UA-55725853-1

27 de maio de 2013

Reconquista 2013 en baranco e negro... os ferreiros

Fai xa moitos anos vivín uns meses na pérfida Albión que ao final non resultou nin tan pérfida, nin tan fría, nin sequera flemática. Bon, algo si, pero o certo é que o Lake District é unha zona o suficientemente próxima a Escocia como para que os seus habitantes teñan outro ton que non teñen os de máis ao sur... Cumbria é o teito de Inglaterra e as súas montañas, colinas comparadas cas que hai ao norte do muro de Adriano, son o suficientemente altas como para marear a moitos británicos de pro. E supoño que iso imprime, tamén, aos que as habitan, un certo caracter máis, digamos, norteño.

Por aqueles días a miña residencia estableceuse nunha pequena cidade chamada Barrow-in-Furness, da que xa teño falado no blog, e foi alí, recorrendo os seus fermosos paseos, praias, illas, como aprendín a apreciar as "chips" e as cervexas inglesas, e tamén, o tabaco de liar... e naqueles marabillosos días que pasei alí, tamén aprendín a relacionar certo cheiro a carbón queimándose con aqueles mesmos sitios. Supoño que iso foi o que me levou na reconquista a botar un bo rato tirándolle fotos aos ferreiros, embriagado a partes iguais polo son enfeitizante do disparador e polo cheiro evocador do carbón queimando que inevitablemente me levaba de volta, tantos anos despois, á canle de Walney.

Tamén que un obradoiro é un recurso moi bo para fotografar... e tamén que me pediran eles que lles sacara unhas cantas fotos traballando... todo conta. E co galo pois saíron unhas cantas fotos que boas ou non polo menos poden ser ensinables... Por certo, eles son "Forja Galaica", dous rapaces que fan artesanía en ferro forxado, e son de Mos.

Ningún comentario :

Publicar un comentario