algún. Un pianista que sabe repartir protagonismo cunha sinxeleza que fai pensar que ningún dos membros do grupo está por riba dos outros...

É unha música... eu, volo digo en serio, houbo un momento en que chorei... cunha peza da que non lle sei o nome pero que foi sublime. A música deles, incluso cando fan versións, é fresca, diferente, alegre a ratos e logo morriñenta, e, a diferencia de outros, resulta tan nova, tan creativa que é difícil de creelo!

Aínda hoxe estou alucinando... as pezas pasan con delicadeza dos momentos caóticos que non resultan para nada indixeribles á melodía principal que claramente estaba aí dende o principio para ir pasando lentamente a un clímax ou varios que che envolven e che arrastran llentamente arrolándote con armonías que pensabas que eran imposibles... aquí vos poño un exemplo... para que entendades mellor o que vos trato de explicar... alucinade e escoitade... e arrepéntidevos aquelos que non poidéchedes ou non quixéchedes ir ao concerto...

Vijay Iyer Trio - The Star of A Story