A noite é unha estrela na túa culleriña, señor meu. Revolves o teu café e destrúes planetas, galaxias enteiras, creas supernovas e buracos negros, xogas co alzamento e a caída de civilizacións, cos outros deuses, os meus irmáns… dis ser a divinidade suprema pero non es máis que un crío necio e vaidoso. É o teu castigo máis terrible encerrarme neste infame edén, neste corpo mortal, con ese estúpido home que dis ter feito á túa imaxe e semellanza? Coma se ameazas con pecharme no Tártaro. Goza da miña golfa irmá que eu nunca xamais volverei aos teus divinos brazos.
15 de set. de 2011
14 de set. de 2011
Expendedores automáticos
Parece ser que na cousa da invención das máquinas expendedoras os americanos non foron os primeiros, nin sequera os segundos, porque segundo escoitei o outro día na radio, a primeira máquina para servir automaticamente algo foi construída en Alexandría alá polo século I despois de Cristo polo enxeñeiro grego Herón, vamos, que se pode dicir que a inventaron os romanos.
Aquela primeira expendedora automática repartía auga bendita nos templos cando deixabas caer unha moeda por unha fendedura. A moeda caía sobre unha panca que baixaba polo peso da moeda e tiraba da válvula que deixaba pasar a auga.
Xa vedes que hai cousas que non cambiaron en 2000 anos: a relixión sempre promovendo como sacarnos os cartos dun xeito máis efectivo.
A máquina expendedora moderna foi un deseño inglés, alá polo ano 1880, en Londres, para vender tarxetas postais. E xa en 1888, a primeira nos EEUU, que vendía goma de mascar no metro de Nova Iorque.
| Estamos xa no século XXI e as máquinas expendedoras venden de todo. Refrescos, comida, prensa, condóns, xeados, vermes para pescar, libros, tabaco, papel de lear, golosinas, froitos secos, patacas fritas, sandwiches, pizza, bocatas quentes, café. En Xapón hainas que venden ramen (unha sopa), ovos frescos, paraugas, fritangas, flores… ata queroseno e moitas cousas máis. En Amsterdand parece ser que hai máquinas que expenden maría. En Vigo teño mirado nun local que hai baixando do Bocateo para Eduardo Chao, unha máquina que vende consoladores e produtos eróticos… vamos, que hoxe en día nunha máquina expendedora pódese vender de todo. Incluso comprar: xa hai máquinas que recollen vidro ou plástico e devolven cartos. | ![]() |
É o signo dos tempos. Hoxe en día pódese vender calquera cousa, incluso automaticamente. Algún día atoparemos máquinas expendedoras que vendan felicidade, pracer, consolo, evasión, orgasmos… a propia alma ao demo, a integridade moral de cada un…
O que estaría ben sería que as houbese que venderan sentido común, intelixencia, respecto… claro que ao mellor esas non tiñan moito éxito.
10 de set. de 2011
Segundo día en Estambul (2)
Fai xa varios días que non falo da nosa viaxe a Estambul e xa vai sendo hora de retomar esta pequena crónica.
Falaba no artigo anterior da mística e da realidade do Harén, desa parte da vida otomana que tanta literatura ten producido en Europa e que ten creado unha falsa imaxe dos haréns no noso imaxinario común.
O Pazo de Topkapi non remata no harén. A saída da visita lévanos directamente ao terceiro patio, o centro da vida privada e masculina do pazo. Era a zona privada do sultán e a dos eunucos brancos, xoves que, dun xeito similar ás escravas do harén, eran traídos ao pazo para servir e educarse.
O tempo aínda era peor que cando estabamos no patio das favoritas, e decidimos empezar a visita ás reliquias que garda o pazo, o tesouro nacional do mundo islámico. Estabamos conxelados.
Porque, de algún xeito, o Pazo de Topkapi é o Vaticano do mundo islámico.
