UA-55725853-1

29 de ago. de 2013

Adeus muiños

Unhas fotos que levaba tempo querendo publicar dunha excursión do ano pasado aos muiños do Folón e do Picón. Para a lembranza das cousas fermosas que xa non están, que non existen. Non hai moito que dicir... agás... o fin de semana pasado quixen levar a uns amigos madrileños a patear a ruta, pero fixo bo tempo e os seus nenos pedían praia... xa nunca máis poderán gozar deste lugar.

E dicir tamén... desexo que a todos aqueles que contribuiron e que contribúen interesadamente ao lume que mata os nosos montes, lles prenda lume a súa casa e que queden sen nada... Karma, anda... bota unha manciña ou dúas!!!!

28 de ago. de 2013

San Roque ten morto... longa vida a San Roque

Sen falta, a cidadanía vilagarcián debe tomar unha decisión inevitable... é necesario cambiarlle o nome a nosa festa maior... xa non pode ser San Roque, nin a Festa da Auga, nin pode seguir a ser Festa de Interese Nacional. Non pode ser porque San Roque morreu baixo toneladas de lixo, de botellas rotas e valeiras, baixo litros e litros de alcol verquidos nas súas rúas que nin as augas que a refrescaron foron quen de levar. San Roque morreu, e con el a Festa da Auga... e a rei morto, rei posto... Viva o novo rei Megabotellón de Arousa Party!!

Hai que deixar paso á modernidade, aos novos tempos e nestes que veñen, de rapaces desalentados e desencantados co negro futuro que ven, beber ata reventar é tan importante como comer ou durmir todos os días... o alcol sustituíu á verde esperanza das posibilidades futuras, porque onde non hai posibilidades tampouco hai esperanza. É mellor beber e beber ata caer e durmir en calquer lado sen máis preocupación que a resaca que virá ao día seguinte ou se hai outra nova festa. Mellor que...? mellor que calquer cousa que veña porque de seguro que o que ven é unha verdadeira merda... Prince debería engadir unha nova frase ao seu mítico Times...

O peor é que realmente os novos da nosa sociededade tan só reflicten o que teñen diante: coidado co que dis, os nenos escoitan. Os rapaces adolescentes tamén. Temos unha sociedade despreocupada, que non se para a pensar nas consecuencias, dun individualismo demasiado xeralizado, e da que o primeiro desencantador é o noso governo. Neste caso o municipal. Vale, aceptamos que o macrobotellón no que se ten transformado a festa de San Roque en Vilagarcía é incontrolable, que só pode morrer por el mesmo... entón, que hai que facer? Colaborar con el... e nese sentido, si hai algo peor que o macrobotellón iso é a desidia municipal: cómo pode ser que ao día seguinte da superfesta aínda estivese sen recoller a maior parte da merda que deixou atrás? Esa mesma tarde limpáronse a rúa dos viños, as rúas polas que pasaría a procesión e a praia (daquela maneira)... e só ao día seguinte o resto... non podedes imaxinar o deprimente que era Vilagarcía cos paseos marítimos cheos de xente e cheos de merda. Tristísimo. E todo para que? Para que os locais de copas, os restaurantes, os bares fagan caixa? Cal é o custe real? Que custe ten a merda acumulada durante días? Tanto custa contratar á xente necesaria para deixar Vilagarcía completamente limpa a última hora da tarde? O problema é a xente pero tamén os políticos que non asumen as súas responsabilidades.

Se esta é a sociedade que eu teño contribuído a facer, eu cada vez teño menos gañas de vivir nela, rodeado de xente desencantada tola por atopar con que evadirse e chea de políticos incompetentes que non valen nin están preparados para os cargos que ocupan e que o único que fan e aproveitarse do medo e da indiferencia da xente. Canto lixo!!!

23 de xul. de 2013

Vijay Iyer Trio

Onte fun a Pontevedra ca intención de escoitar bo Jazz pero ao final non foi como eu esperaba... non escoitei bo Jazz... escoitei o mellor Jazz de actualidade. Sempre tiven a sensación, ou mellor dito sempre sentín a terrible decepción de non poder escoitar aos grandes do Jazz en directo, de que iso é algo dun pasado un pouco de conto... que ver a Miles Davis ou a John Coltrane só pode ser algo que che conten... onte desapareceu esa sensación sustituida por unha nova... a grandiosa sensación de que tras escoitar a Vijay Iyer serei eu o que eu conte, no futuro, que vin a un dos grandes unha noite do ano 2013 en Pontevedra. Agardo non sexa a única.

