UA-55725853-1

28 de feb. de 2012

Un ano…

Domingo 19 de febreiro. Mañá perfecta para pasala neste sitio.

Balneario de Monçao

O balneario de Monçao. Un pequeno e agradable balneario, nada do outro mundo… pero dabondo para pasar un bo momento: unha bañeira con hidromasaxe e baño de chocolate, unha masaxe con esencia de cacao, e a cara de felicidade extraordinaria que tes mentres tomas un te en albornoz con toda a tranquilidade do mundo.

E para rematar baños con chorros para soltar músculos, baños con hidromasaxe para tensar as peles, e baños turcos para  afirmar os tecidos. Xa fora un fermoso día de soleado inverno, un paseiño ata a o centro de Monçao.

Vistas de Monçao

No centro de Monçao, á procura dun pequeno restaurante chamado O Cabral, na rúa Primeiro de Decembro, un local que recomendaban en internet. Todo un acerto. Un marabilloso acerto. Arroz con rape, polbo á feira cun puntiño de pirixel que o facía delicioso e diferente, unha boa ensalada e uns bos cafeliños portugueses, porque, por moito que digan, non hai como un bo café portugués. Moi bo servizo, boa comida e moi bo ambiente. De seguro que volvemos.

Vistas de Monçao

Vistas de Monçao

Monçao é un pequeno pobo amurallado, con murallas como as de Valença, non tan ben conservado pero sen ese cheiro mercantil que ten o veciño pobo de Tui. Din que está moito mellor Melgaço, pero como aínda non o coñezo non podo opinar. Monçao ten o seu encanto porque no casco histórico as casas están tan preto dos muros que en moitos casos os propios patios das casas son o paseo das murallas.

En calquera caso un nunca encontraría algo así en Galicia… ou polo menos en Vigo, unhas murallas tan ben conservadas, con tanta curiosidade. Non sei porque pero paseando por Monçao un ve unha vila que se preocupa de ser o que sempre foi.

O miño e As Neves ao fondo

E logo está o miño, o río pai que tantas veces ten separado e unido a portugueses e galegos.

Reflexos de Monçao

En Monçao, como xa dixen, as casas quedan unhas veces á altura das murallas, pero outras por baixo delas, e iso dálle un encanto de lugar acolledor, tranquilo.

Porta na muralla de Monçao

Ou sería polas ovellas?

Ovellas na muralla de Monçao

Muralla de Monçao

Casco vello de Monçao

Este é o Convento dos Capuchos, no que hoxe en día hai un hotel rural que de seguro está moi ben.

Convento dos Capuchos

De paseo por Monçao

Hórreo en Monçao

No parque das termas

Despois de pasear un ratiño por Monçao, aproveitamos antes de que caera o sol para parar, camiño de Valença, no pobo de Lapela, que non ten gran cousa se non é pola fermosa vista do río Miño e pola vella torre de máis de 700 anos que é o único que queda dun castelo.

Na Torre de Lapela

Como podedes ver, a torre, e o que queda dos seus hórreos intégrase perfectamente na comunidade.

Na Torre de Lapela

A torre chámase A Torre de Belem do Minho.

Lapela e a súa torre

Na ecoruta

En Lapela descubrimos algo interesante do que xa tiñamos coñecemento pero que non alcanzábamos a entender o seu significado… a ecoruta… En Monçao atopamos, con sorpresa, que tiña estación de tren, pero non había vías. En Lapela atopamos outra estación de tren tamén sen vías e cun camiño que era usado polos veciños, por ciclistas facendo ruta, polos nenos cas súas bicis… É unha antiga liña ferroviaria agora transformada en ruta turística, sobre todo para ciclistas, que vai dende Valença ata Monçao e parece ser que está moi ben, con áreas recreativas en todo o camiño, con baños públicos e ben sinalada.

Pode ser que non sexan tempos para dicilo… pero menos mal que nos queda Portugal… canto temos que aprender deles os ibéricos.

Na ecoruta

Ao final do día, xa co sol caendo río abaixo, chegamos a Valença e paramos a tomar unha pequena merenda nunha desas pastelerías portuguesas cheas de xente… e con razón.

Merenda en Valença

E diredes vos… que por que todo isto, por que o día no balneario e o título… ben, porque apetecíanos regalarnos un día sinxelo e relaxado pero diferente, porque ese domingo día 19 celebramos que levábamos un ano casados…

Só quero engadir unha cousa, pero é para Lupiña, así que todos os demais non podedes seguir lendo… moitas grazas por todo nena, por este ano, pola vida ao teu carón, non podo desexar e querer muller mellor ca ti… como di Sabina, “non cambio París pola miña aldea”…

Ningún comentario :

Publicar un comentario