En 1517 caeu o sultanato mameluco que levaba uns 300 anos gobernando gran parte do mundo islámico: Exipto, Palestina e a parte máis importante da península arábiga porque era a que incluía os lugares santos da Meca e Medina. O conquistador foi sultán otomano Selim I, o Valente, neto de Mehmed II que como consecuencia desta conquista e tras a posterior de Siria, fíxose co título de Califa (sucesor do profeta), o que o facía principal gobernante de todo o mundo islámico, tanto suní como chiita, e nombrouse “O Criado dos Dous Sagrados Lugares Santos”.
Conto isto, porque Selim I logrou o control de dúas reliquias que o lexitimaban como Califa: a espada e a capa do Profeta, que levou xunto moitas outras que atopou en Siria, Exipto e mesmo en Arabia, para Estambul. Espadas dos fillos do Profeta, os primeiros coráns escritos a mana, o turbante do profeta Josue, a espada de David, o bastón de Moises e o brazo e man de San Xoan Bautista… Agora esas reliquias gárdense en exposición en varias salas do Pazo de Topkapi xunto con vellas pezas da Meca e da Kaaba, todas elas descartadas ao ser substituídas por novas, e que logo eran consideradas obxectos sagradas, como bisagras, vigas, chaves, etc.
Segundo parece, e por mor destas reliquias, o Pazo de Topkapi é considerado lugar de peregrinaxe, e un musulmán pode quedar libre de ter que ir á Meca se o visita. De feito, non podedes imaxinar como era aquilo: a cola para as reliquias era permanente e comezaba na ultima das vitrinas e remataba na porta de entrada, todo cheo de xentes con largas túnicas e turbantes ou con hiyab, os máis deles con longas barbas e incluso había unha muller con niqab (teño a lembranza de ter visto unha muller con burka, pero non estou seguro), xentes que en algúns puntos paraban a rezar con todo fervor. Por megafonía soaba a voz dun dos imáns encargados de ler por quendas os suras do Corán, as 24 horas do día, os 7 días da semana.
Ao saír das salas das reliquias buscamos a tranquilidade invernal do cuarto patio. Esta é a zona de recreo e relaxación do sultán, unha serie de xardíns sobre terrazas a diferentes niveis mesturados con paitos con fontes e estanques e unha serie de pavillóns finamente decorados.
Como podedes ver nestas imaxes a opulencia e a finura estaban presentes en todas partes. Os mellores mármores para as terrazas e as máis elaboradas filigranas incluso para os braseiros.
O Pavillón da Circuncisión, lugar no que se lle facía esa operación ao herdeiro do sultán, o Pavillón de Bagdad, o pavillón do médico do sultán… todos eles e outros que non chegamos a ver, situados no extremo norte do promontorio no que se sitúa o pazo, dominando cas súas vistas o Corno de Ouro e a Ponte de Gálata, a parte vella de Estambul, Gálata e Beyoglu, o Bósforo e o mar de Mármara e toda a costa asiática da cidade.
Sinceramente, a estas alturas da visita, a iso da unha da tarde xa non podíamos ca alma pero había que seguir aínda que fóra cunha parada na cafetería – restaurante do pazo, un fermoso pavillón cunhas estupendas vistas (non aquel día) do mar de Mármara e a zona asiática. Non podedes imaxinar o ben que sentou aquela parada: na terraza, baixo un toldo atopamos unha mesa seca e alí tomamos uns tés ben quentes e larpeiradas típicos. De súpeto saíu un raio de sol e, cos basos fervendo nas mans o corpo pareceu encherse de novo de enerxías.
A seguinte parada foi no terceiro patio, no museo dos tesouros do pazo. Neste museo, ao longo de cinco ou seis interminables salas, gárdanse ricos obxectos regalados ou feitos para os sultáns, moitos deles xoias de valor incalculable. Pendentes ou colares de ouro macizo con esmeraldas e rubís, copas ou botellas de cristal ou de nácar con fabulosas incrustacións, o Diamante de Kaşıkçı de 86 kilates (unha cousa do tamaño dun puño que é o terceiro diamante máis grande do mundo), o carísimo Puñal de Topkapi, feito en ouro, esmeraldas, diamantes e outras pedras preciosas, un inmenso trono de ouro, esmeraldas e rubís no que o sultán sentaba na Porta da Felicidade nos actos públicos, pezas de ébano e de xade… de marfil… podería escribir liñas e liñas dos fabulosos obxectos que alí había a cada cal máis valioso e fermoso.