O certo é que levo unha extraña tempada de Jazz... tres tríos tres e os tres formados por piano, baixo e batería. O primeiro liderado polo batería, Ari Hoenig Trio. O segundo liderado polo baixo, un trío da terra, Quim García Trío. E o terceiro, este, liderado polo pianista. Non podo queixarme de ningún deles... pero o certo é que o pianista americano de ascendencia india gaña aos outros con diferencia... acompañado dun baixo como poucos, dos que saben facer sonar o baixo e que logra alternar con maestría as cordas pulsadas co arco, e dun batería que nada ten que envidiar ao virtuoso Ari Hoenig, Vijay Iyer é un pianista exquisito, que sabe apurar as notas do seu piano pero que non lle ten medo ao minimalismo, logrando aforrar notas sen perder interese algún. Un pianista que sabe repartir protagonismo cunha sinxeleza que fai pensar que ningún dos membros do grupo está por riba dos outros...

É unha música... eu, volo digo en serio, houbo un momento en que chorei... cunha peza da que non lle sei o nome pero que foi sublime. A música deles, incluso cando fan versións, é fresca, diferente, alegre a ratos e logo morriñenta, e, a diferencia de outros, resulta tan nova, tan creativa que é difícil de creelo!

Aínda hoxe estou alucinando... as pezas pasan con delicadeza dos momentos caóticos que non resultan para nada indixeribles á melodía principal que claramente estaba aí dende o principio para ir pasando lentamente a un clímax ou varios que che envolven e che arrastran llentamente arrolándote con armonías que pensabas que eran imposibles... aquí vos poño un exemplo... para que entendades mellor o que vos trato de explicar... alucinade e escoitade... e arrepéntidevos aquelos que non poidéchedes ou non quixéchedes ir ao concerto...

Vijay Iyer Trio - The Star of A Story

6 de xuño de 2013

O Deus Ouro

"In gold we trust" pon na porta dunha tenda de compra de ouro... dixo Lope de Vega, "No quiso la lengua castellana que de casado a cansado hubiese más de una letra de diferencia".

Así que parafraseando ao escritor, e non pode ser máis apropiado, do século de ouro... non quixo o demo que houbese máis que unha letra de diferencia entre GOD e GOLD... e así nos vai... cegados polo brilante metal.

E tanto confiamos nel que ata estamos convencidos de que encher a Galiza de buratos mineiros vainos sacar do gran burato no que nos ten metido a economía sin que a nosa terra sufra ningunha ferida grave. O arsénico, as balsas de residuos, as terras removidas e todo iso que fan as minas desaparecerán por arte de maxia do deus Ouro, todopoderoso deus moderno. Ilusos que somos, porque cando na Galiza non haxa terra limpa para plantar as patacas... comeremos entón o ouro?

29 de maio de 2013

Vilanova da Cerveira. Lendas e recordos.

Se vas para o sur seguindo ao Pai Miño, pero polo lado onde aínda se lle di Minho, hai un pequeno outeiro que se arrola suavemente no río, e no alto do outeiro unha pequena fortaleza, e protexido pola fortaleza e polo outeiro un pequeno pobo chamado Vilanova da Cerveira.

Se non esperas atopar en Vilanova un lugar especial entón levarás unha boa sorpresa: unha pequena vila, máis pequena do que parece pero cun grande encanto, como unha casiña de bonecas chea de cousas interesantes. A vella fortaleza medieval que domina ao Miño, as encantadoras rúas do casco vello, o recuncho da capela entre o río e a fortaleza, a feira dos sábados... o tranquilo paseo ao longo do río cas súas lanchiñas xogando infinitamente ao arre e sos. E os cervos.

Claro, dirás ti, iso xa o sabía eu, de aí o nome, e tamén de aí o cervo de ferro valedor da vila dende o alto dun monte e que se ve cando un vai co coche pola estrada, veña de onde veña. Si, alí hai unha chea de cervos, pero non dos que ti pensas...

Porque se vas para o sur seguindo ao Pai Miño, pero polo lado onde aínda se lle di Minho, hai días que a estrada é aburrida e ata fea porque non ves máis que eucaliptos e eucaliptos e só as veces logras intuír ao Miño alá abaixo. Pero hai outros días, cando a noite ben pecha che colle cruzando a fronteira en Valença, en que as sombras enchen de segredos eses aburridos montes diúrnos e a néboa, pesada, levántase dende o Miño, e nos que o camiño do sur pode levarte a unha sorpresa inesperada. Tes que ir cos ollos ben abertos, esperto, atento o volante, porque de súpeto, antes ou despois de Vilanova, notarás, aínda dentro do coche, o enfeitizante cheiro de algo salvaxe e sen te decatar soltarás o pe do acelerador mentres recorre o teu corpo a inexplicable sensación de que algo está a piques de ocorrer. E entón, saíndo por moreas de entre as árbores do camiño, pasarán ante ti, atravesando as luces do teu coche, os cervos.

