UA-55725853-1

13 de feb. de 2012

Vergoña de nacionalismo

É unha mágoa todo o que está a suceder co BNG, pero está claro que algo así tiña que suceder. E máis cando se pretende dirixir un partido ca idea fixa de que á única verdade é a propia. Penso eu que tratar de xestionar un partido político como o Bloque, no que hai varias correntes de pensamento non pode ser un acto de impor as ideas propias por moi acertadas que sexan, porque, un (ou uns, neste caso os da UPG) deberían partir do principio de que poden estar enganados.

Creo que o problema está claro: pensar que dirixir é o mesmo que impor. Non, non e non, porque hai algo máis importante aínda que é chegar a consensos e a pluralidade. Como pode pretender representar a unha poboación galega aberta, galeguista e plural un partido que fai calar a todas as correntes ideolóxicas menos a unha?

O bo dirixente é o que trata de representar a todos unificando criterios e xuntando, nunca separando, por moi difícil que sexa.

A UPG engánase totalmente e iso dáme moita mágoa porque vai facer que o Bloque desapareza na corrente deste maremoto que é a crise, que os nacionalistas quedemos orfos de representación na Xunta e no congreso e que os galegos só teñan que escoller entre dous partidos cando vaian votar (obviamente isto non é realmente certo, é unha exaseración).

Canto mellor non tería sido chegar a un consenso, a intentar representar a todas as partes? A única consecuencia real de todo isto vai ser perder aínda máis votos porque si xa antes había desencanto entre o votante nacionalista agora aínda haberá máis e menos votantes para o nacionalismo. Feijoo debe estar frotando ás mans e non polo frío que vai.

Por iso gustaríame pedirlle aos dirixentes do BNG, a pesares de que a miña voz non vai ser escoitada, a súa rectificación e que senten a negociar cas outras partes un novo Bloque que unifique, que ilusione, que aínda están a tempo, e que lembren unha cousa moi importante: que as ideas deben ser para que a xente loite e alcance obxectivos comúns non para que a xente as defenda como si elas mesmas sexan os obxectivos e o único importante. No BNG, o único importante deberían ser sempre as persoas, non as ideas.

Porque o BNG, como calqueroutro partido, existe para representar aos cidadáns en xeral e aos votantes, simpatizantes e afiliados en particular, non existe por si mesmo, e un partido que funciona na base da imposición de ideas nunca poderá ser un bo partido.

Ningún comentario :

Publicar un comentario