UA-55725853-1

6 de maio de 2014

A vella bicicleta (3)

Aña Urbana Pontevedra 2014 059

Apoiada no vello castiñeiro hai unha bicicleta vermella. Xa non é nova pero só mirando de preto un podería decatarse de que foi pintada recentemente cun coidado e delicadeza que volveu a darlle aires de bicicleta que non vai nada que se mercou. Ao seu carón o home vello bebe con tranquilidade dunha botella de auga mentres olla no ceo como o sol apura as últimas horas da tarde igual que el apura os últimos días do verán que pronto deixará paso ao outono. Aínda os días son longos e vai calor, pero xa as noites son frías e nótase como a nova estación vai anunciando que chega cun eco do Concerto nº 3, op. 8 de Antonio Vivaldi ao lonxe.

O sol comeza a achegarse ás montañas do fondo do estreito val deixando ao seu paso sombras cada vez máis longas que se irán estirando pouco a pouco cara o final da tarde ata que por fin reconquisten os lugares que ca aurora lle foran arrebatados. Tamén o ceo vai escurecendo de vagariño pero con resistencia inversa, que non marche o sol reclama, e nesa loita por seguir sendo azul xa empeza a volverse laranxa e pronto derramarase o primeiro sangue. Debe ser que non lembra que todas as noites o sol déixalle, como nocturno regalo, un velo engalanado en brillantes vagalumes.

O vello dáse á volta e olla para a bicicleta. Non quere deixar de mirar para ela. Representa dúas cousas. Por un lado todo o esforzo, toda a súa obsesión dos últimos catro meses de duros traballos para recuperar o que unha vez foi aquela vella bicicleta. Polo outro, representa a lembranza máis importante da súa vida. Son dous feitos entrelazados entre si, porque eses traballos por traer de novo á vida á súa vella bicicleta fixeron aínda máis presente aquela vella lembranza da súa dona, o recordo daquela marabillosa muller.

Cando aquela mañá de primavera sacou a vella bici do pequeno alboio só tiña en mente limpala de arañeiras e de po e levala para un sitio da casa máis apropiado. Colleu un pano húmido e empezou a pasalo polo cadro, pola sela, tan só quería limpala un pouco, apenas dez minutiños de limpeza que tiña moito que facer aquela mañá. Pero pronto empezou a decatarse dos detalles, do po que se acumulaba nas xuntas, polas partes baixas, no aro das rodas entre os radios e sen case pensalo decatouse de que non valía con limpala un pouco, realmente era necesario pararse e deixala completamente limpa, e así a limpeza da vella bicicleta converteuse nun traballo preciso, exquisito… puntilloso que levou varias horas de aquel día.

Ah, pero cando rematou pensou no fea que lucía a bicicleta xa case sen pintura e toda chea daquelas pintiñas de ferruxe que case enchían o cadro e o guiador, e tamén pensou que se non as quitaba non tardarían en facerse máis grandes e que pronto chegarían ao interior e ese sería o fin da bicicleta. Total, canto lle podería levar pasarlle unha lixa? Máis tempo do que pensou. Probou primeiro cunha de papel pero era un traballo duro, interminable, polo que colleu o trade eléctrico e púxolle o cepillo e con moita delicadeza e paciencia foi limpando aqueles puntiños marróns, foi quitando a pouca pintura azul que aínda quedaba. E foi así que unha simple limpeza converteuse nunha complexa restauración, e o seu obxectivo vital durante varios meses.

Así foi que cousa levoulle o seu tempo porque tivo que desmontar a bicicleta enteira para poder separar certas pezas como os aros das rodas, como o guiador, como a sela. Tratou de arranxar os dous cambios pero estaban tan enferruxados que non lle quedou outra que mercar uns novos… o mesmo lle pasou cos freos e as dúas coroas de engrenaxes. Tamén tivo que cambiar os rodamentos, e os cables e a vella sela que estaba chea de furados polos que lle saía a escuma. E os pomos do guiador e todos os radios xa que moitos estaban rotos ou dobrados. E como non as gomas das rodas que xa non valían para nada.

E logo de cambiar todas as pezas que xa non valían, de limpar a bicicleta da vella pintura e das pintas de ferruxe… tocou a quenda de darlle pintura, e ata niso o vello foi delicado, traballando sen presas ata que por fin un día, case catro meses despois, tiña diante a súa vella bicicleta que parecía nova como se nunca tiveran pasado cincuenta anos.

