UA-55725853-1

12 de feb. de 2015

Sostiene Pereira

Quixera falar dun dos últimos libros que lin para recuperar a sección de crítica literaria do meu blog. “Sostiene Pereira”, de Antonio Tabucchi, é un libro incrible. Para min particularmente, sosteño, un descubrimento marabilloso.

Creo que a primeira peculiaridade que me chamou a atención foi que estivese escrito en segunda persoa. O escritor, ou a lo menos a persoa que conta a historia faino en segunda persoa, sempre comezando ou rematando anacos dela co “Sostiene Pereira”, como para remarcar claramente que non é unha historia propia, que é algo que alguén está a transcribir, algo que está a ser contado ao oído. Esa foi a primeira impresión que recibín, que o escritor recibiu o encargo de por por escrito a historia de Pereira, pero que non quere involucrarse nela, que lava as mans, que non é cousa súa. Como cando alguén cita unha opinión allea pero contraria.

Eu non entendía moi ben esa manía de distanciarse dunha historia que por outro lado tiña a impresión, polo menos ao principio, que era un tanto monótona, sosa, apagada. Total, non era máis que a historia dun editor mediocre no medio dunha época triste da historia de Portugal. Un home monótono, apegado aos seus costumes e que vivía parapetado detrás de pequenas manías diarias e que non quería nin verse envolto nin abrir os ollos a esa realidade, que trataba de vivir a toda costa como sempre… cos mesmos hábitos de sempre. De feito, fascinoume ese xeito que ten o escritor de transmitir esa vida insípida do editor.

Pero de súpeto marcha a tomar os baños e os deixa polo medio… e empeza a involucrarse con persoas cas que alguén como el non debería involucrarse, o rapaz e a súa moza, o doutor, a facer cousas extraordinarias como ese baño inesperado en Cascais, a preocuparse pola súa saúde. El que é alguén, repito, insípido, que vive aferrado ao pasado e á foto da súa muller…

Pouco a pouco o libro vai collendo ritmo, pouco a pouco… e pouco a pouco vou entendendo porque o distanciamento do escritor. O propio escritor é un personaxe máis, un que non imos coñecer, pero que tamén ten a súa propia opinión: non quero opoñerme ao réxime ditatorial, non estou en contra del, tan só son unha canle para contar unha historia… e o que pase nela, o que faga o señor Pereira ou o que opine, non ten que ver comigo… que son fiel ao réxime.

E este distanciamento só serve a un obxectivo: mostrar aínda de xeito máis brutal o cambio que sofre o Sr. Pereira ao longo do libro, que pasa de ser un señor gris a ser un revolucionario, ao seu xeito, máis. E por iso me fascina este libro, porque pouco a pouco, como collendo velocidade sen decatarte, vaste identificando con Pereira e sentindo o seu espertar.

Non quero estenderme máis… non vou marcar ningunha frase en especial… quizais cando se baña na praia ou cando por fin conecta con Monteiro Rosi antes da malleira que lles dan a ambos e que leva á morte do rapaz. Ou xusto a parte posterior, cando entendes perfectamente a rabia que sinte o Sr. Pereira e que lle leva a facer o que fai. Destacaría tamén como describe a sociedade portuguesa da época, como vai soltando pinceladas sen querer: é como un gran lenzo con miles de detalles pequeniños pero que se perciben moi ben, no que destaca a figura central que é Pereira, porque o resto dos personaxes tan só están perfilados e no que tamén sae, reflexado como nas Meninas, o pintor.


Sostiene Pereira
Antonio Tabucchi
Título original: Sostiene Pereira
Editorial: Anagrama
ED. LIMITADA NAVIDAD 2013
Nº de páginas: 182 págs
Encuadernación: Tapa dura
ISBN: 9788433961280

5 comentarios :