UA-55725853-1

12 de dec. de 2013

Día tres: Jaime

Día 003 091013

Meu irmán Jaime...

Del podo dicir que estamos cortados polo mesmo patrón pero ese é o fin dos nosos parecidos... se eu teño paciencia nada máis que para as cousas que me gustan el ten unha paciencia infinita, se eu ordeno as cousas tan só cando me farta a desorde, el é completamente meticuloso, se eu son un cabeza tola que non teño un punto de equilibrio el é unha persoa tranquila e centrada... ás veces lle teño moita envexa... por exemplo, polo aforrador que é. Ou, por poñer un exemplo, por como fai certas cousas: a imaxe sempre é a mesma... os nosos pais mércannos uns xeados deses de cucurucho... eu afánome por gozalo, por saborealo, e por non deboralo... pero por moito que me esforce, Jaime sempre tarda moitísimo máis en comelo, sempre o aproveita mellor, o goza máis... así é o meu irmán Jaime.

11 de dec. de 2013

Estaleiro

Xa fai tempo que deixou de contar os anos que pasaron dende o peche do estaleiro pero si o puxeran de novo alí arriba de seguro que aínda sabía como manexar a grúa e non tardaría en recuperar a vella habilidade, aquela soltura para mover as pancas sen mirar, sen pensar sequera no que facía.

Non é que tivera gañas de volver a pasar frío na cabina, de pasar o aburrimento das horas mortas agardando a poder mover unha peza, da loita diaria co soño e de volver a sentir o mareo que che dá as veces cando perdes a perspectiva e só miras o baleiro baixo os teus pes … non, non tiña gañas de pasar todo iso.

Pero cando un leva tanto tempo sen facer nada de nada, cando un perdeu a esperanza de todo e xa deixou de buscar, cando o único alento que ten un é saír todas as mañás a pasear pola avenida e pararse a mirar dende o outro lado da rúa como podrecen pola salitre as vellas grúas… un pensa que non hai nada mellor que aquel frío, que aquel aburrimento, que aquel soño… que aqueles mareos.

Xa fai tempo que perdeu toda esperanza, toda forza, ata o odio. Tempo atrás, cando miraba aquela película na que saían o Bardén e o Tosar, odiaba aquel sentimento de sentirse identificado con eles dous e pensaba que a el non lle pasaría iso, que non se deixaría levar polo adormecemento, polo abatemento, pola cálida luz do sol de días que sempre son luns. Pero a realidade colleuno cos calzóns abaixo e non soubo reaccionar. Como si tivera a barba longa, longuísima, e lle comezaran a medrar nela, primeiro unhas herbiñas, logo as flores, máis tarde algo de xesta e de súpeto aparecesen as arañeiras e os pardais e el simplemente dixese “ah, mira que ben” mentres levaba na man as tixeiras.

E aínda así… aínda así de vez en cando, collía unha pedra e a gardaba no peto e pensaba que si daba roto o cristal dalgunha das fiestras do almacén tería a súa pequena vitoria, como cando Barden, animaliño, rompía a pedradas aquel farol en Guixar, que el ben sabía que aquela parte fora gravada en Guixar, e logo lembraba que na peli lle facían pagar a farola, e a pedra volvía a quedar no seu sitio no camiño de volta.

Claro que a vida non sempre é igual, non sempre é unha liña recta, ás veces sorpréndenos cunha reviravolta inesperada.

Un día, no paseo, atopou a un vello compañeiro que facía o mesmo que el: ao principio loitar por refacer a súa vida, por buscar traballo, e logo, canso, deixarse levar pola marea, placidamente, e pasear ata o muro do estaleiro e ollar con morriña as grúas. E se non se atopaban era porque sempre madrugaba moito pero dende que lle morreu a muller xa non era quen de erguerse cedo.