Cando saímos do museo decidimos que xa non podiamos máis, que tiñamos que saír de alí canto antes. Unha rápida visita á exposición das inmensas roupas que usaban o sultán e os seus fillos naquelas épocas (naquelas prendas sin sentido poderíanse esconder dous ou tres edus), outra rápida visita á Biblioteca de Ahmed III e outra un pouco máis longa ao Salón da Audiencia.
Este salón, ao que pertencen a imaxe anterior e a seguinte, e o que se usaba para as recepcións políticas do Sultán. Nel o sultán esperaba a gobernantes estranxeiros e outros líderes, os cales non podían pasar máis alá dese lugar, xa que o terceiro patio como xa dixen era completamente pechado ao exterior.
Un dirixente estranxeiro ou un diplomático cruzaba a Porta da Felicidade e directamente pasaba ao Salón da Audiencia xa que a súa entrada está xusto diante desa porta e non tiña posibilidade de outro contacto co mundo privado do pazo.
Xa de volta ao terceiro patio quedamos impresionados cas chemineas das cociñas do pazo que é o que se ve na imaxe anterior, e ca recargada Sala do Consello Imperial, onde se reunían os oficiais militares e os cargos políticos que dirixían o imperio. Por riba desa sala hai unha torre á que accedía o sultán unicamente e dende a que podía ollar en secreto aos seus conselleiros antes de acudir as reunións.
Esta última imaxe é da Porta Imperial, cas súas torres octogonais, porta que separa o segundo do terceiro patio. Aquí decidimos que o único que queríamos era ir a comer e non tardamos en atopar o sitio: un pequeno restaurante típico en Sultanahmet, un restaurante ao que, segundo parecía, van a comer as familias estambulíes nos días de festa, que estaba cheo e no que probamos a sopa turca (çorba), unhas albóndegas chamadas kofte e pilaf (arroz) cuns pementos parecidos aos italianos. O restaurante chámase Sultanahmet Köftecisi, e leva aberto dende os anos 20.
No restaurante recuperámonos o suficiente como para saír a pasear polo centro do Estambul antigo. Empezamos a seguir rúas cada vez máis estreitas e de súpeto decatámonos de que estabamos nas portas do Gran Bazar. Como é un mercado interior non o pensamos dúas veces e decidimos entrar. Non tardamos en saír de novo: non podes parar nos postos a mirar o que teñen porque rápido es asaltado polos comerciantes. “Aquí non se ven a mirar, vense a comprar” díxome un en inglés.
Decidimos que era o momento de buscar onde tomar un te e comer algo. Nun pequeno café da zona pedimos dous tes e unha ración de baklava… nun insuficiente inglés, o dono preguntounos canto queríamos e lle dixemos que un para cada un, pensando que sería un anaco pequeno… xa nunca máis esqueceremos ese principio de que para probar algo novo hai que pedir claramente un anaco para os dous, porque unha ración (para dúas ou tres persoas) é medio quilo de baklava, así que de súpeto tiñamos na mesa un quilo daquel pastel. Aínda por riba o home preguntou si queriamos azucre… Lupe díxolle que non porque parecía ser moi doce.
Enganados estabamos: o baklava é unha masa feita de noces trituradas mesturada ou montada con pasta filo, que está moi rico pero que se fai moi pesado… e que se non lle botas azucre non é nada doce. Tomamos un pouco e levamos o resto con nos. O home aínda debe estar a rir…
Logo, xa máis tranquilos, volvemos ao Gran Bazar pero o corpo non daba para máis así que collemos algo de cear e decidimos que aquel día remataba ás sete da tarde, cun bo e merecido descanso no hotel.
6 de set. de 2011
O totem de Lee Morgan
En Radio 3, os sábados e os domingos ao medio día botan un excelente programa chamado "A todo Jazz" todo un clásico do panorama radiofónico español. Como tamén é un clásico o seu presentador Juan Carlos Cifuentes, "Cifu para los amigos". "A todo Jazz" explora o jazz máis clásico, como o Be Bop, o Cool, o Son West Coast e artistas como Miles Davis, Dexter Gordon, Duke Ellington, Dizzy Gillespie, e un largo etc..
