UA-55725853-1

17 de ago. de 2014

Felicidade

Creo que podería ser máis feliz pero estes días a miña cota de felicidade alcanzou bos niveis… dous paseos gloriosos que din, de fuxida da banalidade, do ruído, das aglomeracións e dos excesos, do cemento, da cidade.

Paseo 130814 063

O primeiro deles o mércores. A pe, polos rurais vilagarciáns, por camiños que facía tempo non usaba. Polos Duráns arriba, ata Trabanca Sardiñeira, e logo pasando San Roque, baixar a Carril...

Paseo 130814 072

Pasear tranquilamente por un camiño entre hortas e hortas, fotografar uns xirasois grandísimos, amarelos contrastados contra o ceo azul, comer amoriñas das silveiras ás que lles daba ao meu amor, e logo atopar unha maceira cunhas mazas fermosas, xigantescas, verdes, frescas, que eu xa estaba medio morto da sede e da fame, e todo iso aderezado cun soliño glorioso, non quente en exceso, o xusto, que viña refrescado polo enerxético vento do norte que sempre trae sol e máis sol... e cariñosamente regado con delicado Jazz, ah… iso é marabilloso. Non fun quen de deixar de sorrir en toda a tarde...

En serio... fai falta tan pouco para atopar pequenos momentos de felicidade...

Paseo 130814 077

E logo hoxe... ben, non sei se sabedes pero hoxe foi un día de fuxir de Vilagarcía, cos seus excesos acuáticos, con marabuntas incontroladas de borrachos adolescentes que só saben encher a cidade de merda e máis merda... que vou dicir... que non quería nin miralo, porque o certo é que, como sempre, Vilagarcía quedará chea de merda ata o martes.

A cousa é que agarrei a bici e fuxín por carreiros, por camiños que ían cada vez máis alto, cara o monte, cara o silencio só rachado polo vento que fai abanear as árbores, lentamente, unhas cas outras, ese glorioso son do vento que xoga entre as polas, as follas, que move todo, que leva os malos aires lonxe, que os dispersa… perdínme, empecei a ir por camiños cada vez máis estreitos, máis abandonados a silveiras, fentos e xestas… e de súpeto o camiño acabouse e eu estaba alí ca bicicleta na man, entre os piñeiros, subindo polo medio do monte… acompañado tan só da miña felicidade e do vento que viña do norte, alegre, bailarín, que non traía baleas entre os eucaliptos pero si cheiro a mar, a sal...

Paseo 130814 079

Non podedes imaxinar como a electricidade me subía polo corpo ao escoitar ese silencio tan só roto polo miúdo polo asubío do vento, polo rañar das árbores e practicamente nada máis… e logo chegar ao alto do monte e ollar o Salnés aos meus pes… abríndose á ría… xusto a onde quería que me levasen os camiños, a unha tranquila praia onde rematar o paseo cun refrescante baño, pero sentíame tan tranquilo, tan relaxado, que non quería que eses camiños se acabasen nunca, quería facer como o Barón Rampante e pedalar e pedalar sen saír nunca de entre as árbores abaneadas polo tranquilo vento do norte…

Paseo 130814 082

Paseo 130814 086

San Roque

Paseo 130814 174

Paseo 130814 183

Ningún comentario :

Publicar un comentario