UA-55725853-1

8 de xul. de 2011

Primeiro día en Estambul (1)

Como son... miña nai sempre me dicía que non coñeceu a ningúen con tanta pachorra. Neste caso a demostración é clara: en 10 días faremos 5 meses casados, e aínda hoxe estou poñendo no blog as fotos da lúa de mel... que lle vou facer... son como son. Nunca teño prisa. Así que, casi cinco meses despois, velaiván as fotos da viaxe.

Estambul é unha cidade impresionante. Fermosa e fea, histórica e moderna, pobre e rica... acolle á xente cos brazos abertos, teñen moita amabilidade co visitante, pero ao mesmo tempo a miseria e a desgracia inunda as súas rúas. Non ten nada que envexar a outras grandes cidades europeas por cousas que ver, monumentos históricos, vistas fermosas. Pero ten algo... algo que fai que te enganche, que fai que parte de ti quede alí. Fai tempo dende a viaxe e aínda agora se miramos unha reportaxe na tv ou nunha revista falamos de Estambul emocionados... "mira Lupe, a torre Gálata" ou "anda, Edu, ahí estivemos nos!".

O certo é que a primeira cousa memorable que vimos na viaxe foi no avión, cando casualmente, pasando por riba de Italia, decateime, ao mirar pola ventaniña, que estabamos a pasar por riba do volcán Vesuvio... Tivemos sorte... o Mediterráneo estaba cuberto de nubes. Pero había claros e, como digo por sorte, nos momentos xustos... cando pasabamos por riba da illa de Mallorca e logo cando sobrevolamos o norte de Cerdeña, un claro que chegaba ata a costa italiana e que permitíunos mirar Nápoles, e despois, o fabuloso monte Vesuvio. Ahí tendes a foto que tirei.

Monte Vesuvio

Logo encheuse o ceo de nubes... e xa non volvimos a mira-lo ceo azul ata o último día da viaxe.

Como dixen, Estambul é espectacular, pero á chegada foi, digamos, decepcionante. Moita choiva, noite pecha, e un paseo pola zona suburbana da cidade que nos deixou un pouco de aquela maneira, pensando... onde carallo estamos a meternos. Pero logo, despois de nos rexistrar no hotel, botamos a andar, sen saber moi ben a onde e pouco a pouco a cidade facíase máis limpa, máis fermosa. Cando nos dimos conta, tiñamos diante nosa, dun lado a Mezquita Sultanahmet, a famosa Mezquita Azul, e do outro, aínda máis famosa, imponente, inmensa, a basílica de Santa Sofía, as dúas baixo as luces que recortaban a súa silueta na escura noite.

Aquela noite tivemos o noso primeiro contacto ca vida turca. Primeiro ca noble arte do regateo. Mercámoslle unha guía a un home preto da universidade. E logo provamos o Kumpir, un prato local, unha pataca asada cortada á metade e rechea de algo similar á ensaladilla rusa pero moito máis saboroso. Sinceiramente... delicioso.

Mezquita Azul - Sultanahmet Camii

Santa Sofía

Esta foto que queda por debaixo deste paragrafo é un famoso restaurante da zona do Serrallo chamado "House of Medusa". Case todos os locais de Estambul, e hai moitos, sonvos así, por iso que non pensedes en Estambul como unha cidade musulmana pechada, triste e gris. En moitos aspectos é moito máis aberta e colorida que as nosas cidades.

Restaurante House of Medusa

Pola mañá seguinte a estraña cidade tiña unha nova cor, pero aínda así a nosa ollada nos primeiros camiñares resultou un tanto decepcionante porque o noso hotel parecía estar nunha zona un tanto deprimida. Tratarei de facer unha pequena descripción: é unha cidade inquieta, chea de xente que non para de moverse dun lado para o outro, arrastrando carros cargados de paquetes dunhas dimensións que aquí asustanrían a calquera transportista, xente mercando, xente vendendo de todo, xente comendo en calquer momento do día. Está todo cheo de tendas que prácticamente abren a todas horas. Ves persoas no umbral da gran pobreza mesturadas con persoas cunha vida máis acomodada, mulleres e homes fortemente relisioxos, especialmente elas cos seus panos na cabeza, mesturados con turcos completamente occidentalizados, con roupas tan modernas como as que podemos atopar na rúa Príncipe. E o trafíco...? pensamos en alugar un coche pero tería sido un terrible erro. Por comparación, en Vigo conducen ben.

Mañá fría e chuviosa pero había que moverse: as primeiras visitas serían polo tanto a Mezquita Sultanahmet e a basílica de Santa Sofía... e pagou a pena… quedamos abraiados.

Santa Sofía dende o patio norte da Mezquita Azul

Santa Sofía dende o Hipodromo

Santa Sofía é maxestuosa. As dimensións son inapreciables nas fotos, é necesario estar alí, dentro daquela... sala? Non, algo dese tamaño non é unha sala, é, non sei, sinceiramente, a habitación dos fillos do mítico Poseidón. Se cadra Ulises sacoulle alí o ollo a Polifemo. O tamaño apréciase moi ben dende fóra. Ves Santa Sofía e dis, é xigantesco! Santa Sofía representa claramente o concepto de edificio enorme. E logo entras... se che queda cara de idiota cando comprendes que o edifico de catro pisos onde viviches toda a vida podería coller alí adentro!

