UA-55725853-1

28 de feb. de 2012

Un ano…

Domingo 19 de febreiro. Mañá perfecta para pasala neste sitio.

Balneario de Monçao

O balneario de Monçao. Un pequeno e agradable balneario, nada do outro mundo… pero dabondo para pasar un bo momento: unha bañeira con hidromasaxe e baño de chocolate, unha masaxe con esencia de cacao, e a cara de felicidade extraordinaria que tes mentres tomas un te en albornoz con toda a tranquilidade do mundo.

E para rematar baños con chorros para soltar músculos, baños con hidromasaxe para tensar as peles, e baños turcos para  afirmar os tecidos. Xa fora un fermoso día de soleado inverno, un paseiño ata a o centro de Monçao.

Vistas de Monçao

No centro de Monçao, á procura dun pequeno restaurante chamado O Cabral, na rúa Primeiro de Decembro, un local que recomendaban en internet. Todo un acerto. Un marabilloso acerto. Arroz con rape, polbo á feira cun puntiño de pirixel que o facía delicioso e diferente, unha boa ensalada e uns bos cafeliños portugueses, porque, por moito que digan, non hai como un bo café portugués. Moi bo servizo, boa comida e moi bo ambiente. De seguro que volvemos.

Vistas de Monçao

Vistas de Monçao

Monçao é un pequeno pobo amurallado, con murallas como as de Valença, non tan ben conservado pero sen ese cheiro mercantil que ten o veciño pobo de Tui. Din que está moito mellor Melgaço, pero como aínda non o coñezo non podo opinar. Monçao ten o seu encanto porque no casco histórico as casas están tan preto dos muros que en moitos casos os propios patios das casas son o paseo das murallas.

En calquera caso un nunca encontraría algo así en Galicia… ou polo menos en Vigo, unhas murallas tan ben conservadas, con tanta curiosidade. Non sei porque pero paseando por Monçao un ve unha vila que se preocupa de ser o que sempre foi.

O miño e As Neves ao fondo

E logo está o miño, o río pai que tantas veces ten separado e unido a portugueses e galegos.

Reflexos de Monçao

En Monçao, como xa dixen, as casas quedan unhas veces á altura das murallas, pero outras por baixo delas, e iso dálle un encanto de lugar acolledor, tranquilo.

Porta na muralla de Monçao

Ou sería polas ovellas?

Ovellas na muralla de Monçao

Muralla de Monçao

Casco vello de Monçao

Este é o Convento dos Capuchos, no que hoxe en día hai un hotel rural que de seguro está moi ben.

Convento dos Capuchos

De paseo por Monçao

Hórreo en Monçao

No parque das termas

Despois de pasear un ratiño por Monçao, aproveitamos antes de que caera o sol para parar, camiño de Valença, no pobo de Lapela, que non ten gran cousa se non é pola fermosa vista do río Miño e pola vella torre de máis de 700 anos que é o único que queda dun castelo.

Na Torre de Lapela

Como podedes ver, a torre, e o que queda dos seus hórreos intégrase perfectamente na comunidade.

Na Torre de Lapela

A torre chámase A Torre de Belem do Minho.

Lapela e a súa torre

Na ecoruta

En Lapela descubrimos algo interesante do que xa tiñamos coñecemento pero que non alcanzábamos a entender o seu significado… a ecoruta… En Monçao atopamos, con sorpresa, que tiña estación de tren, pero non había vías. En Lapela atopamos outra estación de tren tamén sen vías e cun camiño que era usado polos veciños, por ciclistas facendo ruta, polos nenos cas súas bicis… É unha antiga liña ferroviaria agora transformada en ruta turística, sobre todo para ciclistas, que vai dende Valença ata Monçao e parece ser que está moi ben, con áreas recreativas en todo o camiño, con baños públicos e ben sinalada.

Pode ser que non sexan tempos para dicilo… pero menos mal que nos queda Portugal… canto temos que aprender deles os ibéricos.

Na ecoruta

Ao final do día, xa co sol caendo río abaixo, chegamos a Valença e paramos a tomar unha pequena merenda nunha desas pastelerías portuguesas cheas de xente… e con razón.