O programa comeza, todos os días ca mesma entradilla, unha marabillosa peza, unha peza que é toda unha declaración de intencións respecto do contido do programa. Empezas escoitando ese ritmillo e sabes que este programa vai ser algo fermoso, especial.
Levo moito tempo escoitando ese programa, uns días en directo, outros por podcast, e sempre, sempre disfruto dese tema… chamado… ben, o certo é que non tiña nin idea do nome do tema, do creador, dos intérpretes… Pero o outro día, Cifu decidiu adicar o programa enteiro ao disco que incluía ese tema.
Sinceiramente, non só descubrín que ese disco chamábase “The Sidewinder”, que o compositor era Lee Morgan (trompeta) e que os intérpretes eran Joe Henderson (saxo tenor), Billy Higgins (batería), Barry Harris (Piano), Bob Cranshaw (contrabaixo). Que o tema en cuestión é “Boy, what a night”, que no disco hai catro temas máis todos xeniais, que o disco foi publicado por Blue Note y que sembrou influencia, que o estilo de Lee Morgan era o Hard Bop, pero que o disco sentou as bases do que logo chamaríase Soul Bop. Non, o mellor foi que descubrín un marabilloso tema chamado “Totem Pole”.
O tema empeza cun lixeiro fraseo de piano acompañado do claro swing da batería e do contrabaixo, e de súpeto entran a trompeta e o saxo tenor, marcando un contrapunto de dúas melodías entrelazadas pero perfectamente casadas entre elas, facendo unha danza electrizante a ritmo latino, melancólica, e chea armonías de cuarto de ton, ata que fai unha marca a batería, hai un pequeno “crescendo”, cambia o ritmo a 4 por 4, e tras unha curta repetición da melodía, empezan as improvisacións todas elas maxistrais.
Primeiro a trompeta de Lee Morgan cun swing perfecto. Logo tras o cambio de ritmo o saxo, pausado contrapunto, entrando en ritmo aos poucos, collendo forza e igual que antes ca trompeta, xogando co piano, ca batería… outra vez o cambio de ritmo e entra o piano ca súa improvisación, tan só acompañado po la batería e o contrabaixo, perfectos acompañantes dunha execución cristalina. De novo o cambio de ritmo, e tras un toque de batería entra de novo a trompeta que desta volta aínda é máis incisiva, máis arriscada pero ao mesmo tempo máis clara cas notas, ata que chega o cambio de ritmo, a trompeta recorta as frases e entón volve a melodía inicial co conxunto ao completo, ata que lentamente esta vai esmorecendo de vagariño, deixándote tan só unha agradable sensación no corpo.
Escoitadeo e disfrutádeo.
O submarino de Sanjurjo Badía
No Museo do Mar hai sitio para moitas emocións, tamén para a fachenda.
Antonio Sanjurjo Badía foi un inventor nado en Sada pero do que Vigo pode sentir moita fachenda. De feito, sen ter estudos, á volta de Cuba, montou uns talleres. Tal fama colleu cas súas innovacións técnicas e prácticas que en pouco tempo fundou uns estaleiros. Leo na wikipedia que foi o primeiro en construir máquinas de vapor en Galiza... e que creou entre os seus traballadores unha irmandade e deulles seguro de enfermidade, pensión vitalicia tras a xubilación e descanso dominical.
Pero a historia de Sanjurjo Badía ten momentos aínda máis interesantes.
No ano 1878 chegou un fermoso iate a vapor a Vigo. Nel ía o seu propietario, Jules Verne, interesado en coñecer o esceario do capítulo do ouro de Rande da súa afamada novela "20000 légoas de viaxe submariña" e aproveitou o tempo que pasou na vila para facer reparacións no Saint Michel. As reparacións foron feitas nos astaleiros de Sanjurjo Badía e como consecuencia estableceuse unha importante amizade entre os dous e un importante intercambio de correspondencia incentivado polas súas mentes inquietas.