Cervos de todos os tamaños, diminutos como gatos, xigantes como osos, translúcidos como sombras, saídos dos soños máis fantásticos e tamén claros e reais. Cervos engalanados de imposibles xigantescas cornamentas ou de ridículos novos cornos, con longuísimas guedellas que parecen non parar de pasar. Cervos, en fin. Aínda pasará un bo rato ata te decatar de que, inexplicablemente, non fan ruído algún, de que non hai golpes de cascos, nin berros, pero que tampouco se escoita o vento, nin as polas das árbores, nin o chío da curuxa, e entón empezarás a te decatar de que xa fai un bo rato que estás alí parado co coche, no medio da estrada que vai de Valença a Caminha e que aínda non pasou ningún outro coche. Nese momento, nese preciso momento tremerás como un neno polo arrepío que atravesará o teu corpo, unha mestura de medo ao descoñecido e abraio polo sorprendente, e comezarás, so entón, pouco a pouco, a entender que o que estás a ver non ten nada que ver co mundo real.

Se cadra agocharaste no chan do teu coche e empezarás a chorar e logo, ao día seguinte sentirás unha enorme tristura que nunca serás quen de entender. E se cadra, por riba do medo, a fascinación e a curiosidade obrigarante a saír do coche para ollar máis de preto aos incribles e fantasmais cervos. Ficarás a uns pasos deles, ca boca aberta, non sendo quen de artellar unha soa idea do que acaba está a acontecer, e, tan subitamente como apareceu, a recua deixará de pasar. Sentirás, non o entenderás, unha abafante sensación de soidade e tristura, como se che levaran as forzas todas, pero aínda non terás tempo para pensar niso, porque de socate, maxestosamente, como un lóstrego, sairá de entre as árbores o último dos cervos, un moito maior que calquera dos que ten pasado antes, cos cornos dun tamaño sobrenatural e cheos de filigranas como un inmenso atrapa-soños, o das guedellas máis longas e a porte máis alta, e pararase ante ti co bafo saíndolle dos fociños. Mirará para ti cun ollar tan profundo, tan escuro que pensarás que tampouco dos seus ollos sae a luz e sentirás que ti estás alí dentro na súa escuridade e cando sintas que xa non hai nada máis que o cervo e ti empezará a falar…

A cuestión, amigo meu… e o que che dirá, por que ese cervo, cando fala, conta a cada quen unha cousa diferente, normalmente do futuro que ven. Hai a quen lle ten dito que vai morrer ao pasar a seguinte curva da estrada, ou que vai ser pai… eu que sei, os falares do cervo son moitos, cada quen escoita o que ten que escoitar e as cousas pasan sempre. Pero moitas veces hai que pagar un prezo. Porque, eu ben o sei, o cervo ese é un cachondo. Eu atopeino unha vez fai anos e díxome que eu ía contar unha grande historia, e pensei que chegaría a famoso novelista, e xa ves… o único que fago é contarlle a historia do cervo, aquí, na porta da miña casa, a quen a queira escoitar.

28 de maio de 2013

Reconquista 2013... o tecelán

Por desgraza as feiras temáticas tipo medieval como a Reconquista estanse a converter en rinconciños onde esmorecen languidamente vellos costumes e oficios que a nosa sociedade moderna ten esquencido nun recuncho do faiado da memoria. E non porque sexa malo que aínda existan artesáns convencidos en manter oficios ou agrupacións que recuperan costumes e que van a esas feiras a ensinar esas empoecidas antigallas, todo o contrario, a cultura esmorecente ten a UVI nos museos e nas mostras. Nestes tempos que corren é necesario un cambio de sistema e cada día que pasa estou máis convencido de que ese cambio ten que vir da man dun encontro entre o futuro e o pasado: coller o bo que nos ten dado esta moderna sociedade e amalgamalo co bo do pasado para facer algo novo. A tecnoloxía na súa xusta medida debullada de frivolidades innecesarias e todas as tradicións culturais, laborais e sociais que dende tempos anteriores á cruz teñen transmutado e evolucionado no que hoxe coñecemos como "cultura tradicional". Vos decatades de que o xeito de vivir dos nosos ancestros menos a dificultade por un baixo nivel tecnolóxico pode ser igual a unha vida de calidade? Dende este punto de vista o traballo etnográfico colle unha nova calidade: traballos como os de Chisco, Leni, Luis Prego, Miguel Souto, Mercedes Peon, Montse Rivera, María Prego... e unha lista que si empezo a escribir non me chegan vinte liñas son máis necesarios que nunca!

