UA-55725853-1

1 de feb. de 2012

Paseo Dominical

Este tempo soleado en pleno inverno invita a sair a rúa, a aproveitar a calor do sol e a alegre luz que ilumina os prados e que fai misteriosos xogos de sombras nos bosques.

Para o frío e a oscuridade xa temos a noite e máis eu que levo casi unha semana traballando en turno nocturno.

Así que este domingo collín o coche do meu pai e a cámara de fotos e lanceime pola estrada na procura dun sitio agradable onde pasar o rato e o sitio agradable foi as Torres do Oeste, o Castellum Honesti que defendía Santiago das incursións vikingas e sarracenas.

Supoño que todos coñeceredes as vellas torres, é unha das estampas máis coñecidas da nosa terra, as tres torres medio caídas e a capela pegada a unha delas. Pero moitos de vos de seguro que nunca fúchedes alí, e por iso vos teño que contar que tamén hai un pequeno bosque de loureiros, un marabilloso recuncho que adoro, no que pasar un agradable rato, mirando como cae o sol polo río Ulla abaixo, xusto ao fondo da ría de Arousa.

O pequeno bosque de loureiros e as ruínas levántanse nunhas pedras non moi altas que quedaban separadas de terra por un pantano, que facía do castelo unha fortaleza imposible para os que quixeran atacala. Desa fortaleza, que antaño tivo sete torres e altos muros, apenas queda nada e onde antes había soldados con espadas e arcos, agora, cada primeiro de agosto, hai paisanos e visitantes cheos de viño e dispostos a facer unha boa festa.

Supoño que iso da Romaría Vikinga fai que os veciños con terras cercanas busquen como sacar partido, e por iso aparecen cousas como o que atopei preto do aparcamento, un pequeno espazo entre as árbores valeiras de follas, un valado cheo de mesas alladas cobertas de plástico, madeiras mal postas, e lixo, que pretende ser unha sorte de merendeiro para aqueles romeiros dispostos a pagar un “eoro”. Entendo, que en verán, limpo para a festa, e cos árbores verdecidos, o sitio será outra cousa, pero aínda así, non deixa de ser un deses lugares vergoñentos da xeografía galega.

A tarde era longa, así que como tiña tempo decidín ir a outro lado que facía tempo non visitaba: ao Faro de Corrubedo, en Riveira, un Finisterre máis modesto, co seu pequeno faro de branca cúpula e a torre das sinias sonoras xa en desuso, oxidándose polo paso do tempo e pola bravura do océano.

Parece ser que non só foi unha boa tarde para pasear e tirar fotos. Tamén era unha boa tarde para por a remollo anzois e sedais, para alimentar aos peixes cos cebos, e probar, se cadra, a coller algún para a cea.

Ningún comentario :

Publicar un comentario