UA-55725853-1

23 de xan. de 2014

O conto de Daniel (3)

“Érase unha vez un neno que se chamaba Daniel e que tiña o pelo negro, lisiño e uns ollos alegres como dúas estreliñas que non pararan de sorrir en toda a noite. Daniel era un fervellasverzas porque non tiña parada, sempre estaba facendo algo, xogando o fútbol, xogando ás carreiras, andando en bici, subíndose ás árbores, nadando, saltando nos columpios. Os pais de Daniel non sabían que facer con el porque o neno, que xa tiña oito anos, nunca parecía cansarse, sempre correndo dun lado para outro, sempre xogando, sempre querendo facelo todo.

Un día Daniel chegou a casa moi pensativo e xusto despois de comer, na cociña, púxose en pe e lle dixo moi serio e moi estirado aos pais… “Mamá… papá, non vou durmir máis. Cando durmo deixo de facer un montón de cousas e por iso non quero volver a durmir”. E a nai de Daniel, que sabía que cando o seu fillo se lle metía algo nos miolos non servía de nada discutir con el mirou para o bulebule do seu neno e díxolle, “Vale, non te preocupes, hoxe pola noite podes facer o que ti queiras”.

Pero o pai de Daniel era un home moi formal e pronto entrou en cólera porque en que casa se mirara que un neno non durmise nunca, porque Daniel tiña que durmir para estar descansado e poder ir ao colexio todos os días, e así o home botou protestando un bo rato ata que pouco a pouco, como ninguén lle facía caso, foise cansando de protestarlle ao aire, e a súa dona, paciente, achegouse a el, deulle un bico e díxolle “non te preocupes cariño”.

Durante dous días cas súas dúas noites o impaciente fedello de Daniel non parou nin un segundo, correu pola casa, xogou con todos os seus xoguetes, fixo un puzle enteiro de mil pezas, leu dous libros, correu polo xardín, subiuse a todas as árbores, espantou a todos os animais da casa, deu duascentas voltas na bicicleta e outras cen correndo, todas elas, dende a primeira á última ao redor da casa, bañouse no río, correu polo piñeiral e logo xa na casa pintou todos os debuxos, xogou ca súa consola e volveu a correr e a xogar de novo con todos os seus xoguetes.

Pero á tarde do terceiro día a nai achegouse a Daniel e díxolle: “Sabes, hoxe son as bágoas de San Lorenzo, hoxe pola noite o ceo vaise encher de estrelas que caen e é tan fermoso que imos ir os tres a dar un paseo e miralas caer e vas ver tantas que non terás tempo de pedir un só desexo, poderás pedir cen”.

A cousa é que chegou o solpor, caeu o sol e os tres, Daniel e os seus pais preparáronse para saír a camiñar e mirar as estrelas errantes. Camiñaron os tres polo monte ata que chegaron a unha pedra moi grande e moi alta na que se miraban perfectamente todas as estrelas do ceo e tamén ese regato de leite que chaman os homes a Vía Láctea. A nai de Daniel botou dúas mantas no chan e deitáronse os tres agardando polas estrelas a caer.

E alí deitado, entre a súa nai e o seu pai, Daniel apenas tivo tempo de ollar pasar a primeira, de súpeto o cansazo puido con el, e comprendeu demasiado tarde que si un neno non durme e non ten paciencia, pódese perder as cousas máis fermosas do mundo, porque xusto cando desaparecía o rastro da estrela, Daniel pechaba os ollos rendido polo soño”.

O conto de Daniel (2)

Ningún comentario :

Publicar un comentario