UA-55725853-1

2 de feb. de 2012

Miles, Alan e José

Poucas veces as conexións máxicas son tan fermosas como neste caso.

Miles Davis, nace o 26 de maio de 1926 en Alton, Illinois, nunha familia negra de clase media en East San Louis. Empeza a estudar trompeta aos 12 anos. No ano 44, únese á banda de Billy Ekstine na que tocan Charlie Parker e Dizzy Gillespie. Ten 18 anos. Un ano máis tarde deixa os estudos e adicase definitivamente ao jazz.

Durante varios anos é músico de respaldo de Parker ou secundario en varios grupos pero en 1948 monta unha banda un tanto peculiar. Nove músicos: a súa trompeta, un saxo alto, un saxo barítono, un trombón, un corno francés e unha tuba, máis piano, contrabaixo e batería. Gravan un disco que nos máis tarde transformase no LP “Birth of the Cool”.

En 1955 xunta un quinteto con catro dos grandes. Un deles, John Coltrane. En 1958 contrata ao saxo Cannonball Adderley e forma un sexteto, que grava o disco “Milestones”. Entra no sexteto Bill Evans e un ano máis tarde crean “Kind of Blue” e Sketches of Spain, co que consegue nominacións e un premio Grammy.

Para este último LP, a inspiración chégalle a Davis por un espectáculo flamenco en New York e por escoitar “Concerto de Aranjuez”. Axiña el e Gil Evans empezan a preparar a súa creatividade escoitando música española e lendo libros… e sáelles un disco cheo de flamenco e de paixón, con versións de Falla e do mestre Rodrigo e cun peculiar tema, “The Pan Piper”.

Once anos antes de que nacera Miles Davis nace Alan Lomax, no ano 1915, en Austin, Texas.

A Alan a cousa víñalle de pai, porque é o seu vello, que tamén é etnomusicólogo, quen lle mete o demo de recoller e estudar o folclore americano no corpo. Con 16 anos, sendo universitario en Texas, empeza a acompañar ao seu pai polos estados do sur, gravando os blues e espirituais dos escravos negros de Texas, Luisiana e Misisipi.

En 1934 publica xunto seu pai o libro “American Ballads and Folk Songs”. Dende 1934 ata 1948 grava a diferentes intérpretes de EE.UU., de Haití, das Illas Bahamas, edita libros e discos, organiza certames de música, pero nos anos 50 o senador Joseph McCarthy empeza a súa caza de bruxas contra os comunistas, e como todo o malo ten o seu reverso bo, Alan Lomax, de ideas de esquerdas, investigado polo FBI, decide pasar unha tempada por Europa… e que podía facer no vello continente? Pois o mesmo que facía no novo, recoller folclore.

Así empeza recollendo material sonoro nas Illas Británicas pero alí tamén o investiga o MI5 e cando Columbia Records dille que para publicar os seus traballos necesitan unha gravación de música española, decide que España tamén pode ser un bo campo de traballo. Así, a pesares da oposición do réxime de Franco, apesares de ser vixiado día e noite pola Garda Civil, durante os anos 51, 52 e 53, fai recollidas en Aragón e Valencia, en Euskadi, en Navarra, nas Baleares, en Andalucía, en Extremadura, en Castela, e como non, na Galiza.

Fisterra, Cangas, Redondela, Leiro e Ribadavia, Ourense, Sobrado do Bispo, Solveira ou Luintra, son algúns dos lugares por onde pasa Lomax. E en Faramontaos, no concello de Carballeda de Avia según aparece na páxina Cultural Equity que recolle o traballo de Lomax, ou, diría eu, no concello de Noqueira de Ramuín.

De alí debía ser José María Rodríguez. Un home duns trinta anos, que sabe que naceu nos anos 20 pero que non tiña certeza. Curtido de andar nas estradas da comarca e de traballar dende neno nas leiras, nas casas dos caciques e dos curas, apenas sabe ler nin escribir, pois, como moitos nenos da súa época, na súa casa son moitos e todos teñen que traballar para traer algo de comida.

Pero a José dáselle ben a música e pronto aprende a tocar a gaita. Gaiteiro en Ramuín, vai de pobo en pobo, polas foliadas ou polas festas, ca súa gaita, unhas veces tocando por diversión e outras cobrando algún peso. E tamén de pobo en pobo, traballa, ao xornal, ou capando porcos ou galos, traballo no que collera sona de habilidoso, ou afiando coitelos ou navallas e arranxando paraugas ou potas.

Se cadra, foi casualidade, pero o 27 de novembro de 1952, martes, entra en Faramontaos tocando o seu chifro ben forte, que todos os veciños saiban que chegou o afiador, ou o capador. E se cadra, si que foi casualidade, coincide que ese día pasa por alí un home chamado Alan Lomax, americano, que quere gravar sons tradicionais e que queda enfeitizado ca melodía do chifro de José.

E posiblemente aquel día José non afia nin capa, pero si que senta diante do micrófono e toca, diante de aquel raro home, con mestría e sinxeleza, no seu chifro, a melodía ca que se anunciaba polos pobos, unha melodía que tamén tocaba na gaita cando o contrataban para ir de alborada nas festas, a “Alborada de Vigo”.

Alan Lomax tamén grava a José falando e cantando cantos de arrieiro en Luintra, e con todo o material, un ano máis tarde, edita un disco: “Folk Songs of Spain, Vol 8: Galicia”.

E como son as cousas… Miles Davis, que estaba a procura de documentación para o seu disco “Sketches of Spain”, seguramente merca a colección “Folk Songs of Spain” enteira, e cando escoita a melodía tocada por José, el (en realidade o seu compañeiro, Gil Evans), un home cun marabilloso sentido para desenrolar esquisiteces musicais, queda tan sobrecollido que decide improvisar sobre “Alborada de Vigo” a deliciosa “The Pan Piper”, e así, como quen non quere a cousa, quedan unidos para sempre Miles Davis, famoso Jazzman americano, Galiza e José María Rodríguez, afiador e capador ourensán.

Nos seguintes vínculos podederedes profundizar na nova:

http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=2532

http://www.nytimes.com/interactive/2012/01/30/arts/music/20120131-lomax-interactive.html?ref=arts

http://www.culturalequity.org/lomaxgeo/?go=set.10719

Sei que parte da historia é inventada pero o certo é encántame Miles Davis e non puiden resistirme a contar todo isto cando lin a nova nun enlace posto por Sèchu Sende no Facebook. Só quero rematar cunha frase de Alan Lomax sobre a súa chegada a España: "Todo son cuarteis polvorentos, descoidados, co mesmo cartel sobre as portas: 'Todo por la Patria'. Resulta tan forzado que un non deixa de preguntarse 'a patria de quen?' e basta botar unha ollada ás rúas para convencerse inmediatamente de que non é a patria deses homes extremadamente delgados, deses arrieiros en carros de cabalos, dese enxambre de vendedores de lotería".

Ningún comentario :

Publicar un comentario