UA-55725853-1

5 de set. de 2011

As vellas e lonxanas costas

Fabulosa tarde de domingo a que pasamos onte no Museo do Mar de Vigo, en Alcabre, un espazo máis didáctico que de exposición pero onde pasar unha bo rato e marchar cun pouquiño máis de sabedoría e cun bo feixe de neuronas cheas de coñecemento.

O bo dun sitio como este é que un aprende e ademáis pode deixarse levar por todo tipo de emocións.

A praia da Lagoa na Guía

En especial si empezas a visita pola nostalxia das fotos da exposición temporal do Arquivo Pacheco. As máis delas do Vigo que xa nunca máis será pero hai tamén de outros sitios. Si me puxeran esta foto diante sin decirme onde é nunca sería quen de adiviñar que era Malpica de Bergantiños.

Malpica de Bergantiños

Que terá o pasado que nos atrae tanto? Eu sempre dixen que a lembranza tende a positivizala nosa vida, e non é que non lembremos as cousas malas pero cando miramos ao pasado como un conxunto de momentos máis ou menos amplos, resulta inevitable pensar que o pasado, calquera, sempre foi mellor que o que estamos a vivir no momento presente.

Das fotos as que máis chaman a atención son as da costa de Vigo que xa non existe e que non deixan de te asombrar. Fotografei algunhas delas levado por ese asombro e por esa percepción do pasado idealizado. Supoño que debería ir a visita-lo Arquivo Pacheco, pero non podía deixar de pasa-la oportunidade porque as reproduccións do Museo do Mar estaban preparadas en gran formato.

O Muelle de Ferro, actual Muelle Comercial do Porto de Vigo

O monte da Guía

Vigo a finais do século XIX

Cando un observa fotos como esta non deixa de pensar que debería haber algunha alternativa á destrucción do entorno litoral que produce o progreso. Vigo ten un “skyline” moi fermoso, calquera vigués sábeo porque, ao contrario do que sucede por exemplo na Coruña, para ollalo, só hai que coller o barco que vai a Cangas. Pero miras esta última foto en particular, e decátaste de que esa impresión é falsa, que a vista presente do Casco Vello o do Monte do Castro dende a ría non é máis que un sucedáneo do que realmente foi.

Entendo que o progreso, o comercio e a economía son necesarios, que non se pode renunciar a mellorar, pero tamén entendo que todo iso non pode facerse a costa de transformar o noso entorno ata o punto de perder a súa esencia para sempre. Por outro lado ben sei, eu que traballo nun, que os portos son unha necesidade: os portos teñen que construirse, se non é en Vigo en outro lado. En Vilagarcía tiñan pensado facer un megaporto que arruinaría por completo a Illa de Arousa e ao final o proxecto marchou para Bilbao.

No fondo o malo non é esa necesidade, o malo é a construcción de edificios como o Hotel Bahía de Vigo, o edificio Asefal ou mesmamente o Concello. Podedes ollar nesta foto a Fortaleza de San Sebastián? Que preferiríades ollar no perfil de Vigo dende o medio na ría, a fortaleza ou a torre do Concello?

O baluarte de A Laxe a finais do século XIX

O malo é non buscar alternativas cun menor impacto.

A nostalxia e as vellas lembranzas son boas, porque poden servirnos para non cometer os mesmos erros no presente e no futuro. Ou polo menos debería ser así.

Ningún comentario :

Publicar un comentario