UA-55725853-1

13 de xul. de 2011

Primeiro día en Estambul (2)

Ese primeiro día pola tarde tocou paseo nocturno. Co galo das visitas da mañá a comida retrasouse un montón e aínda botamos sesta e para cando saímos do hotel, a iso das 5 e media, xa era noite.

Non vos falei do tranvía. Estambul ten unha boa rede de transportes aínda que certos autobuses ou os dolmbuses (especie de taxi comunitario) dan un pouquiño de medo. Tamén teñen unha liña de tranvía que recorre a arteria principal de Estambul pasando polo Sultanahmet. Está moi ben porque non tes problemas para achegarte a certas zonas, os tranvías pasan como moito cada 10 minutos e se o que queres coller vai moi cheo, esperas ao que ven detrás que de seguro que vai máis valeiro.

Esa noite miraramos nas guías que falaban da zona de Gálata, da torre, da rúa Istiklal e da praza Taksim, así que collimos o tranvía e alá marchamos. Läleli, Beyazit, Kapali Çarsi, Çemberlitas, Sultanahmet, Gülhane, Eminönü e a través da Ponte de Gálata para parar en Karaköy, no barrio de Beyoglu. Logo fas un transvordo, colles o tranvía do Tünel, que realmente é un teleférico subterráneo para subir á parte alta, e xa estás en Galata.

Primeiro obxectivo, buscar a Torre de Galata. Como regalo inesperado descubrimos outra das curiosidades de Estambul. Estabamos baixando pola rúa cando nos decatamos de que todas as tendas eran de música. Unha, a seguinte, e a seguinte, e do outro lado igual. Empezamos a contalas e iamos pola número 20 e aínda había máis. Nos seguintes días poidemos comprovar que toda a cidade é así. A rúa das zapaterías, a rúa das tendas de sombreiros, a rúa dos repostos de automóviles... E como non, aquela rúa de Gálata que era a rúa dos instrumentos musicais.

O que hai en todas as rúas sin distinción son os sitios para comer... e tamén os postos de froita nos que che preparan no momento un zume (especialmente de laranxa e granada) para que o vaias tomando pola rúa. Hainas en todos lados e a pesares de ter os expositores de froita na rúa teñen un xénero dunha calidade excelente. E para mostra unha foto.

Tenda de zumos en Galata Tenda de zumos en Galata

Istiklal Caddesi é a rúa comercial e o centro do ocio de Estambul. É como Príncipe pero tres veces máis longa, con moitas máis tendas e moito máis de todo. Esta chea de tendas de roupa, de lugares para comer, de bares de copas... E de luces, como se fora sempre o Nadal, o que fai unha rúa animada, deslumbrante, colorida. Empeza preto da saída do Teleférico de Tünel e pódese recorrer andando porque é peonil ou no Tranvía da Nostalxia, que non é máis que un tranvía que simula os vellos tranvías de toda a vida.

Istlikal Cd - Tranvía da nostalxia

Antes de botar a andar por Istiklal Caddesi decidimos visitar a Torre Gálata, así que empezamos a baixar pola rúa das tendas de instrumentos musicais ata que abríuse a unha zona aberta, unha praza cunha chea de bares e restaurantes (un deles de comida española) e a un lado, maxestuosa, a Torre Gálata, que foi construida polos xenoveses cando ese lado da cidade lles pertencía. Daquela usábase para vixiar a cidade... logo foi usada como torre de vixiancia dos bombeiros.

Paradóxicamente foi pasto dun lume e cando foi reconstruida pasou a ser un dos monumentos emblemáticos da cidade, un excelente mirador, e pub e restaurante, os dous están no cumio.

Torre Galata Torre Galata

Torre Galata

A vista dende alí arriba é impresionate. Claramente era un bo punto de vixiancia. Contrólase todo o Corno de Ouro ata o Bósforo, toda a parte sur da cidade e parte da zona asiática... o malo foi que chovía, e ventaba, e facía frío e era de noite... Foi interesantísimo pero tería sido moito máis de facer mellor tempo ou ser de día.

Aínda así tirei algunha foto interesante das vistas. Nesta foto, por exemplo, distínguese a mezquita Süleymaniye, xusto no centro.

Torre Galata - Haliç e Süleymaniye Camii

Nesta outra podemos ver a ponte de Gálata, con varios barcos agardando para pasala e ca Mezquita Nova a un lado. Á dereita da ponte están os barcos que venden peixe á grella. É un traballo de risco: mete medo mirar aos cociñeiros na cuberta dos barcos, cas grellas traballando sen parar, e co barco balanceando arriba e abaixo pola ondaxe do Corno de Ouro.

