UA-55725853-1

10 de set. de 2011

Segundo día en Estambul (2)

Fai xa varios días que non falo da nosa viaxe a Estambul e xa vai sendo hora de retomar esta pequena crónica.

Falaba no artigo anterior da mística e da realidade do Harén, desa parte da vida otomana que tanta literatura ten producido en Europa e que ten creado unha falsa imaxe dos haréns no noso imaxinario común.

O Pazo de Topkapi non remata no harén. A saída da visita lévanos directamente ao terceiro patio, o centro da vida privada e masculina do pazo. Era a zona privada do sultán e a dos eunucos brancos, xoves que, dun xeito similar ás escravas do harén, eran traídos ao pazo para servir e educarse.

O tempo aínda era peor que cando estabamos no patio das favoritas, e decidimos empezar a visita ás reliquias que garda o pazo, o tesouro nacional do mundo islámico. Estabamos conxelados.

Porque, de algún xeito, o Pazo de Topkapi é o Vaticano do mundo islámico.

En 1517 caeu o sultanato mameluco que levaba uns 300 anos gobernando gran parte do mundo islámico: Exipto, Palestina e a parte máis importante da península arábiga porque era a que incluía os lugares santos da Meca e Medina. O conquistador foi sultán otomano Selim I, o Valente, neto de Mehmed II que como consecuencia desta conquista e tras a posterior de Siria, fíxose co título de Califa (sucesor do profeta), o que o facía principal gobernante de todo o mundo islámico, tanto suní como chiita, e nombrouse “O Criado dos Dous Sagrados Lugares Santos”.

Conto isto, porque Selim I logrou o control de dúas reliquias que o lexitimaban como Califa: a espada e a capa do Profeta, que levou xunto moitas outras que atopou en Siria, Exipto e mesmo en Arabia, para Estambul. Espadas dos fillos do Profeta, os primeiros coráns escritos a mana, o turbante do profeta Josue, a espada de David, o bastón de Moises e o brazo e man de San Xoan Bautista… Agora esas reliquias gárdense en exposición en varias salas do Pazo de Topkapi xunto con vellas pezas da Meca e da Kaaba, todas elas descartadas ao ser substituídas por novas, e que logo eran consideradas obxectos sagradas, como bisagras, vigas, chaves, etc.

Segundo parece, e por mor destas reliquias, o Pazo de Topkapi é considerado lugar de peregrinaxe, e un musulmán pode quedar libre de ter que ir á Meca se o visita. De feito, non podedes imaxinar como era aquilo: a cola para as reliquias era permanente e comezaba na ultima das vitrinas e remataba na porta de entrada, todo cheo de xentes con largas túnicas e turbantes ou con hiyab, os máis deles con longas barbas e incluso había unha muller con niqab (teño a lembranza de ter visto unha muller con burka, pero non estou seguro), xentes que en algúns puntos paraban a rezar con todo fervor. Por megafonía soaba a voz dun dos imáns encargados de ler por quendas os suras do Corán, as 24 horas do día, os 7 días da semana.

O pabellón de Bagdad

Ao saír das salas das reliquias buscamos a tranquilidade invernal do cuarto patio. Esta é a zona de recreo e relaxación do sultán, unha serie de xardíns sobre terrazas a diferentes niveis mesturados con paitos con fontes e estanques e unha serie de pavillóns finamente decorados.

Braseiro no Pabellón de Bagdad

Como podedes ver nestas imaxes a opulencia e a finura estaban presentes en todas partes. Os mellores mármores para as terrazas e as máis elaboradas filigranas incluso para os braseiros.

O Pavillón da Circuncisión, lugar no que se lle facía esa operación ao herdeiro do sultán, o Pavillón de Bagdad, o pavillón do médico do sultán… todos eles e outros que non chegamos a ver, situados no extremo norte do promontorio no que se sitúa o pazo, dominando cas súas vistas o Corno de Ouro e a Ponte de Gálata, a parte vella de Estambul, Gálata e Beyoglu, o Bósforo e o mar de Mármara e toda a costa asiática da cidade.

Sinceramente, a estas alturas da visita, a iso da unha da tarde xa non podíamos ca alma pero había que seguir aínda que fóra cunha parada na cafetería – restaurante do pazo, un fermoso pavillón cunhas estupendas vistas (non aquel día) do mar de Mármara e a zona asiática. Non podedes imaxinar o ben que sentou aquela parada: na terraza, baixo un toldo atopamos unha mesa seca e alí tomamos uns tés ben quentes e larpeiradas típicos. De súpeto saíu un raio de sol e, cos basos fervendo nas mans o corpo pareceu encherse de novo de enerxías.

