UA-55725853-1

6 de set. de 2011

O submarino de Sanjurjo Badía

No Museo do Mar hai sitio para moitas emocións, tamén para a fachenda.

Antonio Sanjurjo Badía foi un inventor nado en Sada pero do que Vigo pode sentir moita fachenda. De feito, sen ter estudos, á volta de Cuba, montou uns talleres. Tal fama colleu cas súas innovacións técnicas e prácticas que en pouco tempo fundou uns estaleiros. Leo na wikipedia que foi o primeiro en construir máquinas de vapor en Galiza... e que creou entre os seus traballadores unha irmandade e deulles seguro de enfermidade, pensión vitalicia tras a xubilación e descanso dominical.

Pero a historia de Sanjurjo Badía ten momentos aínda máis interesantes.

No ano 1878 chegou un fermoso iate a vapor a Vigo. Nel ía o seu propietario, Jules Verne, interesado en coñecer o esceario do capítulo do ouro de Rande da súa afamada novela "20000 légoas de viaxe submariña" e aproveitou o tempo que pasou na vila para facer reparacións no Saint Michel. As reparacións foron feitas nos astaleiros de Sanjurjo Badía e como consecuencia estableceuse unha importante amizade entre os dous e un importante intercambio de correspondencia incentivado polas súas mentes inquietas.

Anos máis tarde declaurose a guerra entre Estados Unidos e España en Cuba e moitos pensaron que a flota ianqui podería chegar a invadir a nosa costa e por iso, para axudar na defensa do porto de Vigo, Sanjurjo Badía inventou, deseñou e construiu un pequeno submarino. Por sorte para el, ao día seguinte da súa  exitosa proba diante do gobernador militar de Vigo firmouse o tratado de paz entre España y EE.UU.

O submario está actualmente no Museo do Mar. É un aparello un tanto desgarbado pero ten o seu encanto e o seu romanticismo… fala dunha época onde aínda se respetaba a iniciativa propia e as ganas de facer un mundo mellor. Fala de inxenio e de xenio, de traballo… de imaxinación.

O sumerxible, que en realidade chamábase Boia Torpedera, movíase por propulsión manual, cunha hélice a proa, podía coller unha velocidade de 2 nos e tiña unha autonomía de 5 horas. Podía sumerxirse ata 20 m levando a tres persoas a bordo, e transportaba dúas minas de contacto nesas varas a proa e popa cas que pretendían afundir aos supostos invasores americáns.

Imaxinade o éxito do aparello que Isaac Peral, o recoñecido inventor do submarino,  co que tamén tiña amizade e correspondencia, recoñeceu que o prototipo de Sanjurjo fora o precursor do seu sumerxible.

Xa para rematar unha pequena anécdota. Parece ser que Sanjurjo Badía, a máis de defensor do traballador, tamén era un defensor do galego que nunca deixou de falar o seu idioma nin diante dos señoritos da cidade. “Esto de que haxa galegos que non entendan a nosa fala é unha ridícula mentira. Eu non falo máis que como debo falar, e os señoritos que veñen á miña fábrica ben m´entenden, porque a comeniencia abre as portas dos entendementos”.

Camiño da miña casa e unha ou varias veces ao día, eu paso, ou rodeo, por unha rúa de Vigo chamada Rúa de Sanjurjo Badía. Moitos de vos tamén o faredes, e de seguro que coma min,  moitos non saberíades quen era o home que lle daba o nome. Agora eu, e vos, xa o sabemos. Se tivese unha estrela errante agora mesmo, pediría que Gloria Lago, e xente como ela, tamén o souberan, e que pensasen nesa frase cada vez que levaran o seu coche por alí. Estaría moi ben.

Ningún comentario :

Publicar un comentario