Torre Galata - Ponte Galata e Mezquita Nova

Esta é unha vista do Serrayo, o pazo de Topkapi e á dereita da foto, inmensa, Santa Sofía. Alá ao fondo distínguense as luces de Asia!

Torre Galata - Haliç, Pazo Topkapi e Santa Sofía

Outra vista, ampliada, da zona monumental de Estambul, parte do Serrallo e o barrio de Sultanahmet. Pódense ver Santa Sofía á esquerda e un pouco máis á dereita, polas luces dos seus minaretes, distínguese a Mezquita Azul.

Torre Galata - Santa Sofía e Mezquita Azul

E xa por último unha vista ampliada do Pazo de Topkapi. Xa sei que non se distingue moito. Nese momento da visita estaba pegando forte o vento e Lupiña morría co frío. Eu tamén.

Torre Galata - Pazo Topkapi

Como xa dixen antes, Istiklal Caddesi é unha rúa chea de tendas de roupa (Pull & Bear, Mango, Springfield), de música, de bares fashion, de restaurantes máis fashion todavía, de pequenos bazares… É unha das rúas máis comerciais e máis concurridas de todo Estambul. Antiguamente era chamada a Rúa de Péra, e era das máis europeas. De feito nela hai moitos consulados, o de Alemaña, o de Francia, o de Holanda…  Nela hai polo menos, que nos miráramos, un par de igrexas católicas e unha ortodoxa. Chamáronnos a atención os enreixados que as protexían… por qué sería? Nunha ata había arame de espiño!

En Istiklal Caddesi tamén está o famosísimo Liceo Galatasarai.

A rúa remata na Praza Taksim, un xigantesco espazo no alto da colina e que como para o lado contrario de Istiklal Cd. ten un parque da a sensación de que alí remata a cidade porque non ves os edificios do outro lado.

Aquelo está cheo de postos de castañas asadas. Se queredes comer castañas asadas, algo típico de Estambul (eles dinlle kestane) non o fagades en Taksim (nin en toda a rúa Istiklal) porque  son os postos máis caros que atopamos. Esa é outra peculiaridade de Estambul, os postos de comida na rúa… principalmente hainos de castañas e de Simit, un pan trenzado e circular recuberto de sementes de sésamo.

Gustoume moito como traballan os donos dos postos de castañas asadas. Os postos, uns carriños pequenos, teñen unha prancha que é onde as asan e do lado un espacio libre que é onde poñen as castañas xa listas formando figuras como círculos, estrelas, con todas as castañas perfectamente postas. E para asalas, cunhas pinzas, van collendo unha a unha para darlles a volta. Ao seu lado as castañeiras galegas son unha panda de descoidados.

A cousa non remata en Istlikal Caddesi. Na zona final, preto de praza Taksim, as rúas perpendiculares están cheas de bares de moda, moitos deles claramente de ambiente onde podes tomar unha cervexa e fumar unha pipa de auga. E no inicio da rúa e en casi toda a súa lonxitude, por un dos lados, hai unha serie de ruelas cheas de locais de comida, como se foran sitios de tapeo, de locais de copas. Esas ruelas son estreitas pero están cheas de xente e de mesas, ningunha libre, de luces, de conversas... Co tempo que facía aquela noite! Aquí non habería ninguén pola rúa, todos en casiña, pero alí dálles igual: abren toldos, poñen estufas e como si fora verán… e se non o creedes mirade estas dúas fotos. Nunca pensamos que nunha cidade islámica poidese haber tan bo ambiente nocturno.

Rúa de Bares preto de Istlikal Cd

Rúa de Bares preto de Istlikal Cd

E para rematar non podía faltar unha foto con gato: unha tenda de roupa de Istiklal Caddesi. O gato panchamente instalado no escaparate, tirado entre os maniquís, lambéndose. Usou a alfombra da entrada para estirarse un pouco e a ninguén parecíalle importar. Todo o contrario.

Gato fashion en Istlikal Cd

E aquí remata o primeiro día en Estambul… vos aseguro que esa noite durmimos de medo, y iso que por baixo da nosa ventana había unha discoteca afterhours que non parou en toda a noite. Malladiños estabamos.

Primeiro día en Estambul (1)

Ningún comentario :

Publicar un comentario