UA-55725853-1

20 de feb. de 2013

Xogos de gatos

Non podo resistirme a publicar estas fotos que tirei o pasado xoves.

Unha tarde de sol despois de tantos días de choiva invita ao xogo na herba e a recrearse, cámara en man, con estes xogos.

Non faltaron bos momentos. Primeiros planos, por exemplo, porque non hai gato que se resista a deixarse quentar polo sol que xa empeza a cheirar a primaveira e así é fácil achegarse a eles ca cámara... ás veces parece que lles encanta posar tranquilamente.

E tampouco faltaron pequenos desafíos nos que aproveitar para practicar ca profundidade de campo, algo parecido ao que se facía nas pelis de vaqueiros no momento do duelo. Un dos pistoleiros en primeiro plano pero desenfocado, de costas, e o outro ao lonxe, enfocado... ese é o que tes que mirar, porque é o bo, ou o feo... ou o malo, e esa tensión electrizante entre os dous, xusto antes de que saquen as pistolas, ou salten un contra o outro!

Aclaración, neste duelo gatuno non hai nin bo, nin feo, nin malo... bos os dous, e como moito fermosa e protestón.

E si sacamos unha escena de pose sincronizada?

Como sempre despois da loita... os cariños... que non falten nunca!! Non sería este un mundo mellor se na loita non morise ninguén, nin houbese humillados, tan só a honra de recoñecerse perdedor e que despois de loitar sen trampas se acabase todo cunha aperta?

E outro exemplo máis do poder da profundidade de campo: o protagonista que ten que marchar, solitario, mentras o resto das personaxes, van quedando atrás, desenfocadas...

Quen non se lembra de aquela peli, Duelo al Sol, con aquel terrible e apaisoado final co bico derradeiro entre os moribundos Lewton (Gregory Peck) e Pearl (Jennifer Jones)? Aquí sería máis ben Duelo ao Solpor... encántame como a dourada luz perfila os corpos de Moqui e Chincha.

E ao final, o descanso do guerreiro aproveitando os últimos raios do sol e a calor do terrazo das escaleiras. Se fora unha peli do Salvaxe Oeste, estaríamos a mirar como o vaqueiro bo, que perdeu a súa pelexa, está a curarse das súas feridas, pensando nos seus erros e preparándose para un novo enfrentamento.

Aquí non hai nin pistolas nin rifles, simplemente gadoupas e colmillos, pero sen desenfundar, e dous gatos xa cansos, por fin, de tanto xogar e que saben que pouco falta para que caia o sol e que veña o frío da noite.

Ningún comentario :

Publicar un comentario