Merenda en Valença

E diredes vos… que por que todo isto, por que o día no balneario e o título… ben, porque apetecíanos regalarnos un día sinxelo e relaxado pero diferente, porque ese domingo día 19 celebramos que levábamos un ano casados…

Só quero engadir unha cousa, pero é para Lupiña, así que todos os demais non podedes seguir lendo… moitas grazas por todo nena, por este ano, pola vida ao teu carón, non podo desexar e querer muller mellor ca ti… como di Sabina, “non cambio París pola miña aldea”…

27 de feb. de 2012

22 de feb. de 2012

Filloas e orellas

Días de enfroido. Onte tocou facer orellas e hoxe tocou filloas. A que teñen boa pinta? Bo proveito!

Partido Patronal

Que conste que non teño nada en contra dos boitres, eh!

Por certo, gustaríame que botásedes unha ollada a este enlace onde podedes ver uns gráficos moi chulos da UGT nos que se explica moi claramente a reforma laboral (ou esclavista) do PP. A cousa dá medo!!!

Reforma Laboral: gráficos explicativos.

17 de feb. de 2012

Reforma laboral (II)

Co galo da entrada de antonte sobre a reforma laboral, gustaríame engadir unha lista de porque o goberno do PP vai ser o peor goberno da historia da democracia española:

  • Reforma da lei de costas: venta da costa española de saldo a todo promotor que se precie e como consecuencia a súa transformación no novo muro da vergoña.
  • Protección das touradas como ben cultural.
  • Reducción de todas as financiacións do estado (ciencia, cultura, sanidade, educación, etc), agás a igrexa que aínda por riba o ano que ven vai recibir máis cartos.
  • Renovación da asignatura “Educación para a cidadanía” porque era unha asignatura adoctrinante e reintroducción da relixión nas aulas (que non é adoctrinante).
  • Suba do IRPF e unha non descartada e futura suba do IVA.
  • Anulación dos dereitos adqueridos polas mulleres en relación co aborto.
  • Anulación da lexislación do matrimonio entre persoas do mesmo sexo.
  • Insistencia en que a solución da crise pasa por manter o antigo sistema económico baseado na precariedade e na construcción.
  • E moito máis ao que hai que lle engadir agravios como a celebración da condea do Xuíz Garzón polas escoitas do caso Gurtel ou, mesmamente, que os corruptos Camps e Costa saian limpos da súa imputación polo asunto dos traxes.

Chámame a atención, referido á xestión da crise por parte do PP, o listado de propostas da Xunta e o listado de propostas dos funcionarios da Xunta para o Anteproxecto de Lei do Goberno Galego que publicaba onte La Voz de Galicia na súa edición en papel:

XUNTA DE GALICIA FUNCIONARIOS
Todo o persoal do sector público autonómico excepto persoal de universidade. Todo o persoal do sector público autonómico, órganos estatutarios, altos cargos, membros do Parlamento, dos Consellos e demáis órganos.
Supresión do cobro do 100% da baixa por enfermidade ata o día 21, agás accidente, enfermidade laboral e embarazo. Reducción do número de diputados de 75 a 60.
Reducción da xornada voluntaria para os funcionarios ata un máximo dun tercio. Ampliación a 11 meses dos períodos de sesións do parlamento.
Supresión do dereito a comedor e dos días libres por domingos e festivos traballados. Supresión dos pagos por asistencia a plenos ou a súa deducción por inasistencia.
Recorte de 3 dos 9 días por asuntos propios. Eliminación de pagos  por gastos de representación ou de libre disposición sin xustificación.
Supresión temporal do pago do plus de altos cargos. Reducción do persoal eventual nos gabinetes das consellerías ata un máximo de 5 persoas.
Supresión do fondo social. As campañas, publicidade ou propaganda como gasto e non como inversión.
Transparencia e publicación das retribucións e gastos nunha única páxina web.
Reducción do 50% das subvencións aos partidos políticos.
Eliminación dos complementos de xubiliación, poder exercer máis dun cargo público e outras medidas para altos cargos e membros dos órganos estaturarios.

Que vos parece máis razoable para reducir gastos? Eu diría que a proposta dos funcionarios, pero é que resulta que a Xunta, que quería negociar… non aceptou de ningún xeito modificar a súa proposta nin aceptar un só dos puntos dos funcionarios… para que logo se fale mal deles…

É unha vergoña!!!

