UA-55725853-1

14 de out. de 2014

Ás seis e media

Chámome Eduardo, teño 41 anos e veño de ter unha revelación, non sei moi ben quen son pero tanto me ten, as veces penso que a miña vida ata agora ten sido un desastre pero tanto me ten porque fai uns segundos subindo as escaleiras como nunha espiral ascendente ata a autodeterminación, sentía como a cada paso agromaba na miña cabeza un pensamento, e con cada pensamento unha desbordante enerxía que facía relucir o meu peito. Quero vivir, quero crear e alimentar a miña fame: ver películas, ler libros, pintar, escribir, fotografar, viaxar, e tamén aproveitar todas as tardes en Vilagarcía para coñecer aos meus pais que case nin os coñezo, para ir a pasear ca miña nai que dende que son novo non o volvín a facer, para que meu pai me ensine a tocar a guitarra, quen sabe se ao mellor a pesar dos meus dedos, ao mellor non o fago tan mal. PARA SENTIRME ENTEIRO.

Día 047 221113

Necesito recuperar unha vida miña, e logo ter algo que ofrecer a esa persoa que se achegue a min, para poder compartila con mutua adoración e abraio. Eu co seu brillo e ela co meu, pero sempre despois dos abraios propios, os que veñen despois de observar as sombras que deixa o meu propio resplandor no corredor, os reflexos das luces que sorprendo nos espellos, as faíscas que desprende o meu propio lume.

Ela xa me abraia… xa me ten abraiado dabondo, un ser dunha escuridade con horizonte de sucesos que absorbe todo porque ten unha mochila cun burato debaixo e que aínda así desprende unha luz cálida, fermosísima, acolledora como un abrazo na praia máis fermosa do mundo.

Pero agora é o meu tempo, o tempo de abraiarme a min mesmo, de recuperarme nas miñas fotos, nos meus escritos, na miña propia marabilla. De atoparme a min mesmo porque levo toda a puta vida buscando algo cando ese algo non podía estar máis preto pero tamén mellor agochado: eu estaba e estou dentro dese algo. Ah!, que difícil é mirar o bosque cando se está dentro, e nembargantes, que pouca graza ten ollalo na distancia se un pode perderse polas súa corredoiras, entre os matos e os piñeiros, atopar regatos de puro cristal, descubrir agochados lugares máxicos detrás dos pelouros e nas voltas do camiño, prados de musgo, de fentos, solainas entre as xestas onde facer o amor lonxe de miradas alleas.

Cun mesmo pasa o mesmo. Co fácil, co fermoso que é atoparse a un mesmo paseando polas túas teimas, polos teus medos, fantasías e as túas alegrías, os teus segredos e as túas miserias. Tanto ten se agochas un monstro ou un anxo. En algún momento hai que falar con el, chegar a un acordo de convivencia… o problema, o erro está en loitar e loitar contra ese monstro manipulador e egoísta que levas dentro… é imposible gañar porque estás a loitar contigo mesmo. Sabes todos os trucos do teu opoñente, todas as escapadas, como vai facer todos os ataques e todas as defensas, todo. É imposible gañarte a ti mesmo en frontal combate, é máis, ao final só hai un perdedor. Tan só hai unha opción, un pacto entre cabaleiros de convivencia. Se cadra descobres un día que o monstro non era tal, que tan só era un neno asustado, agochado nas inmensas sombras que el mesmo proxectaba nas paredes da caberna.

Ningún comentario :

Publicar un comentario