Abrazos, pésames, lembranzas, "veña compañeiro imos tomarlle unha á de Luis que fai tempo que non vou", máis lembranzas, un viño e tamén dous. De súpeto o vello grueiro lembrou unha historia: un día cando xa estaban a piques de ir a rúa, cando o peche do estaleiro xa tiña data e só se traballaba con ira contida para rematar o último encargo, cando as malas palabras saían das bocas ao mirar aos compañeiros que ían marchando pouco a pouco para casa para non volver, ese día o dono foi pasear pola grada e xusto foi parar, idiota, baixo a carga. El sabía que non o tería feito, que el non era ese tipo de persoas, e que si ben a desesperación era moi grande, daquela aínda tiña bo xuízo… pero ese día pasóuselle polos miolos unha idea absurda que nunca lle chegou a contar a ninguén: considerou o alivio que sentiría se lle escapase accidentalmente a carga nese preciso momento.

De socate unha luz pasoulle polos ollos. Calou. Rematou o viño, soltou a cunca e pagou a conta. Sen máis explicación saíu a rúa. Fóra, ao sol quente do mediodía parouse un intre e sorriu. Nunha daquelas vellas casas que acababan de tirar e que ningún dos seus donos quería arranxar agarrou unha boa man de croios, mentres dicía para si mesmo: hoxe é venres.

10 de dec. de 2013

Día dous: tente

Día 002 081013

Pois falando do que era eu de neno... falar dos meus xoguetes, e o que a min me encantaba era o tente, co que podía facer reais todas as cousas que imaxinaba...

Lembro que sempre facía as figuras da caixa... eu que sei, por poñer un exemplo... este portaavións, ou outros barcos como un gaseiro (sempre me gustaron os barcos...) e moitas outras cousas que xa non lembro. Pero sempre chegaba un momento no que eu aburría e desfacía as figuras, xuntaba pezas de xogos de anos pasados e facía cousas que inventaba eu... un avión, unha casa ou un coche para as figuras de Playmobil, naves espaciais, submarinos ou robots completamente articulados...

O malo era que eu sempre acababa perdendo pezas e cando queríamos facer de novo as pezas orixinais xa non se podía... o bo... que o meu irmán Jaime, do que falarei na seguinte foto, sempre foi e será unha persoa moi coidadosa: con paciencia e recuperando a bolsa de pezas que había perdida en algunha parte da casa, logrou reconstruír un par de pezas... certamente pouco se parece a min o meu irmán.

Día un: primeira foto

Xa fai tempo que levo querendo facer isto... vos conto así por encima... a todo correr que perdo o tren... este ano 2013 pódese dicir que é o meu "annus horribilis" e non estou falando en sentido figurado, non... moitos xa saberedes da miña situación ca miña muller e non vou falar delo por aquí porque é algo moi persoal (os que querades saber preguntade que non vai haber problema en contestar) e máis alá diso levo uns cantos meses que non paro de meter a zoca, de facer as cousas mal e incluso de dar varios pasos atrás e volver a vellas cousas que eu pensaba máis que superadas. Esas vellas cousas son nada máis e nada menos que deixarme levar polo touro ou polo vikingo que levo dentro e comportarme de un xeito, digamos, "elefante en bazar". Os que xa me coñecen dende fai moitos, moitos anos saben que sendo máis novo, cando se me cruzaban os cables, tiña un xeito de me comportar impulsivo e un tanto irracional... non quero extenderme moito máis pero por poñer un exemplo... a nosa pandilla da praia fixo unha rede de voleibol. Collimos dúas rodas pequenas, enchémolas de pedras e cemento e puxémoslles dous tubos de ferro para por a rede... un día que me enfadei cos meus amigos agarrei unha das rodas como quen colle un paxariño e boteina no medio das silveiras...

Eu pensaba que iso estaba xa moi lonxe da miña vida, pero non é así. Descubrín este verán que non. Así que empecei a ir a terapia porque estou farto, como di a canción, "de dar vueltas como una noria". Ao final, a miña vida é unha película mala, resultou que a miña terapeuta necesitaba máis terapia e axuda do que eu e agora estou esperando por unha sustituta... mentres agardo ando a romper a cabeza, ler cousas e pensar moito.