Anos máis tarde declaurose a guerra entre Estados Unidos e España en Cuba e moitos pensaron que a flota ianqui podería chegar a invadir a nosa costa e por iso, para axudar na defensa do porto de Vigo, Sanjurjo Badía inventou, deseñou e construiu un pequeno submarino. Por sorte para el, ao día seguinte da súa exitosa proba diante do gobernador militar de Vigo firmouse o tratado de paz entre España y EE.UU.
O submario está actualmente no Museo do Mar. É un aparello un tanto desgarbado pero ten o seu encanto e o seu romanticismo… fala dunha época onde aínda se respetaba a iniciativa propia e as ganas de facer un mundo mellor. Fala de inxenio e de xenio, de traballo… de imaxinación.

O sumerxible, que en realidade chamábase Boia Torpedera, movíase por propulsión manual, cunha hélice a proa, podía coller unha velocidade de 2 nos e tiña unha autonomía de 5 horas. Podía sumerxirse ata 20 m levando a tres persoas a bordo, e transportaba dúas minas de contacto nesas varas a proa e popa cas que pretendían afundir aos supostos invasores americáns.

Imaxinade o éxito do aparello que Isaac Peral, o recoñecido inventor do submarino, co que tamén tiña amizade e correspondencia, recoñeceu que o prototipo de Sanjurjo fora o precursor do seu sumerxible.


Xa para rematar unha pequena anécdota. Parece ser que Sanjurjo Badía, a máis de defensor do traballador, tamén era un defensor do galego que nunca deixou de falar o seu idioma nin diante dos señoritos da cidade. “Esto de que haxa galegos que non entendan a nosa fala é unha ridícula mentira. Eu non falo máis que como debo falar, e os señoritos que veñen á miña fábrica ben m´entenden, porque a comeniencia abre as portas dos entendementos”.
Camiño da miña casa e unha ou varias veces ao día, eu paso, ou rodeo, por unha rúa de Vigo chamada Rúa de Sanjurjo Badía. Moitos de vos tamén o faredes, e de seguro que coma min, moitos non saberíades quen era o home que lle daba o nome. Agora eu, e vos, xa o sabemos. Se tivese unha estrela errante agora mesmo, pediría que Gloria Lago, e xente como ela, tamén o souberan, e que pensasen nesa frase cada vez que levaran o seu coche por alí. Estaría moi ben.
5 de set. de 2011
As vellas e lonxanas costas
Fabulosa tarde de domingo a que pasamos onte no Museo do Mar de Vigo, en Alcabre, un espazo máis didáctico que de exposición pero onde pasar unha bo rato e marchar cun pouquiño máis de sabedoría e cun bo feixe de neuronas cheas de coñecemento.
O bo dun sitio como este é que un aprende e ademáis pode deixarse levar por todo tipo de emocións.
En especial si empezas a visita pola nostalxia das fotos da exposición temporal do Arquivo Pacheco. As máis delas do Vigo que xa nunca máis será pero hai tamén de outros sitios. Si me puxeran esta foto diante sin decirme onde é nunca sería quen de adiviñar que era Malpica de Bergantiños.
Que terá o pasado que nos atrae tanto? Eu sempre dixen que a lembranza tende a positivizala nosa vida, e non é que non lembremos as cousas malas pero cando miramos ao pasado como un conxunto de momentos máis ou menos amplos, resulta inevitable pensar que o pasado, calquera, sempre foi mellor que o que estamos a vivir no momento presente.
Das fotos as que máis chaman a atención son as da costa de Vigo que xa non existe e que non deixan de te asombrar. Fotografei algunhas delas levado por ese asombro e por esa percepción do pasado idealizado. Supoño que debería ir a visita-lo Arquivo Pacheco, pero non podía deixar de pasa-la oportunidade porque as reproduccións do Museo do Mar estaban preparadas en gran formato.
Cando un observa fotos como esta non deixa de pensar que debería haber algunha alternativa á destrucción do entorno litoral que produce o progreso. Vigo ten un “skyline” moi fermoso, calquera vigués sábeo porque, ao contrario do que sucede por exemplo na Coruña, para ollalo, só hai que coller o barco que vai a Cangas. Pero miras esta última foto en particular, e decátaste de que esa impresión é falsa, que a vista presente do Casco Vello o do Monte do Castro dende a ría non é máis que un sucedáneo do que realmente foi.
