UA-55725853-1

22 de set. de 2011

O inmoral e triste torneo do touro da Vega

Hai un sitio en Castela, en Valladoliz, de cuxo nome non quixera lembrarme pero que debo mencionar para que acabe dunha vez a barbarie que nel reside. É Tordesillas, e nel, cada ano, na honra da Virxe da Peña, celébrase unha salvaxada que eles teñen a ben chamar “EL INMEMORIAL Y FELIZ TORNEO DEL TORO DE LA VEGA”.

Miro as imaxes en youtube da "festa" do touro da Vega e só podo pensar dúas cousas.

  1. Que as galiñas corren con máis estilo que os participantes da "festa" cando escapan pola chegada do “morlaco”. Cando aparece o touro, os participantes botan a correr e aínda que o intentan, non son quen de ir tan rápidos como a súa suposta bravura, coraxe e valentía.
  2. Que a vergoña, a deshonra e máis que nada a covardía pariron abundantemente en Tordesillas, onde só son capaces de enfrontarse ao touro desde o outro lado dunha lanza e na maior parte dos casos a traizón, por detrás. Se eu fose tordesillano renegaría do meu nacemento. Un pobo que celebra un festexo como este, non merece nin a auga do meu cuspe.

Eu non defendo as touradas, todo o contrario, pero ao César o que é do César: hai que ter moito valor para poñerse diante dun touro na area da praza, armado únicamente cun trozo de tela. Eu non me atrevería na miña vida. Pero nesta suposta “festa” que valor hai? Onde está a valentía deses homes que agochan a súa vergoña tras desmedidas picas?

A que non pariu en Tordesillas foi a intelixencia. Nin a compaixón.

Pouco valor poden ter os tan pequenos cerebros das cabezas tordesillanas porque probablemente entre todos os dos participantes e defensores do touro de la Vega non xuntan nin medio.

E iso sendo xenerosos.



Ningún comentario :

Publicar un comentario