UA-55725853-1

28 de set. de 2012

Galeón

Non sei moi ben porque, supoño que pola forma e porque antes navegaban a vela, pero na Galiza hai unhas embarcacións que servían para a cabotaxe de mercadorías pola costa que se lles chamaba galeóns.

Nos últimos anos é fácil mirar algún deles restaurado e volvendo a navegar como a principios de século. Por exemplo O Galeón de Abelleira, en Muros, ou o dos Rompetimóns no Carril, e así ata 8 na actualidade. Os galeóns eran barcos relativamente grandes (o de Abelleira ten 12 m. de eslora) e non era raro, fai 100 anos, ollalos polas rías co seu foque, trinquete e cagrexa ao aire. Tiñan moita manga, popa redonda e fasquía na proa.

Pero o tempo da vela pasou e pouco a pouco foron desaparecendo os panos ao vento das rías, e no seu canto apareceu o fume dos motores diesel. Moitos galeóns seguiron traballando igual que sempre impulsados polo negro gasoil, pero non todos: algúns quedaron simplemente como cascaróns baleiros que eran usados de flotadores para as bateas de mexilón e outros foron abandoados nas praias e nos portos á lenta podedumbre.

Nas nosas costas aínda quedan sítios onde atopar moitos deses vellos osos medio soterrados na area, como no Carreirón na Illa de Arousa, onde do cascarón dun galeón abandoado, as cadernas en certo modo lembran ás costelas do cadaver dun animal a medio comer.

Aínda conserva o corpo do motor, cas tripas ao aire, o cigüeñal tan oxidado que só unha milagre faría que poidese volver a xirar de novo.

O tempo fixo que as pezas que antaño transmitían a forza á helice co seu rápido xirar agora parezan feitas de madeira similares a fósiles que o mar non cansa de lamber dúas veces ao día.

Agora, apenas un podrido recordo do que foran antaño, os restos do galeón só agardan a que pase o tempo, día tras día, marea tras marea. Ben pouco lles importa a choiva que cae sobre eles ou os raios dourados do solpor.

Ninsequera soñan cos tempos nos que, lixeiros, recorrían a ría, dende A Illa ata O Grove, e tamén por Riveira e Rianxo e por Carril… Agora son outros os afortunados, novos barcos de vela que xa non levan mercadorías nin traballos, senon pracer, relax, descanso.

Porque estes son tempos diferentes nos que xa pouco importan os pequenos galeóns de madeira… Agora as mercadorías van en grandes barcos de ferro ou se cadra incluso polo aire, correndo, sempre correndo… que máis ten un pequeno e vello barco de madeira?

Pode ser que non importe moito pero se miramos para o ceo para ollar as nubes, as estrelas ou mesmo a lúa, é porque temos os nosos soños, e eses soños están cheos de lembranzas e romanticismo, de cousas vellas, de morriña, de tempos pasados, de barcos abandoados na area...

2 comentarios :

  1. Eu fotografei eses restos o ano pasado cando estiven na Illa e este ano volvinos visitar. Por suposto para o meu Leo son os restos dun barco pirata.

    ResponderEliminar
  2. Claro que si, o teu Leo ten razón... ese antes de andar a levar mercadorías de Cambados a Boiro, adicábase as abordaxes dende as Cíes ata as Sisargas... algún día escribirei a súa esquencida historia.

    ResponderEliminar