UA-55725853-1

19 de nov. de 2014

Epitafio

012_PEDRA

Fai un frío de novembro nun día de nubes en escala de grises, nubes que pasan rápido porque o vento frío que arrastra as follas castañas e fráxiles do outono, as leva ás presas, lonxe, como se chegaran tarde a algún outro lado, como se xa tiveran encargada a choiva en outra terra. Xa me gustaría a min que chovera, pero hoxe aquí non soltan gota, mira que non sería apropiado que arroiara con gañas, tan só vai vento e frío, e eu non teño outra que apertarme baixo o meu abrigo mentres, na miña cara, as bágoas, interminables, abondosas, caen salgadas ata os meus beizos. Non, non son salgadas, son amargas como o xarope que che daban teus pais de pequeno. Deixo que os meus pasos me leven polo cemiterio, que os meus pes escollan a onde vou, non quero ter que pensar, pero penso, penso que hai anos que non choro así, como un neno desconsolado cos mocos pingando no nariz.

Os camiños son todos iguais nos cemiterios modernos, cheos desas pedriñas que roxen, ao meu paso, con ese son que espanta o silencio deste lugar que garda todos os silencios. Imaxino que estou a pisar osos que rachan. Todos os camposantos son iguais, xa non son o que eran. A xente tapa eses buratos idénticos con lousas negras, grises, granates, azuis, mercan mármores de Brasil, de Turquía, poñen letras de acibeche, de prata, unha foto de hai 50 anos, ducias de flores en botellas de anís ou en xerras de pírex verde, caraveis, rosas, margaridas, calas, lirios, vermellas, brancas, rosas, eu que sei, as variacións son infinitas, pero iso non quita que, aos meus ollos asolagados polas augas salgadas das miñas penas, todos os nichos sexan completamente iguais. Ah, que triste é a alma humana. Ves un día ao cemiterio, cambias as flores e a auga, e rezas algo, ca promesa firme de que volverás algún día, como moito o ano que ben.

E os epitafios, eses epitafios marabillosos, sempre ocorrentes, “A túa devota esposa”, “In memoriam” ou “Ramón, que morreu tal como viviu”, como se o home pasara o día enteiro durmindo ou fora un cabrón que morreu sufrindo igual que pasou a vida facendo sufrir aos demais.

Sigo a camiñar, perdido, non sei onde estou.Si, a altura do Nicho nº 597. Tanto ten, todos os camiños son iguais entre os bloques de cemento fotocopiados. Nichos de multicopista de alcohol polos que me levan meus pés: a miña cabeza non está no meu corpo, está no funeral, na igrexa, no nicho nº 3956 onde acaban de enterrar ao meu pai, o meu querido pai, ese home miúdo, cabezón, impaciente, insoportable, que tanta culpa lle teño botado, ao que tanto quería. A miña cabeza segue alí, non está, e son os meus pés os que semellan saber a onde queren ir: páranse ante un nicho moi vello. Ten xa máis de corenta anos e sei perfectamente quen está nel, tanto fai que non a visito.

Coñecina no ano 1989. Terceiro de BUP. Era unha rapaciña loira, cuns fermosísimos ollos azuis, moi azuis, delicada, miúda. Alegre. Unha rapaciña tranquila, que expresaba confianza. Tiña unha pel branca, con dúas roseiras nas meixelas que a facían aínda máis fermosa. Supoño que quedei prendido dela dende o primeiro momento. Lembro que estabamos xuntos no instituto. Lembro que íamos xuntos a clases particulares de matemáticas e física. Lembro que era graciosa, faladora, sinxela, tímida pero decidida… xa dixen que era alegre?

Non tardamos en facérmonos amigos.

A sorte camiñaba ao meu carón. Ela era veciña. Comezamos, ás veces, a volver xuntos de clase, ela, eu e a miña sorte. O seu edificio era xusto o que quedaba detrás do meu,a carón do río pero a súa habitación daba para o outro lado, a un patio de luces, a miña habitación tamén, pero dous pisos por baixo. Ao principio eu pasaba as horas mirando para a súa ventá en segredo, soñando como se soña mirando á lúa, xusto o que ela era para min, a miña lúa desexada, coa súa cariña branca e delicada. Un día empezamos a falar dunha ventá á outra, co pequeno patio de luces polo medio. E tamén falabamos nas clases, e nos descansos, e nas voltas. Ela tiña un can. Sacábao polas noites a darlle un pouco de aire pola beira do río. Acostumeime a baixar e coincidir con ela, e ela esperaba por min, non se afastaba do seu portal ata que eu non chegaba. Paseabamos xuntos ao can e eu lle dicía os nomes das estrelas nas noites sen lúa.

Un día decidinme. Daquela as cousas eran diferentes. Eu tiña dezaseis anos, era un crío, non como agora que os nenos de doce xa pensan que son adultos. Un crío falador e aberto pero tímido, como pouca estima de min mesmo. Daquela as cousas eran distintas, con dezaseis anos éramos nenos xogando a ser adultos, querendo ser adultos. Si, queriamos ter moza, dar un bico, estar cunha rapaza, pero éramos inocentes, e eu máis. Tardei pero un día decidinme, no recreo iría xunta dela, e pediríalle para saír. Estaba decidido.