15 de feb. de 2012

Reforma laboral

Ata os collóns de todo o que sucede. Reforma laboral e goberno do PP gobernando para uns poucos un país cheo de xente que ten que pagar unha crise da que non ten culpa. Si empezo a escribir non paro... así que velai van as cinco grandes mentiras da reforma laboral que leo no blog Escolar.net, por Ignacio Escolar:

  1. A reforma non se fixo para crear emprego porque abaratar o despido en plena crise o que fará é disparar o paro. O verdadeiro obxectivo é forzar unha rebaixa dos soldos, devalando á forza traballadora española.
  2. En realidade a indemnización por despido baixa a 20 días por mes traballado ata un máximo de 1 ano, porque ese é o despido procedente, que é o que vai ser o máis habitual.
  3. En realidade a reforma ten efectos retroactivos.
  4. En realidade a reforma non garante a seguridade dos traballadore porque en certo modo legaliza o acoso laboral xa que permite situacións nas que os empresarios podan cambiar unilateralmente o horario, as funcións ou o soldo dos traballadores e se non estás de acordo, entón despido procedente.
  5. E a quinta grande mentira é a que soltou o PP durante toda a campaña electoral, cando dicían todos eles, que España non necesitaba facilitar o despido se non fomentar a contratación, ou que se necesitaba un goberno previsible que sempre diga a verdade...
Pero é que aínda é mais... como di Joaquín Estefanía no País do 13 de febreiro de 2012, que ten o decreto de reforma do Estatuto dos Traballadores que fomente o emprego? Nada, porque o que realmente fai é converternos en traballadores precarios. O único que busca esta desequilibrada reforma laboral é favorecer aos empresarios e que os traballadores afundemos tanto no negro burato no que xa estamos metidos que pensemos que non temos ningún outro lado ao que ir.

Un exemplo claro do que está a pasar é o 11S... o perigo do terrorismo descontrolado fixo que os cidadáns do primeiro mundo renunciásemos a parte da nosa liberdade na procura dunha maior seguridade. Agora, ca crise e ca reforma, renunciamos a moitos dos nosos dereitos laborais e aceptamos ser uns traballadores máis parecidos a escravos na procura de reducir as listas do paro. Porque o certo é... que hai paranoia a perder o traballo.

En realidade entra nos plans do executivo reducir o paro con esta reforma, tal como lin por algún lado onte: a reforma fará doado despedir aos maiores de 30-40 anos, traballadores con moitos dereitos laborais adquiridos, e doado contratar traballadores novos sen experiencia nin antigüidade. Mentres o goberno espera que se reduza a presión dos mercados grazas a tan marabillosa reforma, e así, ao mellorar a economía do país, que as empresas podan contratar a eses traballadores de máis de 30 anos que a reforma mandou ao paro.

Así que... a min gustaríame dicir que non creo que a reforma cree emprego nin hoxe nin mañá, porque vai depender da boa vontade dos empresarios, é dicir, de que existan os grifóns, así que como me veña un traballador, votante do PP, a chorar pola reforma laboral do goberno de Mariano "Sastre" Rajoy, vai levar todos os sapos e culebras que estou acumulando por culpa de a crise. Se votaches ao PP vai chorar á Perbes. A reforma vaite foder a ti igual que a min pero eu polo menos teño dereito a me queixar porque eu non os votei.

13 de feb. de 2012

Vergoña de nacionalismo

É unha mágoa todo o que está a suceder co BNG, pero está claro que algo así tiña que suceder. E máis cando se pretende dirixir un partido ca idea fixa de que á única verdade é a propia. Penso eu que tratar de xestionar un partido político como o Bloque, no que hai varias correntes de pensamento non pode ser un acto de impor as ideas propias por moi acertadas que sexan, porque, un (ou uns, neste caso os da UPG) deberían partir do principio de que poden estar enganados.

Creo que o problema está claro: pensar que dirixir é o mesmo que impor. Non, non e non, porque hai algo máis importante aínda que é chegar a consensos e a pluralidade. Como pode pretender representar a unha poboación galega aberta, galeguista e plural un partido que fai calar a todas as correntes ideolóxicas menos a unha?

O bo dirixente é o que trata de representar a todos unificando criterios e xuntando, nunca separando, por moi difícil que sexa.

A UPG engánase totalmente e iso dáme moita mágoa porque vai facer que o Bloque desapareza na corrente deste maremoto que é a crise, que os nacionalistas quedemos orfos de representación na Xunta e no congreso e que os galegos só teñan que escoller entre dous partidos cando vaian votar (obviamente isto non é realmente certo, é unha exaseración).