A vella bicicleta (2) A vella bicicleta (4)

A vella bicicleta (2)

Aña Urbana Pontevedra 2014 061

Corren a el vellas lembranzas nas que sae a vella bicicleta. Os tempos novos de paseos ao carón de antigas mozas buscando os agochos máis descoñecidos, as pozas para irse bañar espidos, os prados alleos libres de miradas indiscretas, o vello carballo que tan boa sombra daba e onde pasar tardes de bicos e abrazos, noites de paixóns desbocadas. E logo os tempos de andar a seguir a aquela fermosa loura que lle roubara o corazón unha tarde de setembro e que o levara con ela no cestiño de vimbio que colgaba do guiador daquela bicicleta colorada.

De aqueles tempos quedara unha imaxe gravada a ferro na súa cabeza.

Un día, baixando para as pozas, pinchou a roda de atrás… el estaba baixo un castiñeiro tratando de pegar un parche na cámara, ca cara e as mans negras de graxa da cadea, ca roupa toda engurrada e sucia, e no seu enfado, non pegaban os parches, metéralle unha boa patada a bici, e alí quedou a súa máquina, inocente erroneamente culpada, nun lado do camiño ca inútil cadea enredada nun mato de breixo. E de súpeto pasou ela, cunha saia clara que case deixaba ver os xeonllos cando a perna pasaba polo alto da pedalada, cunha blusa branca como a neve e unha rebeca do azul dos seus ollos, sobre a que voaba, libre, aquela melena loura, longa, salvaxe, que tanto se afanaba a aboa por que sempre a levara recollida con lazos, ela montada sobre a súa nova bicicleta vermella con cesto de vimbio… pedaleando sen presas, ergueita na sela, como se fose unha señorita das da cidade. Pasou indiferente á súa desgraza, como se non houbese ninguén a reparar unha roda baixo o carballo, pero el logrou ollar, na súa fermosa cara, apenas un segundo, un sorriso divertido.

Despois diso… os días pasaron entre paseos nos que el a seguía ao lonxe, estando pero sen estar, miradas atrevidas, tímidas, e ruborizadas, e tantos intentos como erros de falarlle. E un día, nunha verbena ela achegouse a el e lle dixo “Non tes pensado sacarme a bailar?”. E el case atinou a dicirlle un si polo baixo, con cara de abraio, e ela botou a rir, e colléndolle a man levouno ao medio do torreiro.

E entón todo cambiou para ser o mesmo. Paseos de bicicleta ao carón dela buscando os agochos máis descoñecidos, as pozas para irse bañar os dous espidos, os prados alleos libres de miradas indiscretas, o vello carballo que tan boa sombra daba e onde pasar tardes bicándoa e abrazándoa, noites de paixóns desbocadas con aquela loura atrevida, intelixente, fermosa, que xa non escapaba del, que xa non o ignoraba con risas agochadas.

Como a bota en falta… o seu sorriso alegre, a súa tenrura e o seu ollar tranquilo que tanta ledicia lle traía, que tanto o calmaba e o facía sentirse enteiro… agora, despois de tantos anos, despois de media vida xuntos… tan só quedaba dela, daqueles tempos, aquela vella bicicleta.

O vello, decidido, érguese do talo. Camiña lonxe da sombra mesta da figueira e achégase ao alboio. Olla a bicicleta e cunha man chea de engurras e manchas pero aínda firme límpalle, con cariño, as arañeiras e o po que cubre a sela… mentres afora o sol do mediodía parece chamar a voces polo verán.

A vella bicicleta (1) A vella bicicleta (3)

5 de maio de 2014

A vella bicicleta (1)

Aña Urbana Pontevedra 2014 062

Tranquilamente, mentres o sol fai a súa entrada polos montes escarpados do outro lado do val, o home senta, con coidado, de vagariño, no vello banco que aínda lembra cando era vermello, non vaia derramarse sobre escura terra da solaina o café con leite mañaneiro que leva na man.