Resulta que polo camiño a unha amiga do meu grupo de fotografía, lle deu por empezar un 365 en flickr (sacar e subir unha foto por día durante un ano enteiro) e a min deume por facer fotos das miñas cousas, das miñas teimas, dos meus sitios, tanto do pasado como do presente, a ver si era quen de facer unha pintura de 365 fotos (podedes miralas todas neste enlace) que me axudase a entenderme a min mesmo un pouco mellor... disto fai xa dous meses, e xa dende o primeiro día pensei... vou encher o meu blog con esas fotos, e así, esta que mirades aquí, foi a primeira...

Día 001 081013

Primeiro día, primeira foto... ben... pensei que podería ser boa idea ter un tema... así que nesta etapa de autodescubremento esto de colgar 365 fotos podería servirme xustamente para iso... ben... esta foto leva toda a vida na miña habitación... un exemplo de como pasan os anos...

O certo é que a min a adolescencia sentoume moi mal... prácticamente teño agora o mesmo tamaño que cando tiña 13 anos e moitos sabedes que non son precisamente pequeno, o pelo volvéuseme totalmente revelde e apareceron os insoportables granos que as veces me fan pensar que estou vivindo unha eterna adolescencia... ademais pasei media infancia dubidando como ser, se o neno bo pero sumiso, respectuoso das leis, das escrituras e dos maiores, que pais, monxas, curas e catequistas se empeñaban que fose, ou o protestón, gamberro, enérxico, revelde e larpeiro neno que eu levaba dentro. Agora, con corenta anos xa sei o que quero ser e supoño que ese cambio de aspecto, complicado e difícil, da miña adolescencia, levoume polo camiño que tiña que ser. Aínda non é tarde.

9 de dec. de 2013

Retrato de descoñecida no tren

Aí onde a ves, tan fermosa, co seu abrigo de leopardo... de seguro que si a miras pasar pola rúa, indolente, altiva, con seguridade e andar perigoso sobre os tacóns de matar, pensarás “que muller, iso é unha femia” e non serás quen de apartar os ollos nin de pechar a boca mentres ela camiña pola rúa indiferente a túa atención.

De seguro eu tería pensado o mesmo, alí sentado no tren, se tivese reparado antes nela, pero o certo é que entrei no vagón, sentei, saquei o libro da bolsa e nin me decatei de que un metro máis alá, do outro lado do vagón estaba ela. De seguro, se tivese reparado nela antes, non só tería pensado algo como o que ti pensaches, tamén tería pensado con desexo machista “ mirar e non tocar” ou “unha muller de dez moi por encima de min”.

Pero non reparei nela, non lle fixen nin caso, non mirei para ela nin unha vez ata que chegou o revisor cambiando o que debería ter sido polo que foi.

Eu viaxo en tren con frecuencia por motivos de traballo pero as veces tamén me apetece conducir, e por iso o que fago é mercar un bono de dez viaxes e as vou gastando aos poucos. Pois ben, ese día o revisor montoume un pequeno gran lío, pequeno porque o asunto era unha parvada, e grande porque enterouse todo o vagón. Un erro na impresión do bono que me levou 15 minutos facerllo entender, e eu, vergoñento como son, logrei ser o centro de atención dos outros viaxeiros. Foi cando o revisor saíu do vagón cando reparei nesta muller, que ollaba para min con amabilidade, e mentres regalábame un cálido sorriso cómplice faloume do incidente, como pedíndome desculpas pola actitude do revisor.

Cas cores acendidas na miña cara despois da discusión anterior non atinei máis que a devolverlle o sorriso e calando, aínda máis acalorado, afundinme no libro.

Pero xa estaba feito o mal, xa reparara nela e decatárame de que non era a persoa que aparentaba ser… polos seus movementos, por como levaba o abrigo e as gafas… pero supoño que o que máis me chamou a atención foi que tomase notas nun pequeno caderno, por outro lado xa bastante cheo de anotacións… nestes tempos de usar o móbil para todo, ata para tomar notas, nestes tempos modernos nos que atopar a alguén que escreba a man é tan pouco común como ir cantando pola rúa. Como tampouco é moi común atopar a unha fermosa e moderna muller que se poña a xogar co neno, incansable e gracioso, que senta diante súa cunha naturalidade e confianzas reservadas nestes tempos modernos a sobriños ou mesmamente a os fillos propios.

