UA-55725853-1

3 de maio de 2014

Nada máis que iso

Entra na cafetería un señor de traxe claro, bigote e pelo negro, azabache, lustroso, ben peiteado e engominado. Sombreiro nunha man e bastón na outra. Entra e parece que cheirara a selva, coco, piña e ron.

A camareira é rapaza morena, ben feita, cunha certa fermosura pero anubiada pola escura nube do desencanto, da amargura.

O home pide un café e ela sírvelle case tirándoo como quen tira un papel no lixo. Con deixadez, ata con odio. Nin un saúdo, nin unha mirada.

O cabaleiro do traxe míraa e non é quen de calar…

“Señoriña pode prestarme atención un segundo?”

Ela párase e por un momento parecera que non lle vai facer caso… pero lentamente dáse a volta.

“Mire señoriña… vostede é fermosa e nova. E non hai cousa que máis me amole e entristeza aos meus anos que ver a unha muller aburrida, enfadada e triste, e máis se é como vostede, fermosa e nova. Así que gustaríame pedirlle un favor”.

A rapaza mira para el e aínda parecera máis aburrida, enfadada e triste…

“A ver dígame”.

“O que lle pido señoriña é un sorriso, e nada máis que iso”.

A rapaza non di nada pero un sorriso forzado aparece na súa cara, como se fixera burla ao home, como dicindo déixeme en paz…

“Señoriña iso non é un sorriso por favor”.

E entón ela sorrí de novo, de verdade, un sorriso sincero, grande, que se lle ilumina a cara enteira… e o bar enteiro… e o home do traxe claro dille feliz….

“Ese señoriña… ese si que é un sorriso de verdade”.

29 de abr. de 2014

Soidades

Soidade é a distancia equidistante co resto do mundo que te acompaña por aquela parte da avenida chea de xente, polo parque caótico de pais e nenos ou no bar de siareiros aderezados cas cores locais. E tamén o paseo que ninguén visita, o cubo do lixo no que xa ninguén tira nada, a vía morta que non leva a ningueres e que xa perdeu o brilo do paso dos trens, os soños perdidos no banco do parque no que ninguén repara e as botellas espirituosas que ninguén bebe, pero que se van baleirando aos poucos, de vagariño.

Domingo 270414 001

Domingo 270414 005

Domingo 270414 007

Domingo 270414 009

Domingo 270414 011

Domingo 270414 015

18 de abr. de 2014

Gaivotas, gatos e vellos

Paseo 140414 003

No pequeno prado que hai do lado do concello hai unha pequena colonia de gatos aos que os veciños animosos construíronlle unhas cantas casetiñas. Fai uns días achegueime ata aló ca intención de tirarlle unhas fotos aos vellos depósitos da panificadora pero cando cheguei ata aló e mirei aos gatos repousando por todas as esquinas do campo, xogando algún deles a perseguir ás gaivotas, as propias gaivotas voando polo prado, escapando dos gatiños e pelexando entre elas... díxenme... case que voume esquencer de fotografar ós depósitos e buscar novos modelos. Así que saiu esta tirada de fotos de gatos e de gaivotas. Sinceiramente... non me digades que non é unha chulada ese gato (ou gatiña) branco...

Paseo 140414 014

Paseo 140414 013

Paseo 140414 005

Paseo 140414 006

Paseo 140414 007

Paseo 140414 019

Claro que logo a cousa desmadrouse e caeron baixo o meu obxectivo un grupiño de vellas e o reflexo monstruoso dun vello que viña camiñando pola rúa Venezuela!

Paseo 140414 008

Paseo 140414 020

13 de abr. de 2014

Amencer ardente

Si un se define polo que fai... entón eu teño que me definir polas miñas fotografías, polo que escribo, polo que debuxo, pola miña voz, entre outras cousas... supoño que é por iso polo que non podo deixar a cámara tranquila nin un intre, nin no traballo. E hoxe fixen ben, porque hoxe o ceo regaloume un amencer deses espectaculares, deses que prenden o ceo e o corazón. De feito tanto ardía o ceo que prendeu nunha vella casa abandonada de Vilagarcía... cousas que pasan. En calquer caso abraiado quedei ca alba que se me regalou hoxe, e abraiado quedo cas fotos que saquei...