Entendo que o progreso, o comercio e a economía son necesarios, que non se pode renunciar a mellorar, pero tamén entendo que todo iso non pode facerse a costa de transformar o noso entorno ata o punto de perder a súa esencia para sempre. Por outro lado ben sei, eu que traballo nun, que os portos son unha necesidade: os portos teñen que construirse, se non é en Vigo en outro lado. En Vilagarcía tiñan pensado facer un megaporto que arruinaría por completo a Illa de Arousa e ao final o proxecto marchou para Bilbao.
No fondo o malo non é esa necesidade, o malo é a construcción de edificios como o Hotel Bahía de Vigo, o edificio Asefal ou mesmamente o Concello. Podedes ollar nesta foto a Fortaleza de San Sebastián? Que preferiríades ollar no perfil de Vigo dende o medio na ría, a fortaleza ou a torre do Concello?
O malo é non buscar alternativas cun menor impacto.
A nostalxia e as vellas lembranzas son boas, porque poden servirnos para non cometer os mesmos erros no presente e no futuro. Ou polo menos debería ser así.
3 de set. de 2011
Hai Demos Rabudos
Seica de noite todos os gatos son pardos, pero no que se refiere ao mundo da fotografía, a noite tamén permite facer cousas que non nos deixan nada indiferentes, quero dicir, que falando de tirar fotos, os gatos non sempre son pardos e tendo unha boa máquina, podemos sacarlle as cores a casi calquer cousa. De seguro que hoxe en día, cas cámaras fotográficas que hai, a ningúen se lle tería ocorrido o refrán dos gatos pardos… a lo menos si ese alguén era fotógrafo profesional.
Isto é como o de ir de visita nocturna aos petroglifos. O contraste entre as sombras da noite e as iluminacións do artificio humán é o que fai que esas visitas sexan unha experiencia máis gratificante que cando son de día. Ca fotografía, en xeral, pasa o mesmo. De noite é máis difícil diferenciar os tons ou incluso as cores pero o contraste entre a parte iluminada e a parte na sombra regala moitas veces imaxes moi especiais.
Logo está a parte tecnolóxica, que en certo modo é a parte máxica, pois as cámaras modernas capturan cores onde ti non ves máis que sombras… ou gatos pardos. Minto, que iso non sempre é así… de día pasa o contrario, atopas unha escea fermosísima cunhas cores espectaculares pero a realidade non lle gusta retratarse e só deixa que lle copies parte dos seus encantos. O vermello non queda tan apaixoante, o verde non ten tanta esperanza e o azul non é tan profundo como nos teu propio ollar.
Neses casos, podes usar, entre outras, a técnica HDR, que podería significar xustamente “Hai Demos Rabudos”, pero que realmente significa “High Dynamic Range”, é dicir, rango dinámico alto. Básicamente do que se trata é de usar un pograma para mesturar tres fotos iguais pero con exposicións diferentes, de xeito que cada foto aporta á imaxe final datos distintos… unha cóntalle como era as partes iluminadas da realidade, outra como eran as cores, outra como eran as sombras. Como resultado tes unha imaxe dun gran realismo en todos os aspectos. Incluso podes modificar os parámetros para crear imaxes hiperrealistas ou subrealistas.
Por exemplo esta foto. Está ten truco porque é un debuxo que fixen e que puxen nunha foto real, e polo tanto non teño as tres imáxes con exposicións diferentes, pero co photoshop se pode facer de todo, e xa vedes o que saiu… usando a ferramenta para facer HDR do photoshop fixen que se realzase toda a imaxe pero en especial o grafiti que ten máis brillo que o resto da imaxe. Non da a impresión de que o grafiti está a ser iluminado por un suave raio de sol?
Estas outras dúas si que son HDR real, quero dicir, tres fotos da misma escea con diferentes exposicións. Fixenas pola noite do barco que estaba a descargar os contenedores no muelle.
