UA-55725853-1

14 de set. de 2011

Expendedores automáticos

Parece ser que na cousa da invención das máquinas expendedoras os americanos non foron os primeiros, nin sequera os segundos, porque segundo escoitei o outro día na radio, a primeira máquina para servir automaticamente algo foi construída en Alexandría alá polo século I despois de Cristo polo enxeñeiro grego Herón, vamos, que se pode dicir que a inventaron os romanos.

Aquela primeira expendedora automática repartía auga bendita nos templos cando deixabas caer unha moeda por unha fendedura. A moeda caía sobre unha panca que baixaba polo peso da moeda e tiraba da válvula que deixaba pasar a auga.

Xa vedes que hai cousas que non cambiaron en 2000 anos: a relixión sempre promovendo como sacarnos os cartos dun xeito máis efectivo.

A máquina expendedora moderna foi un deseño inglés, alá polo ano 1880, en Londres, para vender tarxetas postais. E xa en 1888, a primeira nos EEUU, que vendía goma de mascar no metro de Nova Iorque.

Estamos xa no século XXI e as máquinas expendedoras venden de todo. Refrescos, comida, prensa, condóns, xeados, vermes para pescar, libros, tabaco, papel de lear, golosinas, froitos secos, patacas fritas, sandwiches, pizza, bocatas quentes, café.

En Xapón hainas que venden ramen (unha sopa), ovos frescos, paraugas, fritangas, flores… ata queroseno e moitas cousas máis. En Amsterdand parece ser que hai máquinas que expenden maría. En Vigo teño mirado nun local que hai baixando do Bocateo para Eduardo Chao, unha máquina que vende consoladores e produtos eróticos… vamos, que hoxe en día nunha máquina expendedora pódese vender de todo. Incluso comprar: xa hai máquinas que recollen vidro ou plástico e devolven cartos.

É o signo dos tempos. Hoxe en día pódese vender calquera cousa, incluso automaticamente. Algún día atoparemos máquinas expendedoras que vendan felicidade, pracer, consolo, evasión, orgasmos… a propia alma ao demo, a integridade moral de cada un…

O que estaría ben sería que as houbese que venderan sentido común, intelixencia, respecto… claro que ao mellor esas non tiñan moito éxito.

Ningún comentario :

Publicar un comentario