Alba 130414 005

Alba 130414 006

Alba 130414 009

Alba 130414 011

Alba 130414 014

12 de abr. de 2014

As zocas e o mariñeiro (2)

Chegados este punto debo contarvos outra historia que de seguro aínda lembrades porque ten pasado fai nada. Lembrades que fai dúas semanas afundiu un barco de pesca? Si, o Mar de Arousa, o que bateu contra un portacontenedores cando saía a faenar. Morreron cinco mariñeiros e salváronse de puta milagre os outros cinco. Aínda non se sabe que pasou, unha historia moi rara, porque parece ser que o piloto virou para babor cando debería ter virado a estribor…

Si ambas luces dun vapor,
pola proa tes avistado,
debes caer a estribor,
deixando ver o teu encarnado.

Penso que é claro, non é? Pois ninguén sabe por que pero aquela noite o piloto, que pensou que o cargueiro se lles botaba enriba, caeu a babor cruzando a ruta do outro e facendo inevitable a abordaxe. Só deus sabe o que pensaría o piloto, o que miraría, só deus o sabe. O único certo é o que pasou despois, que o barco grande bateu contra o pequeno e o pesqueiro tardou tres minutos en afundir levando con el á metade da tripulación para o fondo do mar. Pobres homes, pobres homes. Que mal farían eles para unha morte tan terrible? Porque eu ben o sei, non hai morte peor que a do afogado… se cadra a do afogado que non aparece máis, que o comen os peixes e que a familia non ten corpo que enterrar… non sei, eu unha vez case afogo e tremo só de lembralo. Logo tiven que aprender a nadar para poder te-la competencia de mariñeiro, xa levaba eu case vinte anos no mar, que daquela andaba polo mar arriba moito mariñeiro que non sabía nadar.

Deixádeme que tome outro grolo e sigo… a cousa é que o rapaz contoume a historia do seu amigo, a do negro, e por que andaban os tres, de troula por Vigo adiante, vestidos con aquelas roupas…

O home negro era de Ghana e chamábase Ibrahim. Tamén era mariñeiro e levaba no mar catro anos, xusto o tempo que levaba vivindo na Galiza. Estivera en outros barcos pero ata facía dúas semanas era mariñeiro de certo barco… imaxinades cal? Pois si, do Mar de Arousa. Xusto o día do accidente facía tres meses que traballaba nel... pero a deusa sorte, esa que fai que a corrente che leve para o lado bo cando aboias só no mar, ou a que fai que esteas na cuberta no canto da bodega cando o barco afunde, quixo que ese día, ao home ao que estaba a substituír Ibrahim lle desen a alta.

Porque o outro mariñeiro ghanés, o amigo de Ibrahim, o que morreu e aínda está desaparecido, tivo un pequeno accidente e colleu unha baixa, e foi substituílo Ibrahim, que botou tres meses a traballar marea tras marea no Mar de Arousa, ata que un día, o seu amigo curou, déronlle a alta e Ibrahim, deixou de traballar. De seguro que ese día pensou… menuda merda, e agora que fago, e de seguro que mirou con envexa como o seu amigo marchaba a traballar no pesqueiro. E ese día, así o quixo a sorte, o Mar de Arousa bateu contra un portacontenedores e afundiu, levando con el a catro galegos e un ghanés que acababa de coller a alta.

E Ibrahim, despois dos choros, despois do abraio, despois do medo que lle paralizou o corpo durante días, debeu sentir unha alegría da vida tan grande que dous amigos del o colleron e o levaron de esmorga como se non houbese mañá, e pensaron que había que facer que aquela noite fora especial, fora inesquecible, facer algo diferente, engalanarse pero de xeito diferente e pensaron, que pode haber máis diferente que un home de Ghana vestido con roupas tradicionais galegas?

Así que esa noite saíron os tres de troula, vestidos como fai douscentos anos, dous galegos e un ghanés que acababa de nacer de novo. Por que vos aseguro, amigos, que iso é o que sentía Ibrahim, que renacera.

Eu, ca cara chea de bágoas non daba creto ao que estaba a escoitar. Abraiado quedara e, dándome a volta, collín ao Ibrahim, e despois de darlle un bo apertón de mans, abraceime a el e só atinei a darlle os meus parabéns, como se o pobre do home acabase de ter un neno, cando o que viña de nacer era el mesmo.

Mirándolle para as zocas cas axeitadas polainas por riba, pregunteille se lle resultaban cómodas e el contestoume nun castelán complicado que si, que lle gustaban aquelas roupas moito e que facía tempo que quería vestilas, e entón eu, como quen non quere a cousa comecei ca cantar, xa medio bébedo, ca miña ronca voz…

Nosa Señora da Guía,
ai da Guía de mariñeiros
coida da nosa cuadrilla
toda de mozos solteiros.

