UA-55725853-1

26 de xul. de 2011

Festigal 2011

Incribles dous días que pasamos en Santiago. En realidade menos… un día e unhas poucas horas, tempo de sobra para ver seis pedazo concertos… Loreta Martin (que posiblemente foi o máis regular de todos), Deolinda e Deus ke te crew o domingo, e Pablo Díaz, Orquestra Os Modernos e Berrogüetto onte…

Quedaron estos cinco últimos concertos gravados na miña memoria como “os mellores concertos aos que teño asistido”.

A cousa é que despois dunha excelente cea na do Morgan, no “O xa cheghou”, baixamos ao Festigal onde estaba a empezar o concerto de Loreta Martin, un grupo que fai funky en galego, que non está nada mal pero que seguramente, dende o meu punto de vista, necesitaría máis aporte instrumental.

Remata Loreta Martin e empezan a preparar o escenario para o seguinte grupo: tres micros e duás sillas sobre un estrado branco e de fondo, un telón de fortes cores decorado con sinxelos debuxos. De súpeto sae o grupo, dúas guitarras españolas, un baixo e a cantante e comezan a tocar unha música que lembra ao fado pero que non é fado, unha música que ilumina todo, alegre, xeitosa e eu xa non son quen de deixar de prestarlles atención… fico abraiado pola fermosura no medio dun Festigal cheo de xente bébeda, nova e non tan nova, con ganas de caña, pero que lonxe de aborrecer un grupo que parece estar fóra de sitio tamén o aplauden e deixan que o seu ritmo mova os seus corpos.

Miro ao meu arredor e non podo sair do meu abraio… a xente está a bailar, a desfrutar do concerto de Deolinda… das guitarras, do baixo, da fermosa, potente e dominada voz da cantante Ana Bacalhau. Pouco a pouco a xente vaise animando e entón, xa no final, botan un tema chamado “Que parva que eu son”, un tema lento, un pouco con ritmo de marcha que fala dos tempos que corren, da crise, de como os rapaces estudian pero non saben nada, e non teñen traballo e teñen que quedar na casa… e entón a xente estala e todos vitorean ao grupo… xa volo digo…. foi incrible.

Logo de Deolinda apareceu Deus Ke Te Crew… co seu Hip Hop en galego, rimando para queixarse da vida, para contar as cousas boas da vida, para expresar sentimentos: a xente xa viña animada de Deolinda así que os de Ordes non necesitaron facer moito para que o público empezase a bailar. Apoteose rapeira aderezada ca potencia hard core dos Machina. “Bembidos a Mordor” di unha das súas cancións e fala de Cerceda… a verdade, irónica, en verso.

Remata Deus Ke Te Crew e o noso pequeno grupo de catro xa non pode máis… marchamos ao coche. Aínda temos que ir ao sitio onde poremos as tendas, agocharmonos das patrullas e tratar de durmir unhas poucas horas no silencio do bosque e co ritmo das ras. Así é: mañá chea de brétema con despertador canino tres horas máis tarde. Ninguén vai ao Festigal e ao día da Patria a durmir moito e ben.

Abaixo en Santiago, almorzo, dous cafés con pan tomaca e xamón. A manifestación require estar ben de forzas, non vaia ser que non poidamos nin ca pandeireta: lonxe quedan os tempos de correr diante dos grises pero nunca se sabe cando os alcaldes teñen título nobiliario no apelido. A sombra das nubes dura o que tardamos en chegar á Quintana nos e os amigos vigueses a ritmo de festa tradicional galega, que se vexa o ben que o pasamos as xentes que amamos esta terra. Na Quintana xa pega máis o sol e espéranos unha praza ateigada de persoas, bandeiras, discursos e das notas do imno galego sen recortes. Sae do peito, do corazón, ata a última das notas.

Logo de tomar un viño, buscamos un sitio onde comer e descansar un rato pero é imposible. Ordas de orcos adolescentes cargados de alcol e disfrazados de elfos tomaron a noite anterior cada recuncho do campus e deixaron a súa pegada… cheiro a mexo, botellas, merda, condóns… e falta total de respecto polo fermoso recinto universitario. Ao final comida entre as carpas e soño, necesario, aderezado con trebón de Tomiño. Eu, a pesares diso, logrei durmir.

Despois da sesta a tarde comezou, recargadas as pilas, con encontro de vellos amigos e seguiu con fermosas sorpresas. Primeiro co concerto de Pablo Díaz, Tic Tac, espectáculo musical para nenos, dos de verdade e dos de corazón. Pasámolo ben gracias á música e por ver o ben que o estaban a pasar os enanos. Énchese o corpo de felicidade mirándoos bailar, cantar as cancións, emocionarse… hai futuro.

E segundo Orquestra Os Modernos: xa na carpa do Café Concerto, cas cervexas e refrescos na man logramos coller onde sentar… pero para que? Foi sair ao escenario o grupo, seis tipos ataviados como intelectuais de principios do século XX e xa non houbo parada. Agarrados, soltos… a xente toleou. Querían baile e tiveron baile. Nos tamén: rematamos o concerto suorosos, ca lingua (galega) de fóra e satisfeitos de tanto baile. Vivan Os Modernos!

Marchamos á Quintana, que as dez e media empeza o concerto de Berrogüetto. Eu xa saturado de emocións, cansado do corpo, non espero máis que un relaxante concerto dun dos mellores grupos galegos e atopo máis festa, máis emocións… as lágrimas a piques de sair cargadas de ledicia. Berrogüetto toca e sae maxia, fermosura que enche a praza de electricidade, de cor. Berrogüetto e, por esa noite especial, as pandereteiras de Cantigas e Agarimos. Xuntos tocan temas do primeiro disco e nos, o público enteiro, Santiago, tocamos o ceo. Lupe e eu aínda temos tempo de botar os últimos bailes do día.

Ao final, cansos, volvemos aos coches. Por diante a viaxe de volta a Vigo co coñecemento, na cabeza e no corazón, de que viñamos de vivir unha experiencia grandiosa, uns días inolvidables.

Ningún comentario :

Publicar un comentario