A primeira é, digamos, hiperrealista. As cores están bastante saturadas e quedou todo bastante iluminado pero aínda así non vos da a impresión de que ten un certo aire misterioso? Non vos da a lixeira impresión de que parece unha maqueta ou que os detalles están difuminados, como si a foto quisexe imitar unha pintura de cores pastel?
Agora comparádea ca segunda montaxe HDR das mesmas tres fotos… cambiando os parámetros no photoshop sae unha foto na que igualmente as cores son moi realistas pero respétanse moito máis as sombras polo que o efecto é moito máis real. Por outro lado esta imaxe ten máis detalle e a iluminación está definida para realzar en especial o barco.
De todos modos con esta técnica coséguense cousas aínda máis espectaculares, controlando moito máis do que controla un principiante coma min. Nestes casos, por exemplo, a foto sobreexposta quedou demasiado sobreexposta, e logo realmente, cando uso o programa non sei o que fago, déixome levar polo que veso, si é bonito ou non… supoño que iso tamén é algo de arte, non?
31 de ago. de 2011
Rosa dos Ventos

Un ramo de rosas na mesa era o sinal e a vella cafetería o lugar, pero a pesares de ter a certeza de que necesitaba dar aquel paso, nin o fresco recendo das rosas nin a familiaridade do café lograban afastar do seu corpo a sensación de estar a cometer un erro. Os grolos de café alternaban pensamentos dicotómicos, xustapostos. Eran o valado que separaba a idea revestida de medo que case o impulsaba a fuxir correndo daquel suoroso padecemento, do pensamento de que era un acerto facer aquilo porque aos seus anos xa non tiña moito máis que esperar da vida e das mulleres.
Nunca fora un home afortunado no referido ás mulleres e empezaba a perder a esperanza agora que achegábase lentamente o horizonte dos cincuenta. Dúas parellas máis ou menos estables e unha voda que lle deixou un balance de catro ou cinco anos bos, outros tantos de discusións e amarguras, e dous fillos que apenas pasaban un par de meses ao ano co pai, pero iso non quería dicir que fora un home triste e aburrido, máis ben o contrario, posto que aprendera dende ben neno a cultivar a felicidade nas pequenas cousas, nos momentos máis sinxelos e irrepetibles.
Atopaba alegría e felicidade en preparar comidas ou ceas para amigos, no cheiro do café nesa vella cafetería, en pasar as tardes lendo un libro sentado na solaina do salón da súa casa para atoparse de súpeto lendo ca vermella luz do solpor ou pasando o domingo no monte co seu can e a súa benquerida cámara fotográfica arroupado polo cheiro a terra mollada que tanto lle gustaba. Tiña tendencia á melancolía e esa tendencia súa facíalle percibir con máis forza a súa soidade, polo que cada certo tempo enfocaba os seus esforzos e o seu tempo en atopar unha muller ca que compartir esas pequenas felicidades.
En outros tempos chamaba a algún vello amigo sempre disposto para a esmorga e os dous asaltaban os locais do Casco Vello tras un espiritualizante precalentamento a base de viños e licor café por tabernas das que case coñecían cada pedra. Eses tempos quedaran atrás, os vellos amigos que non casaran xa non vivían na cidade ou desapareceran por completo da súa vida, polo que ante a súa última etapa melancólica exerceu de improvisado doutor do seu propio corazón e receitouse novas menciñas máis acordes cos novos tempos modernos. E así, el, nado home analóxico nos tempos de Franco cando o máis electrónico que un neno podía chegar a coñecer era un Tren Payá, tirouse de cabeza pero con manguitos e gorro ao océano virtual, e durante un certo tempo a fonte das súas pequenas alegrías foi a adquisición da competencia necesaria para transformarse nun auténtico home dixital.
Teimudo como era non tardou en mercar un portátil, obrigado compañeiro alí a onde ía, e pronto enriqueceu o seu vocabulario con novas modernidades de orixe anglosaxona como “memoria RAM”, “web”, “wi-fi” e moitas outras; abriu contas de correos, contas en páxinas sociais, en páxinas de fotografía, ata considerou seriamente facer o seu propio blog; e cando por fin entendeu que informatizárase nun nivel aceptable para un home da súa idade, deu o paso definitivo e comezou a buscar nas páxinas de encontros por internet.