Mirando o tecelán das fotos lémbrome dunha cousa. Fai algún tempo editouse unha novela, unha enciclopedia novelizada máis ben, de tal nivel que ata Boris Izaguirre recomendouna. Chámase "Tempos de Arroz e Sal", e o escritor é Kim Stanley Robinson. Este señor escrebe ciencia ficción estricta... iso é ciencia ficción tratando de cinguirse á realidade física na que vivimos, pero este libro é un libro de historia... paralela. É o que se chama unha "ucronía", un, como dirían os da Marvel, "what if...?", é dicir, que pasaría. Que pasaría se a peste matase a todos os europeos e no mundo as dúas grandes potencias históricas e civilizadoras fosen China e o mundo árabe? E así, respondendo a esta pregunta o escritor conta esa historia da humanidade paralela, na que os descubrimentos científicos, as grandes guerras, o pensamento filosófico vai sendo desenvolvido por uns e outros... América é descoberta polos chineses pero como o recorrido do Pacífico é maior a conquista nunca é total e os nativos americanos teñen tempo de se organizar e acaban por conservar o seu continente orixinal.

E que ten que ver un tecelán con isto?, diredes vos. Pois a trama e a urda... esa sociedade de nativos americanos é unha sociedade atomizada en tribos-nazón que levan toda a vida loitando entre eles... tan lonxe están do concepto de nazón actual. Pero entón, no momento xusto alguén crea o concepto de trama e urda. A trama é o fío que se cruza con outros dous e queda así atrapado. Cada fío da tea ten a súa trama, está collido por outros dous. A urda e o conxunto de fíos paralelos e así cada tecido ten dúas urdas. O que lle da forza á tea e iso, a trama e a urda: cada fío por si só é feble, pero na tea... é como unha parede. No libro, as tribos deseñan unha sociedade baseada no deseño das teas: cada individuo pertence a unha trama, a unha tribo, individuos ca mesma orixe, fíos paralelos, pero ao mesmo tempo cada invidiu pertence a un grupo transversal, a trama, e así cada individuo queda dobremente enlazado, creando unha sociedade máis forte, máis resistente. Teñen un doble fluxo de responsabilidade e lealtade, un fluxo cruzado que os fai máis fortes. E non podería ser tamén este un concepto real que usar nunha nova sociedade da humanidade?

Trama e urda. Pasado e futuro. O entrelazado das cousas é o que nos pode levar por un novo camiño: ata agora os homes fixemos a nosa historia a golpe de hacha, de desentrelazar o fiado. Vai sendo hora de cambiar iso: é tempo de teceláns. As respostas están diante de nos, no que nos rodea, na natureza e tamén nas nosas tradicións. Só hai que saber mirar.

27 de maio de 2013

Reconquista 2013 en baranco e negro... os ferreiros

Fai xa moitos anos vivín uns meses na pérfida Albión que ao final non resultou nin tan pérfida, nin tan fría, nin sequera flemática. Bon, algo si, pero o certo é que o Lake District é unha zona o suficientemente próxima a Escocia como para que os seus habitantes teñan outro ton que non teñen os de máis ao sur... Cumbria é o teito de Inglaterra e as súas montañas, colinas comparadas cas que hai ao norte do muro de Adriano, son o suficientemente altas como para marear a moitos británicos de pro. E supoño que iso imprime, tamén, aos que as habitan, un certo caracter máis, digamos, norteño.

Por aqueles días a miña residencia estableceuse nunha pequena cidade chamada Barrow-in-Furness, da que xa teño falado no blog, e foi alí, recorrendo os seus fermosos paseos, praias, illas, como aprendín a apreciar as "chips" e as cervexas inglesas, e tamén, o tabaco de liar... e naqueles marabillosos días que pasei alí, tamén aprendín a relacionar certo cheiro a carbón queimándose con aqueles mesmos sitios. Supoño que iso foi o que me levou na reconquista a botar un bo rato tirándolle fotos aos ferreiros, embriagado a partes iguais polo son enfeitizante do disparador e polo cheiro evocador do carbón queimando que inevitablemente me levaba de volta, tantos anos despois, á canle de Walney.

Tamén que un obradoiro é un recurso moi bo para fotografar... e tamén que me pediran eles que lles sacara unhas cantas fotos traballando... todo conta. E co galo pois saíron unhas cantas fotos que boas ou non polo menos poden ser ensinables... Por certo, eles son "Forja Galaica", dous rapaces que fan artesanía en ferro forxado, e son de Mos.