Interior de Santa Sofía Maqsura dende onde o sultán asistía aos rezos
Interior de Santa Sofía Interior de Santa Sofía

A mágoa é en certo modo o interior. É tan impresionante como o exterior pero non pode ocultar o expolio, o dano sufrido tras a dominación otomana e o paso do tempo. Os laboriosos mosaicos cas súas patinas de ouro, as columnas, os mármores... as dimensións de todo... e como non, os fermosísimos e azulados azulexos de Iznik. Santa Sofía foi levantada como basílica cristiana cando Estambul aínda era Constantinopla, polo emperador Justiniano I no ano 530 e tantos, e cando a cidade foi conquistada polos otománs foi unha das igrexas que salvou de ser derruida e convertéronna en mezquita: taparon as pinturas e os mosaicos de figuras humáns, engadiron minaretes, o mihrab (o oco que indica onde está A Meca, o Mimbar (o púlpito da oración e do sermón), o Maqsura, as fontes para as abducións, caligrafías con sutras do Corán, cos nomes de Alah e do profeta...

Ao longo dos séculos (pensade que ten uns 1500 anos) tivo que ser reconstruída en parte ou reforzada polos terremotos que a afectaron. Os grandes contrafortes exteriores son un dos motivos que lle dan o seu aspecto xigantesco. Non sei que pensou o sultán Mehmet II cando conquistou Estambul no ano 1453 e mirou a basílica, pero o certo é que todas as grandes mezquitas construídas na cidade no período otomán están influenciadas pola arquitectura de Santa Sofía.

Interior de Santa Sofía

Esta foto que sigue é un exemplo de como facían as cousas os otománs, porque simplemente é a fonte onde se levaban os fieis antes de entrar aos rezos, pero eles déronlle un aspecto maxestuoso.

Fonte das abducións en Santa Sofía

Estambul é a terra do comercio... e dos gatos!! Está cheo de gatos por todos lados, pero cunha naturalidade que aquí deixaría abraiado a máis de un. Dentro de Santa Sofía atopamos a uns cantos e fóra a este, cuspidiño ao noso Moqui. Non poidemos deixar de tirarlle unha foto.

O Moqui de Estambul

Xunto con Santa Sofía e formando os dous monumentos parte dun dos conxuntos arquitectónicos máis fermosos do mundo, está a Mezquita Azul, ou Sultanahmet Camii. Uns grandes xardíns separan os dous edificios, que ademais están aliñados co Pazo Topkapi, situado detrás de Santa Sofía, no extremo da península que separa o Corno Dourado do Bósforo, e todo o conxunto sitúase no que foi a zona do pazo imperial bizantino antes da conquista de Constantinopla. De feito aínda se poden observar os restos do antigo hipódromo a un lado da Mezquita Azul.

Exterior de Santa Sofía

Exterior de la Mezquita Azul

A Mezquita Azul é espectacular. Está rodeada por varios patios dos cales o máis fermoso é o da entrada principal, que é por onde entran os fieis. É un patio completamente feito en mármore casi tan grande como o interior da mezquita. A parte superior está formada por unha serie de cúpulas e semicúpulas que producen un fermosísimo efecto de cascada. Ten seis minaretes o que foi un problema no seu momento: moitos queixáronse de que non podía ter tantos minaretes como a mezquita da Kaaba na Meca (algo parecido o que sucedeu no seu momento ca Catedral de Santiago, que non podía haber edificio máis alto que as súas torres) e o sultán solucionouno pagando a construcción do sétimo minarete da mezquita santa.

Gato Na Mezquita Azul Tellado en cascada da Mezquita Azul
Corredor do patio interior da Mezquita Azul Patio interior da Mezquita Azul

O interior non é menos impresionante. A pesares de estar cheo de xente, moitos deles totalmente faltos de respecto polo lugar, o interior da mezquita transmite unha serenidade tal que só che apetece sentar no chan, e deixarte levar pola tranquilidade, pola luz, pola verticalidade das estructuras... pola fermosura dos azulexos de Iznik que lle dan nome... Non esquenzades que está cheo de alfombras e que che fan descalzar: sentas ou axeónllaste e empezas a observar tranquilamente cada detalle, sen presas, sen que ninguén che faga sentir que estás fóra de lugar. É suntuosa no aspecto da súa elaborada e perfeccionista decoración, das grandes lámparas cheas de luces (todas de aforro), pero está decorada dun xeito sinxelo, tan só pinturas, azulexos, vidrieras, con motivos de prantas, flores, froitos,  con caligrafías, facendo que esté chea dunha fermosura excepcional. Non hai figuras nin adornos recargados.

Interior de la Mezquita Azul

Maunsoleo de Ahmet III

Esta foto superior é o maunsoleo de Ahmet III, o sultán que mandou construir a Mezquita Azul, situado a uns pocos metros dela.

Cisterna da Basílica

Esa mañá tamén visitamos outro monumento da zona do Serrallo, situado a un lado de Santa Sofía. A Cisterna da Basílica. É unha cisterna que recibía auga de lonxanas montañas polo acueducto de Valente e foi construída no século VI por Justiniano I. Ten unha capacidade de máis de 80 TM e é un verdadeiro bosque de columnas... hai máis de 300. No século XVIII foi redescuberta cando un arqueólogo británico observou que as casas da zona tiñan acceso a pozos dos que sacaban auga e ás veces peixes.

Unha das súas peculiaridades: as cabezas de medusa. Nunha esquina ao fondo, os pes que soportan dúas columnas son dúas xigantescas cabezas da mítica Medusa esculpidas en pedra. Non se sabe cal é a súa orixe: pensade que as columnas non foron fabricadas para a cisterna. Foron traídas de templos pagáns distantes.

Cabeza de Medusa na Cisterna da Basílica

Ben, xa lle chegou… logo vos conto máis…

Ningún comentario :

Publicar un comentario