As zocas e o mariñeiro (1)

11 de abr. de 2014

As zocas e o mariñeiro (1)

Na memoria de todos os mariñeiros, na dos que están e na dos que xa non están, especialmente na dos que son e foron, nun momento ou noutro, mariñeiros no Mar de Marín.


A vida do mariñeiro é unha vida fodida. Tan fodida como pode ser outra vida, diredes vos, pois non porque en realidade hai que sumarlle traballar cando os demais dormen, andar sempre mollado e pasar un frío que non cho quita do corpo nin a máis forte caña do pais nin o máis quente café, a salitre que che come todo o corpo e ese cheiro a peixe interminable… e como non, ademais, non saber nunca se un vai chegar a casa cada vez que o barco sae ao mar. Por que si ademais de ser mariñeiro, o es nun barco pesqueiro, un deses pequenos, case a casca dunha noz, entón, compañeiro, podes ter claro que aínda estás máis fodido do que xa podías estar.

Xa o di a cantiga… “Para ser bo mariñeiro, tres condicións hai que tere, coñecer o mar e os barcos e non ter medo a morrere”. Porque ser mariñeiro non é como ser tripulante dun cargueiro deses como os da Arklow ou nun cruceiro de pasaxeiros, non. Eses non son mariñeiros máis que de nome, porque xa me contarás a min que fan eses, quitando de pasar algunha garda máis fría que outra. Nin sequera os que andan nas gameliñas esas que andan á cabotaxe, que parecen unha canoa con ponte, ou os mariñeiros daqueles vellos cargueiros rusos, eses barcos desproporcionados que caían a anacos e que xa fai tempo que non se mira ningún.

Non, os mariñeiros de verdade son os que traballan pescando, os que teñen que estar na cuberta tirando das cordas, recollendo os aparellos, as nasas, sacando os peixes do enmallado, os que teñen que iscar os anzois do curricán, os que marchan na auxiliar para pechar o cerco, ou incluso os que baixan á bodega conxelada a separar o peixe, metelo nas caixas, tapalo co xeo… Mariñeiros son os que andan por cubertas ridículas sempre co medo no corpo de que un golpe de mar os reclame para non volver xamais. Xa o di a canción… “Capitán calquera o é, pilotos son os carneiros, quen sofre e fai os traballos, son os probes mariñeiros”.

Vos conto todo isto para que entendades ben a historia que vos vou contar, para que non vos quededes só co que vos conto, para que vexades o que hai máis alá e poidades mirarvos no sitio deses homes que traballan, de verdade, no mar.

Fai unhas semanas fun a un local do Berbés a tomar uns viños. Non sei si coñecedes o Turista, esa taberna medio esborrallada do Berbés que che poñen pescadiño frito, sempre do día, o que pillan na lonxa. Cantos viños teño tomado nela despois de mareas interminables, cantas cantigas teño botado no turista cos compañeiros!

É o que ten non traballar, por que eu por sorte xubilei fai un par de anos, que un non ten presa para marchar… se hai viño e parola as pernas non se me volven tolas por coller o camiño da casa e con elas, eu tampouco. Ben sabe miña muller desa teima: ela tamén sabe ben que como haxa cantareiros e foliada, ben, así aínda é peor… que non hai cousa máis bonita que o cantar aquelas vellas cancións que se cantaban antes polos bares. E ben certo é que a min, como bo mariñeiro, non se me da nada mal o cantar.

Pois cadrou que ese día estaba eu tomando uns viños e apareceron uns rapaces de alí, do Casco Vello, pediron unhas cervexas e puxéronse a cantar, e mentres estaba eu a miralos, cas súas cantigas, tocando tamén a pandeireta, unha tras outra, e mirando como un par de parellas lles botaban un baile así polo miúdo que moito sitio tampouco vos había, pensei no bonito que era ver aquilo, aqueles mozos novos pasándoo ben con cousas que antes eran de vellos. Pensei… a vida é para gozala cando se pode que para sufrir, sufrimentos temos a mans cheas.

E cavilando nesas cousas, cantando tamén con eles ou simplemente escoitándoos o tempo foise pasando porque como vos dixen antes, se hai viño, parola e cantares, non hai quen me faga marchar.