Así que reparei nela, nesa muller que parecía tan só unha fermosa muller común, pero que definitivamente non tiña nada de común, e eu, sendo aínda máis común do que xa son normalmente, consciente da súa peculiaridade pero tamén da miña vergoña, da mina timidez, tan só atinei a lle sacar unha foto… e entón pasou o inexperado… ela escoitou o disparar da cámara e volveu a ollar para min, e volveu a sorrir e cunha seguridade e unha sinxeleza que aínda hoxe, tantos anos despois me volve tolo, díxome… “Podo mirala?”…

4 de dec. de 2013

Liquidación

En Vilagarcía, de toda a vida, a lo menos da miña, a chegada do nadal non o marcaba o acendido das luces da rúa se non o belén do establecemento de mobles "Galerías Eduardo". En canto quitaban o papel que ocultaba como as figuriñas ían chegando paseniño dende recónditos lugares despois de peregrinaxe anual, a peregrinaxe tocáballe aos vilagarciáns cos seus nenos collidos da man, nenos, eu ben o sei, algún día fun un, que quedaban pámpanos mirando as figuriñas unha a unha sobre todo as que tiñan movemento, mirando as novas adquisicións, mirando como xiraba a roda do muiño, xogando a buscar como se levase gorro e bufanda de raias vermellas e brancas ao cagón do belén (normalmente estaba preto do río) e como, lentamente as figuras dos Reis, máis grandes que as outras, non sei por que, íanse achegando día tras día ao neno no seu cerne, mentras calculaban o lonxe que aínda estaban os Reis Magos do seu destino final como unha especie de conta atrás para a chegada do día de Reis e os desexados regalos...

Aínda agora segue a montarse o belén de Galerías Eduardo, cada ano máis grande... pero quen sabe se o ano que ven pasará igual que nos últimos 40 anos... porque o vello negocio de mobles está en liquidación por xubilación. Nada raro hai nelo... o mesmo pasa en toda España chea de negocios en liquidación que van pechando un tras un, non só os novos negocios de loitadores parados desesperados por tratar de gañarse a vida, tamén os vellos, os que acompañaron as nosas infancias e prácticamente as nosas vidas.

En Vilagarcía pecha este negocio por xubilación pero media vila está xa pechada por desesperación. Igual que no resto do país, igual que España enteira: Españistán está de liquidación... e con ela, e con todos eses negocios que pechan, cos novos... cos vellos... cos seus beléns e as súas luces, os soños dos seus donos... e tamén, como non, os nosos soños de nenos.

9 de out. de 2013

Esforzos

Tarde de domingo de outono abafante. Calor e sol. Fotografía e estatuas. O inmenso nadador da Praza da Estrela e o Emigrante da Estacion da Ría, dous sinónimos distintos da palabra esforzo. O esforzo de percorrer a ría a nado dun lado ao outro, tan só pola satisfación persoal de facelo, e o esforzo de deixar atrás a terra de nacemento, a ría, a familia para esforzarse en outra terra para gañar o pan. Que diferente é a vida cando un non ten que preocuparse pola comida...

8 de out. de 2013

De mámoas, petroglifos e arañeiras...

Non creo que poidese haber mellor día para facer esta máxica ruta que un día cheo dunha brétema que pintaba de maxia cada recuncho dun bosque tan cheo de tesouros. En calquer momento parecía que de entre os piñeiros difusos ía saír algún druida cas súas herbas para mirar máis alá, ou un guerreiro medio desfeito pola morte pero engalandado cas súas mellores armas, ou unha imaxinaria moura convertida en serpe, co seu caravel entre os dentes, buscando mozos aos que deixar pasar, ou non, a homes. Ata as arañeiras, cheas de orballo, parecían pequenas obras de arte e os petroglifos, indescibrables case sempre, parecían querer contar os seus segredos a todos os que tivesen orellas dispostas a escoitar.