Canto mellor non tería sido chegar a un consenso, a intentar representar a todas as partes? A única consecuencia real de todo isto vai ser perder aínda máis votos porque si xa antes había desencanto entre o votante nacionalista agora aínda haberá máis e menos votantes para o nacionalismo. Feijoo debe estar frotando ás mans e non polo frío que vai.

Por iso gustaríame pedirlle aos dirixentes do BNG, a pesares de que a miña voz non vai ser escoitada, a súa rectificación e que senten a negociar cas outras partes un novo Bloque que unifique, que ilusione, que aínda están a tempo, e que lembren unha cousa moi importante: que as ideas deben ser para que a xente loite e alcance obxectivos comúns non para que a xente as defenda como si elas mesmas sexan os obxectivos e o único importante. No BNG, o único importante deberían ser sempre as persoas, non as ideas.

Porque o BNG, como calqueroutro partido, existe para representar aos cidadáns en xeral e aos votantes, simpatizantes e afiliados en particular, non existe por si mesmo, e un partido que funciona na base da imposición de ideas nunca poderá ser un bo partido.

Cando chove

Fai algún tempo que mirei unha interesante película coral chamada “Na cidade”, do director catalán Cesc Gay. Un grupo de amigos que viven en Barcelona contan as súas vidas cheas de amores, de dores, de enganos (tamén para eles mesmos) e de segredos. O certo é que engancha, non perde ritmo en toda a metraxe e os diálogos son axeitados intelixentes e fala de cousas tan recoñecibles por todos mesmos como as nosas vidas.

Un dos momentos especiais é o final. O aniversario de Irene, unha das protagonistas, aínda que realmente todos os amigos son protagonistas. Ela está casada con Manu e teñen unha nena, pero ela non é feliz, algo do que non se decata Manu, porque ela ten un segredo que lle da esa inseguridade de non saber o que un quere.

Todos os amigos xúntanse para o aniversario dela e todos acoden á casa de Irene e Manu establecendo unha tregua, esperando ser felices durante un rato, e todos, todos, parecendo asumir os seus fracasos e os seus segredos, tratando de seguir adiante.

Pero tamén é un momento no que as tensións libéranse, sobre todo as de Irene. Que facer? Seguir ca súa historia segreda ou con aquel marabilloso home que tanto a quere? Lanzarse á incertidumbre da corrente na procura de novas sensacións ou acurrucarse na tranquilidade dunha relación estable na que en certo modo ten a certeza da felicidade? Traizoar o no a un bo home?

Manu regálalle unha bicicleta e ela, no medio da comida na fermosa terraza do ático no medio de Barcelona rompe a chorar. Manu vai detrás del, abrázaa e ela, de súpeto, como tamén lle pasa a todos os seus amigos, parece aceptar o que é, que no fondo quere moito a ese home.

E nesa escea xusto, nun desenlace sen palabras, pero con moita comunicación cando empeza a soar esta fermosísima melodía chamada “When it rains” de Brad Melhdau… co melancólico e evocador piano, como falando de que a vida é tráxica e triste pero o mesmo tempo decindo que no fondo a felicidade está en aceptármonos tal como somos.

Ao final non hai un desenlace real, ninguén sabe si Irene e Manu seguirán xuntos, si os amigos resolverán os seus problemas pero iso é en certo modo o bonito da película, que cada un saque as súas conclusións.

A miña é que resulta moi atraínte esa novidade da fantasía realizada, de atopar alguén que nos saque da monotonía, que transforme a nosa vida nunha aventura, pero que un día descubrimos que aquela nova vida transformouse en algo practicamente igual á vida da que fuxíramos e é nese momento cando nos decatamos do noso erro.

E que o tema “When it rains” é unha delicia que me levaba rondando pola cabeza dende que mirara “Na cidade”. Aqueles días, por máis que busquei non atopei nin o nome nin o autor… pero este sábado mirei unha película de Keanu Reeves e Sandra Bullock, “A Casa do Lago”, un tanzo melosa, pero cun argumento bastante bo e moi boa fotografía. E xusto nunha das partes máis intensas e máis importantes soou de fondo “When it rains”. E este sábado non parei ata que din co seu nome, e é por iso polo que quería compartila con vos.