Tras varios intentos errados coñeceu a Rosa dos Ventos. “Apaixoada, namorada da vida e dos solpores, non agardo atopar nin un Brad Pit nin ao amor da miña vida, tan só un alma amiga que me axude a afastar algo de soidade da miña casa. Se non buscas unicamente unha boneca de feiticeiras curvas ao mellor enfeitízate a miña persoa. Atrévete”. Detrás daquela declaración de intencións había unha muller tímida que, fisicamente, non tiña nada de especial agás un soriso misterioso que só descobreu cando por fin deron o paso de falar, torpemente ao principio, pola webcam, outra das palabras do novo vocabulario dixital recentemente adquiridas.
Atreveuse e aos poucos días xa estaba enganchado das súas conversas áxiles, apaixoadas, intelixentes… divertidas, da comodidade de estar cunha muller que nunca lle esixía nada, porque as cousas xurdían con naturalidade, sen presas, enfeitizado literalmente dunha rosa que non esperaba atopar, un rosa que estaba a sementar nel sementes das que sentía agromar sensacións que tempo atrás dera por perdidas.
E ela? Que sentía a pequena Rosiña por el? Pasaban os días pegados o un ao outro, separados nada máis que polo incontable baleiro tecnolóxico, case xuntos sen estar realmente xuntos. Deixaban a cámara posta mentres facían as tarefas das casa, falábanse na distancia dos seus fogares e a simbiose virtual chegou ao grado de comer e cear xuntos. Acompañados na soidade mutua das súas vidas. Cada día sentíase máis e máis atraído por ela pero a mesma dúbida asaltáballe continuamente: e ela? Que sentía ela? El debullaba as palabras de Rosa tratando de atopar o corazón da mazaroca pero no canto de millo tan só atopaba capas e máis capas de cebola e uns días estaba convencido de que os sentimentos dela eran parellos aos seus e outros recoñecía, desgustado, que ela só buscaba unha amizade.
Con todo, entre eles apenas coñecíanse o nome, e por non saber, non sabían nin a cidade onde vivía o outro, e por iso un día, sorprendéronse cando el comentou que o parque polo que lle encantaba pasear antigamente fora un cemiterio e ela, entusiasmada, cos ollos completamente abertos, preguntoulle se non se chamaría o Parque de Bonaval… “Claro, coñécelo?” contestou el, “Home, como que son veciña túa!”.
A consecuencia foi inevitable, porque ese coñecemento foi un punto de non retorno para os dous. Tiñan que coñecerse en persoa. O venres, na céntrica cafetería da que el era asiduo cliente e por aquelo de que a xente na realidade cambia moito el levaría un ramo de rosas.
E alí estaba el, suando como un adolescente, agardando por aquela muller coñecida e descoñecida mentres trataba de dicirse entre unha deshonrosa fuxida a tempo ou un honroso encontro que terminase definitivamente con aquela marabillosa e virtual relación. Que prato prefería?, de prato principal encontro final máis, de sobremesa, atoparse con que a Rosa dos Ventos virtual non tiña nada que ver ca real? ou pasar do prato principal e quedarse co segundo, unha longa, feliz pero insulsa relación por internet con alguén que nunca sabería si era real ou non?
Pero ela retrasábase.
De súpeto a camareira, ca que tiña moita confianza, achegouse a el. “Mira, unha muller acaba de darme isto para ti” e deixoulle unha folla de papel dobrada na mesa. Era dela.
“Querido, debo pedirche desculpas. Son unha covarde, pero é que non podo facer isto. Prefiro manter a ilusión de que a ti e a min, xuntos, iríanos moi ben a que polo feito de nos coñecer en persoa vaiamos afastándonos así poucos, emporcallando a lembranza dos bos tempos que pasamos cando só había entre os dous unha pantalla de ordenador. Sei que son unha ilusa. Non quero ser outra cousa. Non te esquecerei nunca e espero que ti non o fagas: gardarei na miña memoria os bos recordos de algo que non existiu, de algo que non foi emporcallado polo lado escuro do ser humano. Ata sempre.
Rosa dos Ventos”