E foi entón cando aconteceu que entraron tres mozos, unha muller e dous homes, vestidos con roupa tradicional e que eran o grupo máis peculiar que mirara na miña vida. E non o era pola roupa de cotío que levaban, non. Nin polas zamancas que levaban algúns deles ou polas zocas con polainas que levaba o outro. Nin polos puchos dos homes, nin polo pano da muller… non, o peculiar do trío era que un deles, o que levaba o traxe máis rechamante, un traxe de pano amarelo e as zocas con polainas ben axeitadiñas, era negro, negro ébano, negro como o chocolate puro máis puro, deses negros que cando rin mostran unha branca ringleira de dentes perfectos. Tan negro que era que non había dúbida de se ese home era galego ou non.

Como nese momento eu xa levaba uns cantos viños e, pasándome á sobremesa, xa empezara a probar o licor café local, en canto tiven a ocasión achegueime ao compañeiro do home en cuestión e empecei a falar con el do traxe que levaba, e cando a cousa xa pintou ben, cando xa había unha certa confianza de homes bébedos, pregunteille polo seu amigo… o negro vestido de cotío, explicándolle que aínda que non tiña nada de raro, pois algo de raro si que tiña e que sentía unha curiosidade xigantesca, se cadra, axigantada polo alcol.

E non podedes imaxinar, amigos meus, o que me sorprendeu a resposta que me deu. Non o podedes imaxinar, porque, xa vos digo, eu, sendo mariñeiro como son, ben, mariñeiro xubilado pero mariñeiro no fondo, ben sei o que a ese rapaz se lle pasou pola cabeza, ben sei das bágoas que me caían polas fazulas mentres me estaban a contar aquela historia, e ben sei o que se sofre cando o teu barco afunde e todo o que está ao teu arredor móvese para abaixo e ti pensas que non vas dar posto o traxe salvavidas antes de que a auga reclame por completo a coroza de madeira que te mantén a flote.

Non vou saber eu o mal que se pasa cando se está aboiando na escuridade co puto traxe salvavidas autoinchable con asubío incorporado! Cando tratas de te relaxar, que nunca o fas, mentres intentas asumir que vas ser recollido pronto por un barco e que non existe ese frío brutal que che vai collendo o corpo enteiro pouco a pouco! Porque por moito que un queira pensar outra cousa, cando se está tirado no medio do mar, aínda tendo a sorte de poder mirar as estrelas, aínda ca mar tranquila, por moito que un saiba que vai ser rescatado, pouco a pouco, mentres o frío do mar che colle nas súas mans, vaiche tamén collendo a cabeza a idea de que non dan chegado, de que ninguén escoita o teu asubío, que nunca van chegar e che entra unha angustia que eu nunca coñecín outra igual.

As zocas e o mariñeiro (2)

8 de abr. de 2014

Na poleira non, no galiñeiro

Despois de unha brutal semana de vacacións da Reconquista, semana de festa en festa e tiro porque me toca, pasar o domingo de pateada era, para min, un plan máis que apetecible. O sábado pola noite pintaba serán tranquilo despois de concerto de Grupo da Morte pero o órdago á chica nunca vai ben e a noite plantoume un par de pitos que me deixaron cunha festa ben rachada. A cousa é que liouse o serán, e ao final, marchamos de Fozara rozando ás seis da madrugada, en plan "pechaseráns", que xa facía tempo. Si a iso lle sumamos unha noite de licor café e pandeireta no Eicho de Dar Queridiña, outra noite similar no Galo do Vento despois de foliada... e os catro días da REC (si, dixen catro... eu che maldigho Santiago Veloso)... ben... erguerse para comer tranquilamente macarróns con grelos mentras miro o último e terriblemente bo capítulo de Breaking Bad, e logo ir camiñar non era precisamente un mal plan...

Paseo Galiñeiro 060414 012b

Sobretodo si un podía ter unha das mellores compañías posibles... a miña amiga Sara, cantareira ocasional, teatreira de corazón, performadora sustituta, esquiadora, corredora, e centos de cousas máis... unha delas, un sorriso e uns ollos que botan felicidade para todos lados.

Paseo Galiñeiro 060414 014b

E non o vou dicir de outro xeito... costou subir por aquelas costas, por aquelas pedras, custou moito para un corpo grande e vikingo como o meu... custou moito polas horas e horas de esmorga que leva acumuladas... pero, pero, pagou moito a pena. Non só pola compañía, que sempre se agradece, se non tamén polas vistas que hai no Galiñeiro, que non as pode haber mellores... e o que non o crea que mire as fotos se non lle apetece subir ata alá arriba.