A seguinte parada foi no terceiro patio, no museo dos tesouros do pazo. Neste museo, ao longo de cinco ou seis interminables salas, gárdanse ricos obxectos regalados ou feitos para os sultáns, moitos deles xoias de valor incalculable. Pendentes ou colares de ouro macizo con esmeraldas e rubís, copas ou botellas de cristal ou de nácar con fabulosas incrustacións, o Diamante de Kaşıkçı de 86 kilates (unha cousa do tamaño dun puño que é o terceiro diamante máis grande do mundo), o carísimo Puñal de Topkapi, feito en ouro, esmeraldas, diamantes e outras pedras preciosas, un inmenso trono de ouro, esmeraldas e rubís no que o sultán sentaba na Porta da Felicidade nos actos públicos, pezas de ébano e de xade… de marfil… podería escribir liñas e liñas dos fabulosos obxectos que alí había a cada cal máis valioso e fermoso.

Cando saímos do museo decidimos que xa non podiamos máis, que tiñamos que saír de alí canto antes. Unha rápida visita á exposición das inmensas roupas que usaban o sultán e os seus fillos naquelas épocas (naquelas prendas sin sentido poderíanse esconder dous ou tres edus), outra rápida visita á Biblioteca de Ahmed III e outra un pouco máis longa ao Salón da Audiencia.

Este salón, ao que pertencen a imaxe anterior e a seguinte, e o que se usaba para as recepcións políticas do Sultán. Nel o sultán esperaba a gobernantes estranxeiros e outros líderes, os cales non podían pasar máis alá dese lugar, xa que o terceiro patio como xa dixen era completamente pechado ao exterior.

Un dirixente estranxeiro ou un diplomático cruzaba a Porta da Felicidade e directamente pasaba ao Salón da Audiencia xa que a súa entrada está xusto diante desa porta e non tiña posibilidade de outro contacto co mundo privado do pazo.

Xa de volta ao terceiro patio quedamos impresionados cas chemineas das cociñas do pazo que é o que se ve na imaxe anterior, e ca recargada Sala do Consello Imperial, onde se reunían os oficiais militares e os cargos políticos que dirixían o imperio. Por riba desa sala hai unha torre á que accedía o sultán unicamente e dende a que podía ollar en secreto aos seus conselleiros antes de acudir as reunións.

Esta última imaxe é da Porta Imperial, cas súas torres octogonais, porta que separa o segundo do terceiro patio. Aquí decidimos que o único que queríamos era ir a comer e non tardamos en atopar o sitio: un pequeno restaurante típico en Sultanahmet, un restaurante ao que, segundo parecía, van a comer as familias estambulíes nos días de festa, que estaba cheo e no que probamos a sopa turca (çorba), unhas albóndegas chamadas kofte e pilaf (arroz) cuns pementos parecidos aos italianos. O restaurante chámase Sultanahmet Köftecisi, e leva aberto dende os anos 20.

No restaurante recuperámonos o suficiente como para saír a pasear polo centro do Estambul antigo. Empezamos a seguir rúas cada vez máis estreitas e de súpeto decatámonos de que estabamos nas portas do Gran Bazar. Como é un mercado interior non o pensamos dúas veces e decidimos entrar. Non tardamos en saír de novo: non podes parar nos postos a mirar o que teñen porque rápido es asaltado polos comerciantes. “Aquí non se ven a mirar, vense a comprar” díxome un en inglés.

Decidimos que era o momento de buscar onde tomar un te e comer algo. Nun pequeno café da zona pedimos dous tes e unha ración de baklava… nun insuficiente inglés, o dono preguntounos canto queríamos e lle dixemos que un para cada un, pensando que sería un anaco pequeno… xa nunca máis esqueceremos ese principio de que para probar algo novo hai que pedir claramente un anaco para os dous, porque unha ración (para dúas ou tres persoas) é medio quilo de baklava, así que de súpeto tiñamos na mesa un quilo daquel pastel. Aínda por riba o home preguntou si queriamos azucre… Lupe díxolle que non porque parecía ser moi doce.

Enganados estabamos: o baklava é unha masa feita de noces trituradas mesturada ou montada con pasta filo, que está moi rico pero que se fai moi pesado… e que se non lle botas azucre non é nada doce. Tomamos un pouco e levamos o resto con nos. O home aínda debe estar a rir…

Logo, xa máis tranquilos, volvemos ao Gran Bazar pero o corpo non daba para máis así que collemos algo de cear e decidimos que aquel día remataba ás sete da tarde, cun bo e merecido descanso no hotel.

Ningún comentario :

Publicar un comentario