Aínda é cedo. A brétema lacazana, mesta, esténdese baixo os seus pes ocultando o retorto río que separa as dúas veiras do val, a da pendente lixeira, chea de hortas, de leiras, de casiñas dispersas, de froiteiras e pes de millo, e a abrupta, como un muro levantado polos deuses e cortada cos golpes das mazas dos lendarios xigantes, feita de pedra limpa e matos. Arriba de todo, prenderon nubes, quedaron abrazadas aos escarpados cumios. Fai un intre parecían anacos de algodón que levara o vento. Agora, co sol erguéndose no invisible horizonte, asemellan arder consumíndose lentamente cun brillo intenso ata desaparecer, mentres no ceo, o azul escuro das primeiras horas vólvese cada vez máis claro, máis limpo, máis cristalino.

O home, aterecido aínda por ese frío terrible que anuncia a chegada do sol, aperta con forza a taza, cas dúas mans, non vaia a perderse no aire ese pouco calor que desprende con xenerosidade de café con leite case a ferver.

Por fin, no cumio do monte apuntan os primeiros raios, nun momento no que parecería apropiado facer soar algunha fanfarria gloriosa, algún movemento impetuoso, premonitorio, se cadra os primeiros compases do primeiro movemento dos Planetas de Holst se tiveran sido en realidade un grandioso epílogo ao Sol Nacente no canto de estar adicados ao que trae a guerra. Os escarpados montes xa case limpos de nubes fúndense en ouro e aparece o brillante astro rei, con toda a súa grandeza, facendo correr as sombras detrás das pedras, debaixo das árbores.

Pasan as horas. O home xa arranxou catro cousas na casa, xa arrincou catro herbas e preparou catro regos na horta, e o seu vello corpo pide un pouco de tranquilidade. Agora senta nun tallo baixo a grande figueira das grandes follas que xa non deixan pasar sol nin lúa: nin falta que lle fai, hai tempo que non agroman amores baixo dela. O vello párase a ollar como as flores que a enchen xa empezan a mudar nas pequenas bolas verdes que dentro de un mes ou dos serán doces figos. No ceo, o sol preside o mundo que se mostra nos cansos ollos do vello, reclamando os montes, os eidos, ata o mesmo ceo, pero no val, lacazana, a brétema resístese as súas peticións. Non quere marchar, dá voltas, móvese con tranquilidade, desafiante… aínda é cedo, non son nin as dez, un pouquiño máis e logo marcho deixando un manto de orballo nas herbas e nas flores.

Pero o sol manda, é impetuoso e irascible, non se lle pode dicir que non, se cadra, logo, pasada a tarde, no serán, cando empece a caer de novo buscando o horizonte, pero non agora, tan preto do seu cénit, do punto álxido do seu poder, e así pouco a pouco, a néboa vaise marchando, vai ensinando u oculto río, o paseo rodeado de pradairos e bidueiros, as veigas que de cando en vez quedan asolagadas pola forza do río en inverno.

E ca fuxida impetuosa da néboa, aparecen os primeiros paseantes, os primeiros corredores e os primeiros ciclistas. Dúas vellas que pasan collidas a unha da outra, apoiadas en bastóns tan vellos como elas, tranquilamente, falando das súas historias, se cadra lembrando os tempos pretéritos, se cadra marmurando de algún coñecido. Catro mulleres de mediana idade en roupa deportiva, unha que para a sacar a chaqueta que xa empeza a ir calor dabondo, con ese camiñar rápido que está de moda para queimar graxas.

E os ciclistas, solitarios ou en parellas, que cada vez que pasan o vello sente unha forza que o chama, como un lume ardente no seu interior, e o seu ollar vai para un lado, para o pequeno alboio onde durme na lembranza de épocas mellores, a súa vella bicicleta agora cuberta de arañeiras, po e ferruxe.

A vella bicicleta (2)

3 de maio de 2014

Nada máis que iso

Entra na cafetería un señor de traxe claro, bigote e pelo negro, azabache, lustroso, ben peiteado e engominado. Sombreiro nunha man e bastón na outra. Entra e parece que cheirara a selva, coco, piña e ron.

A camareira é rapaza morena, ben feita, cunha certa fermosura pero anubiada pola escura nube do desencanto, da amargura.

O home pide un café e ela sírvelle case tirándoo como quen tira un papel no lixo. Con deixadez, ata con odio. Nin un saúdo, nin unha mirada.