Lembro que rematou unha clase. Saín ao corredor para tranquilizarme, tan só quedaba unha hora e logo o recreo, por fin falaría con ela, pero entón algo chamou a miña atención, escoitáronse gritos, rebumbio, xente entrando ás carreiras na clase… e o seguinte que lembrei foi atoparme chorando, apoiado nun muro escondido do instituto. Non sabía nin o tempo que levaba alí. E tamén chorando, sen saber como, cheguei a casa, comín sen lembrar ter comido, e pasei a tarde, entre choro e choro, durmindo, tirado na miña cama, non quería levantarme dela.

Como unha sombra pasaron os seguintes días, grises, planos, entre imaxes da aula chea de compañeiros arremuiñados arredor dun corpo, o dela, caído no chan, entre a lembranza da voz dunha mestra histérica chamando polo xefe de estudios, das voces de alumnos berrando, chorando, de alguén que pedía que sairamos ao corredor para deixarlle aire, que non pasaba nada, que ela estaba ben, pero eu sabía que non podía ser, que na súa cara non estaban esas roseiras que tanto me gustaban, as que se lle acendían cando eu falaba con ela e quedaba mirando fixamente aos seus ollos. A súa cara, alí no medio de ducias de pes era como o mármore e eu quería morrer con ela. Entre imaxes irreais, crucei cuns médicos e unha padiola mentres saía, ausente, do instituto. Entre imaxes de caras que só expresaban irrealidade, medo, incredulidade.

Non lembro ter falado con ninguén dela, supoño que si, supoño que todos falariamos do mesmo, de que aquilo era imposible, que non podía ser, que non era certo. Supoño que todos diríamos o mesmo, que era unha rapaza moi vital, que como lle podía ter pasado algo así. Que todos diríamos as mesmas parvadas, que si era moi nova, que tiña moito por vivir. Pero eu non o lembro, como se os meus oídos foran permeables a toda palabra de dor, de tristeza. Como se na miña cabeza non quedaran gravadas máis que imaxes. Non quería escoitar, nin falar, tanto me tiña do que morrera, tan só me importaba que ela xa non estaba.

Ao día seguinte foi o funeral. Fun como todos os compañeiros. Fun como un máis, pero eu non era un mais. Non podía selo. Non quería estar con ninguén, quería estar con ela, pero xa non podía ser, non habería máis paseos polo río, nin nomes de estrelas nin voltas das clases xuntos. Nunca volvería a falar con alguén naquela fiestra por riba da miña. Non podía soportar aquela multitude, ver a todos os compañeiros como sombras que se movían diante miña. Non me importaban. E por iso decidín non ir ao camposanto con todos, xa iría, máis tarde, coa miña bicicleta, cando non houbese ninguén, para estar por última vez a soas con ela.

Non tardei en atopar o seu nicho, foi fácil, era o que estaba cheo de flores, de coroas e ramos. Os teus amigos que te queren, a túa nai non te esquece, o teu irmán. Nada diso importaba, eu só pensaba nela, que estaba alí dentro, fría, metida alí para sempre. Na súa soidade e na miña, non podía parar de chorar.

Canto tempo xa pasou. Ollo por última vez a súa lápida allada polo tempo. Por fin o ceo decídese a acompañarme no meu sentimento e as súas bágoas mestúranse cas miñas mentres baixan polas miñas meixelas. Xa non sei nin por quen choro. Volvo a camiñar, aínda máis perdido, semella que estou a dar voltas sen sentido, pero non, porque chego sen querer ata muro do cemiterio, un muro que alí é moi baixo, exactamente igual que fai corenta anos.

Non sei canto tempo pasei aquel día diante da lápida nova do vello camposanto, chorando desconsolado. Se cadra unha hora, ou se cadra dez minutos. Só sei que cando quixen saír… non puiden. Os enterradores xa pecharan as portas e marcharan e eu, idiota, quedara dentro. Que podía facer? Chamar a alguén a berros? De súpeto a tristeza marchou, viñeron o medo ao camposanto, aos mortos, e a vergoña por estar a facer o parvo. Tería que saltar o muro, xusto na parte do fondo, onde era máis baixo. Subín por el e levantei a bici, había silveiras, pero tanto tiña, deixeina caer do outro lado. Non se decatouse ninguén, ninguén ollou a un rapaz tan pailán que quedara pechado dentro do cemiterio. Non houbo vergoña, tan só os rabuños das silveiras nas pernas e na miña autoestima, pero iso só o sabería eu.

Parece mentira que corenta anos despois sigan igual tantas cousas. A lápida dela, aquela parte do muro, as pedriñas do chan... Penso en todo o que teño pasado neste tempo. En todo o que teño cambiado. Na tristeza que me consume hoxe e na que me consumiu entón durante semanas, penso en que daquela todo pasou, en que pouco a pouco deixamos de falar dela, de lembrala. Deixei de baixar ao río esperando ollar á súa pantasma paseando o can, deixei de ollar para a súa ventá, soñando que ela aínda estaba alí. O tempo foi pasando e as feridas foron curando. Como agora, tal como pasará agora. A vida seguiu adiante.

E digo, quen volvera a ter dezaseis anos! E decátome de que xa son horas, que teño que marchar, que vai sendo tempo de volver a casa, non vaia quedar de novo pechado no cemiterio, xa sería unha boa brincadeira, para partir coa risa, e dou a volta para saír, e me imaxino de rapaz, aquel día, saltando o muro coa bici, e penso para min mesmo que xa non teño dezaseis anos, así que… por que non?

Ningún comentario :

Publicar un comentario