Paseo Galiñeiro 060414 025c

Gabeando polas pedras como cabra montesa botei ben fóra os vapores acumulados desta semana trouleira que vou tardar en esquecer, e espero, en repetir, e tamén parte dos bichos que levan semanas a fozar na miña gorxa facendo do meu cantar un aquel digno de Paquirríns e Cía. E tanto botei que ao chegar ao penedo máis alto apuraba respiración axitada e insuficiente, pero iso non impediu que gozase dos amplos ollares do Val Miñor e Baiona, Monfero, Gondomar...

Paseo Galiñeiro 060414 027b

e do vello CUVI de pasadas experiencias e do gran Vigo de presentes vivires, non me impediu recoñecer as Cíes e as Ons case no horizonte, e no fondo, case no límite do ollar, Sálvora na entrada da miña ría de Arousa e apenas recoñocibles, a península do Grove a un lado e Corrubedo na punta, ao outro...

E tamén contraluces de nubes contrastadas en brancos e negros sobre ceos azuis e verdes luminosos, pasando pola carta de grises enteiriña, como se o ceo desa tarde quixera ter un balance de brancos exacto, un equilibrio de grises exquisito, un punto de negros irrepetible.

Paseo Galiñeiro 060414 029c

6 de abr. de 2014

O Principio da Indeterminación (VIII)

Hoxe Lucía, sorrindo, tiña pensado pasar toda a tarde na casa ordenando e limpando, e gardando e arquivando apuntes, dela e de Miguel, que despois de tantas cousa que pasaran o cuarto de estudar estaba cheo de papeis acá e acolá, pero fai boa tarde e decide que mellor xa o deixará para mañá que días como ese non hai tantos no ano e que hai que aproveitar despois de tanto traballo.

A Alameda está máis fermosa que nunca, chea de nenos correndo e xogando ó futbol, de vellos paseantes ou de mamás con carriños de bebés. E de estudantes. Párase no miradoiro, cantas veces sentou alí con Miguel, o difícil que é conseguir que estea baleiro, e mira á catedral, ao pazo de Raxoi e alí abaixo, á ventá da súa vella habitación. Que pequena que é. Luce o sol entre as follas dos plátanos de paseo e dos abetos, entre as dos castiñeiros, e pensa que non pode ser máis feliz, e pensa en Miguel, en que non podería ter atopado mellor home, no bo que é que está a traballar nun traballo que non lle gusta, que non o enche para poder seguir a vivir con ela. Pensa que será boa idea baixar ata o seu traballo para esperalo á saída, que hoxe sairá antes, ás oito, e darlle así unha boa sorpresa, seguro que el se alegrará.

Pero é cedo e para a tomar un café no Cibeles, estase ben, tan ben que de súpeto mira a hora no móbil e dáse de conta que é tarde que xa son as oito e cuarto e que como non apure xa non colle a Miguel. Paga rápido, sae correndo cara a porta de arriba do Carrefour, seguro que aínda está dentro, e tropeza de narices con el, que sae nese momento… Miguel, que a mira sorprendido… apenas di hola, e de súpeto detrás del unha voz de muller que di,

“Cariño, xa estou lista, espero que non te fixera esperar moito.”

E Luca que mira a unha muller que tamén a mira a ela sorprendida e que lle colle do brazo a Miguel, sorprendido Miguel, que lle da un bico nos beizos,

“Hola, quen é Miguel?”

E Luca entende e bota a correr e polo camiño non se decata de que dende o momento en que se deu a volta comezou a chorar e que vai tardar moito en parar.

 

Ramón xa pechou o local e está a chamar á súa muller, hoxe vou tardar, teño moito que falar con Luca, que non te preocupes. Lucía pon un anaco de madeira novo no lume. Coñeceu á muller de Mon fai unha hora, que guapa que era, e que ben se a miraba a ela con el, boa parella fan. E que confianza teñen. Xa fai tempo que remataron a botella de licor café e Moncho trae outra. Hai moito do que falar. Moitas cousas que arranxar. Parece que se moveran moito dende fai sete anos pero todo segue aí no mesmo sitio.