O cabaleiro do traxe míraa e non é quen de calar…

“Señoriña pode prestarme atención un segundo?”

Ela párase e por un momento parecera que non lle vai facer caso… pero lentamente dáse a volta.

“Mire señoriña… vostede é fermosa e nova. E non hai cousa que máis me amole e entristeza aos meus anos que ver a unha muller aburrida, enfadada e triste, e máis se é como vostede, fermosa e nova. Así que gustaríame pedirlle un favor”.

A rapaza mira para el e aínda parecera máis aburrida, enfadada e triste…

“A ver dígame”.

“O que lle pido señoriña é un sorriso, e nada máis que iso”.

A rapaza non di nada pero un sorriso forzado aparece na súa cara, como se fixera burla ao home, como dicindo déixeme en paz…

“Señoriña iso non é un sorriso por favor”.

E entón ela sorrí de novo, de verdade, un sorriso sincero, grande, que se lle ilumina a cara enteira… e o bar enteiro… e o home do traxe claro dille feliz….

“Ese señoriña… ese si que é un sorriso de verdade”.

29 de abr. de 2014

Soidades

Soidade é a distancia equidistante co resto do mundo que te acompaña por aquela parte da avenida chea de xente, polo parque caótico de pais e nenos ou no bar de siareiros aderezados cas cores locais. E tamén o paseo que ninguén visita, o cubo do lixo no que xa ninguén tira nada, a vía morta que non leva a ningueres e que xa perdeu o brilo do paso dos trens, os soños perdidos no banco do parque no que ninguén repara e as botellas espirituosas que ninguén bebe, pero que se van baleirando aos poucos, de vagariño.

Domingo 270414 001

Domingo 270414 005

Domingo 270414 007

Domingo 270414 009

Domingo 270414 011

Domingo 270414 015

18 de abr. de 2014

Gaivotas, gatos e vellos

Paseo 140414 003

No pequeno prado que hai do lado do concello hai unha pequena colonia de gatos aos que os veciños animosos construíronlle unhas cantas casetiñas. Fai uns días achegueime ata aló ca intención de tirarlle unhas fotos aos vellos depósitos da panificadora pero cando cheguei ata aló e mirei aos gatos repousando por todas as esquinas do campo, xogando algún deles a perseguir ás gaivotas, as propias gaivotas voando polo prado, escapando dos gatiños e pelexando entre elas... díxenme... case que voume esquencer de fotografar ós depósitos e buscar novos modelos. Así que saiu esta tirada de fotos de gatos e de gaivotas. Sinceiramente... non me digades que non é unha chulada ese gato (ou gatiña) branco...

Paseo 140414 014

Paseo 140414 013

Paseo 140414 005

Paseo 140414 006

Paseo 140414 007

Paseo 140414 019

Claro que logo a cousa desmadrouse e caeron baixo o meu obxectivo un grupiño de vellas e o reflexo monstruoso dun vello que viña camiñando pola rúa Venezuela!

Paseo 140414 008

Paseo 140414 020

13 de abr. de 2014

Amencer ardente

Si un se define polo que fai... entón eu teño que me definir polas miñas fotografías, polo que escribo, polo que debuxo, pola miña voz, entre outras cousas... supoño que é por iso polo que non podo deixar a cámara tranquila nin un intre, nin no traballo. E hoxe fixen ben, porque hoxe o ceo regaloume un amencer deses espectaculares, deses que prenden o ceo e o corazón. De feito tanto ardía o ceo que prendeu nunha vella casa abandonada de Vilagarcía... cousas que pasan. En calquer caso abraiado quedei ca alba que se me regalou hoxe, e abraiado quedo cas fotos que saquei...

Alba 130414 005

Alba 130414 006

Alba 130414 009

Alba 130414 011

Alba 130414 014

12 de abr. de 2014

As zocas e o mariñeiro (2)

Chegados este punto debo contarvos outra historia que de seguro aínda lembrades porque ten pasado fai nada. Lembrades que fai dúas semanas afundiu un barco de pesca? Si, o Mar de Arousa, o que bateu contra un portacontenedores cando saía a faenar. Morreron cinco mariñeiros e salváronse de puta milagre os outros cinco. Aínda non se sabe que pasou, unha historia moi rara, porque parece ser que o piloto virou para babor cando debería ter virado a estribor…

Si ambas luces dun vapor,
pola proa tes avistado,
debes caer a estribor,
deixando ver o teu encarnado.

