UA-55725853-1

19 de xul. de 2011

Cómicos de altura: Samuel Juárez

Samuel Juárez, por si alguén non o sabe, é o Conselleiro de Medio Rural, da flamante e aforradora Xunta feixooniana… a do goberno que é de Bankia.

O Conselleiro, Deus teñao na gloria que el non é un botafumeiro,  de Medio Rural, por si non o sabedes, é o que leva toda a política relacionada co medio ambente e como non, co lume forestal. É dicir, políticas de prevención, extinción de lumes, coordinación dos traballos e recuperación de montes queimados.

Pois ben, o señor este, ven de presentar o proxecto da nova Lei de Montes, e xa non polas críticas recividas, que non parecen poucas, se non polo que declarou na presentación, dáme a risa. Parto ca risa… O Sr. Juárez alegroume o día. Póñovos as declaracións que ven de recoller o diario Xornal.

  • Que “non ten sentido dende o punto de vista económico e ambiental” referíndose á limpeza de montes anual para evitar incendios.
  • Di que lle sorprenden as críticas porque existen en Galiza “dous millóns de hectáreas de monte” polo que “non ten sentido” a limpeza de montes.
  • Di que “parece que se limpasen os montes” cos anteriores gobernos e nos anteriores anos, e subliñou, “non foi así”.
  • Que “os montes arden porque hai alguén que lles prende lume” e recordou que “polo menos tres de cada catro lumes prodúcense porque alguén lles prendeu lume”.
  • Lamenta que se “poña o acento en criticar a quen apaga o lume e non a quen prende as lapas”.
  • Que o obxecto da lei é “establecer un réxime xurídico estable” que se “adecúe á realidade galega e dea resposta ás continuas demandas que formulan os distintos axentes vinculados ao sector forestal”.

Os despropósitos destas declracións asustan e demostran ou ben unha capacidade de neglixencia e de descoñecemento do medio fóra do común (cousa que non ten sentido) ou ben a máis total negación da realidade para crearse a súa propia no sentido explicado por George Orwell en “1984”: a redacción dunha nova realidade por parte da administración é a solución dos problemas.

Nunca debe rechazarse a limpeza do monte como prevención dos lumes, porque depender unicamente dos servizos de extinción é perigoso: supón aceptar que parte do monte vai arder cada ano porque os servizos non actúan instantáneamente. Supón aceptar o risco de que por condicións adversas un lume se desmadre e se volva incontolabre. Supón aceptar o risco de por en perigo aos traballadores deses servizos e que poda morrer xente. E supón admitir perdas económicas e perda do espazo natural e ter que recuperalo…

No pasado a xente limpaba os montes porque necesitaban material para facer as camas dos animais, proceso que producía o estrume co que se fertilizaban as leiras. No pasado non había tantos lumes como agora. De habelos, Galiza sería un ermo dun lado ao outro. Se hoxe en día moitas veces costa moitos traballiños controlar un lume, no pasado, sen os medios modernos, sería imposible atallar un lume forestal.

E cal é a relación entre as hectáreas de monte e a non necesidade da súa limpeza? Quere dicir que son poucas hectáreas e que por iso non é necesario a prevención?

A prevención sempre é a mellor ferramente. Imaxinades que o responsable de tráfico fai unhas declaracións similares? Que non é boa idea a prevención (educar aos conductores, mellorar as estradas, mellorar a sinalización, etc), se non que o que hai que facer é mellorar os servizos de emerxencia (bombeiros, protección civil, ambulancias)?

MUXIA

Logo está o da memoria selectiva do PP: lembra o conselleiro que  a anterior Xunta non limpou o monte, pero non lembra que daquela o PP negau que o monte ardera de xeito intencionado. En 2006 non houbo trama algunha nin pirómanos: foi accidental. Agora en 2011 si o monte si que arde itencionadamente…

Por certo, a prevención non é unha crítica aos reténs, porque son complementarios: os reténs poden traballar o ano enteiro na limpeza.

E a última declaración… ben… pensades que alguén que critica e ridiculiza ás críticas está tendo en consideración a todos os axentes relacionados co problema?

A solución é e será prever: limpar o monte durante o ano para reducir a masa de sotomonte. Claro que iso supón invertir cartos e claro… agora hai que ser austeros.

Ningún comentario :

Publicar un comentario