UA-55725853-1

7 de dec. de 2012

O Arca de Noe

Non, hoxe non estou bíblico, hoxe estou melancólico... porque por fin atopei algo que levaba tempo buscando, unha melodía que me fervía na cabeza dende a miña adolescencia, a lembranza dun programa de televisión realmente bo, dos que xa non se fan porque facía pensar á xente, porque sementaba e facía agromar a preocupación polo entorno. Cousas de outros tempos máis inocentes.

Onte pola noite, despois de moito buscar, atopeino por fin, en Youtube e case choro da emoción.

Escoitade o vídeo, mirádeo... quen de vos lembra esta melodía, este programa? Quen de vos lembra os compases estimulantes do cabeceiro de "O Arca de Noe", programa que botaban na dúas sobre a conservación do entorno? Eu escoito estes compases e viaxo ao ano 86 mentras unha onda de emoción recorre o meu corpo... non só polos tempos pasados, tamén porque esta melodía faime pensar en poñerme en marcha, en facer cousas... a quen de vos lle trae bos recordos estes son? A min moitos... non podo escoitala sen un punto de morriña... tempos pasados, din, sempre foron mellores... ás veces é certo.

Por favor... se vos fai sentir algo especial, se vos fai ferver o sangue, se vos lembrades do "Arca de Noe" escoitade e gozade... deixádevos levar por esta música marabillosa... a ver si polo menos escoitando música como esta podemos cambiar algo...

Por certo, a composición é do xenial José Nieto, gran compositor español de centos de bandas sonoras... como "O Bosque Animado", "Amanece, que non é pouco", "El Lute, cammiña ou reventa", "Amantes", "Días Contados", "A Pasión Turca"... a lista é interminable.

E os debuxos... esquencíame... se non me engano son de José Ramón Sánchez... lembrades aquel debuxante que saía en Sabadabadá, que facía unhas caras sempre moi longas?

Ningún comentario :

Publicar un comentario