Penso que é claro, non é? Pois ninguén sabe por que pero aquela noite o piloto, que pensou que o cargueiro se lles botaba enriba, caeu a babor cruzando a ruta do outro e facendo inevitable a abordaxe. Só deus sabe o que pensaría o piloto, o que miraría, só deus o sabe. O único certo é o que pasou despois, que o barco grande bateu contra o pequeno e o pesqueiro tardou tres minutos en afundir levando con el á metade da tripulación para o fondo do mar. Pobres homes, pobres homes. Que mal farían eles para unha morte tan terrible? Porque eu ben o sei, non hai morte peor que a do afogado… se cadra a do afogado que non aparece máis, que o comen os peixes e que a familia non ten corpo que enterrar… non sei, eu unha vez case afogo e tremo só de lembralo. Logo tiven que aprender a nadar para poder te-la competencia de mariñeiro, xa levaba eu case vinte anos no mar, que daquela andaba polo mar arriba moito mariñeiro que non sabía nadar.

Deixádeme que tome outro grolo e sigo… a cousa é que o rapaz contoume a historia do seu amigo, a do negro, e por que andaban os tres, de troula por Vigo adiante, vestidos con aquelas roupas…

O home negro era de Ghana e chamábase Ibrahim. Tamén era mariñeiro e levaba no mar catro anos, xusto o tempo que levaba vivindo na Galiza. Estivera en outros barcos pero ata facía dúas semanas era mariñeiro de certo barco… imaxinades cal? Pois si, do Mar de Arousa. Xusto o día do accidente facía tres meses que traballaba nel... pero a deusa sorte, esa que fai que a corrente che leve para o lado bo cando aboias só no mar, ou a que fai que esteas na cuberta no canto da bodega cando o barco afunde, quixo que ese día, ao home ao que estaba a substituír Ibrahim lle desen a alta.

Porque o outro mariñeiro ghanés, o amigo de Ibrahim, o que morreu e aínda está desaparecido, tivo un pequeno accidente e colleu unha baixa, e foi substituílo Ibrahim, que botou tres meses a traballar marea tras marea no Mar de Arousa, ata que un día, o seu amigo curou, déronlle a alta e Ibrahim, deixou de traballar. De seguro que ese día pensou… menuda merda, e agora que fago, e de seguro que mirou con envexa como o seu amigo marchaba a traballar no pesqueiro. E ese día, así o quixo a sorte, o Mar de Arousa bateu contra un portacontenedores e afundiu, levando con el a catro galegos e un ghanés que acababa de coller a alta.

E Ibrahim, despois dos choros, despois do abraio, despois do medo que lle paralizou o corpo durante días, debeu sentir unha alegría da vida tan grande que dous amigos del o colleron e o levaron de esmorga como se non houbese mañá, e pensaron que había que facer que aquela noite fora especial, fora inesquecible, facer algo diferente, engalanarse pero de xeito diferente e pensaron, que pode haber máis diferente que un home de Ghana vestido con roupas tradicionais galegas?

Así que esa noite saíron os tres de troula, vestidos como fai douscentos anos, dous galegos e un ghanés que acababa de nacer de novo. Por que vos aseguro, amigos, que iso é o que sentía Ibrahim, que renacera.

Eu, ca cara chea de bágoas non daba creto ao que estaba a escoitar. Abraiado quedara e, dándome a volta, collín ao Ibrahim, e despois de darlle un bo apertón de mans, abraceime a el e só atinei a darlle os meus parabéns, como se o pobre do home acabase de ter un neno, cando o que viña de nacer era el mesmo.

Mirándolle para as zocas cas axeitadas polainas por riba, pregunteille se lle resultaban cómodas e el contestoume nun castelán complicado que si, que lle gustaban aquelas roupas moito e que facía tempo que quería vestilas, e entón eu, como quen non quere a cousa comecei ca cantar, xa medio bébedo, ca miña ronca voz…

Nosa Señora da Guía,
ai da Guía de mariñeiros
coida da nosa cuadrilla
toda de mozos solteiros.

As zocas e o mariñeiro (1)