“Luca, e dis que el levaba saíndo ca rapaza esa dende facía un mes?”
“Si, traballaba con el: ás dúas semanas de entrar no Carrefour coñeceuna e unha semana despois xa estaba con ela. Cando cheguei a casa era como si estivera fóra de min e seguín a recoller as cousas do estudo e atopei no medio duns apuntes del cartas dela… mira ti que parvada, nos tempos que corren, que todo se fai por móbil e ela escribíalle cartas de namourada a el. Nese momento foi como saír a flote estando a piques de afogar e todo fíxose real para min… agarrei unha maleta, metín cousas del dentro, o resto en caixas, e deixeillo na porta.”
“E el non fixo nada?”
“Si tratou de falar comigo dúas veces pero eu non lle fixen caso. Moncho, foi como si de súpeto me pechasen cun muro de cemento, entendes? Eu pasaba o día chorando metida na casa e nin me decataba. Estiben dous días chorando sen parar e sen comer.”
“El viu a falar comigo varias veces e eu trataba de falar contigo, e cando marchaches empezoume a contar un montón de historias e eu… ben, ti sabes o que eu sentía por ti, non? Discutimos, mandeino á merda e xa non volvemos a tratar igual. Quedabamos de cando en vez pero xa non éramos bos amigos. Descubrimos demasiado tarde que eras ti a que nos facía levarnos ben.”

 

Miguel está parado. Non se pode mover. Como si morrera. Está esperto pero sente que está a durmir nun pesadelo.

Nunca pensou que estivera facendo mal algún. Nas súas ensoñacións mirábase un día contándolle a Luca que xa non a quería, que coñecera a outra persoa ou simplemente non contándolle nada (ollos que non ben, corazón que non sinte), non tiña por qué facelo que ela nada sabía, e ela entenderíao e todos serían felices. Noutras víase o resto da súa vida cas dúas mulleres a un tempo, sen problemas, cada unha nunha parcela da súa vida, sen interferir na outra, felices tamén os tres. Pero aquela tarde deuse de conta que nalgún momento do último mes perdera a perspectiva das cousas e que deixara de ser consciente do que facía. Aquela tarde deuse de conta de que recuperou esa consciencia da súa vida de golpe, na porta do seu traballo e decatouse tamén do moito que quería a Luca e do dano que lle acababa de facer. Quería morrer pero agora xa era demasiado tarde: xa pasara o tempo dos arranxos e das tiritas. Agora chegara o tempo da desesperación, da tristura da alma que perdeu un anaco de si mesma, dos choros… dos arrepentimentos, e dos perdóns que nunca serían concedidos.

Miguel movíase rápido tan rápido que un día descubriu que non sabía onde estaba. Que se perdera a si mesmo polo camiño e que perdera a Luca tamén: nunca máis habería de atopala.

 

“Moncho, pódoche facer unha pregunta?”
“Dime.”
“Qué foi del?”
“Marchou para Madrid e parece ser que alí traballa para unha inmobiliaria. Fai un par de meses viu por Santiago a facer uns negocios e parou a tomar algo aquí. Saímos e agarrouse unha boa. Agora toma guisquis con xeo e dálle á coca que non veas. Non sei, creo que anda moi ben de cartos pero polo que lle entendín debe de andar leado con algún político. Xa sabes, merdas desas das constructoras.”
“Sabes si casou ou si ten parella? Si é feliz?”
“Luca!... Vale, cóntoche. Parece ser que casou pero polo que soltou cando xa estaba borracho aquel día e polo que vin, a pobre da muller debe de ter máis cornos que eu chourizos colgados do teito. Non sei Luca, non debe ser moi feliz.”

Silencio.

“Non dis nada nena.”
“Non, estaba a pensar. Pensaba no día que empezamos a saír. Cando cho contei. Falabamos do principio de incertidumbre…”
“Si, lémbrome, pensei que… da igual, dime.”
“Mira como son as cousas. Ti querías ser unha persoa rica e famosa, das que destacan entre as demais. Ás veces incluso eras demasiado ambicioso. Pero iso non era máis que o que se vía por fora que eu che coñecía ben e sabía como eras realmente por dentro. Ti querías moverte, saír da Galiza e ser famoso fóra dela e o final quedaches no sitio, e estás ben, centrado, tes unha boa vida. E Miguel que era todo o contrario, tan solidario, tan nacionalista, que deiquí non se movía, mira ti como acabou despois de todo este tempo. Marchou. Moveuse e agora non sabe onde está, anda perdido, afundido. Como as partículas das que falamos aquel día. Móvense e non sabes onde están e se están paradas non sabes cómo se moven.”
“E ti Luca?”
“Eu sempre estiven aquí, quieta, escoitando, o voso núcleo.”

FIN

O Principio da Indeterminación (VII)